Catro agasallos para xente miúda

Os nenos e as nenas son os que reciben con maior ilusión estas datas natalicias, e os agasallos algo teñen que ver nesa ledicia. Recompilamos catro ideas para distintas idades.

Reizentolo, a marca de roupa máis divertida de Galicia, trae unha combinación perfecta para agasallar as nais e bebés este Nadal. Para os pequerrechos, teñen o bodi de manga curta que di «Miña nai é meiga»,dispoñible en dúas tallas: de 0 a 6 meses e de 6 meses a un ano.Para elas, un suadoiro que o confirma: «Son M.E.I.G.A. (Muller · Empoderada · Independente ·Galega · Ata a cona)». Un total look que demostra algo que xa sabiamos: que habelas hainas!

15,95 € | reizentolo.es

Miudiño presenta un novo produto para fogares, escolas e bibliotecas: catro crebacabezas inspirados nos fondos mariños das illas Atlánticas, a partir das ilustracións de Clara Cerviño para a publicación Os nosos mares. Cada un deles, de duascentas pezas e tamaño A3, revela, ao completalo, unhas vinte especies co seu nome galego, o que fai que a experiencia sexa artística e educativa. Feitos en cartón de alta calidade, fomentan o coñecemento, o respecto e a protección do mar, ao tempo que ofrecen unha forma divertida de se achegar á biodiversidade galega.

19,00 € | miudinho.gal

Fomentar a lectura desde ben pequenos sempre é unha grande idea, e os álbums ilustrados son un bo xeito de facelo. Esta obra de Macarena G. Vicente ilustrada por Iria Bermúdez e editada por Galaxia recibiu o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado en 2025. A obra, de corenta páxinas de extensión, trata sobre o porco Curro, que recibe grandes doses de aloumiños, goza de longos paseos coa súa granxeira e come as mellores landras… ata que un día escoita algo que remata coa súa tranquilidade.

17,00 € | editorialgalaxia.gal

REVISTA NADAL

Unha opción que nunca falla é o xogo simbólico, unha ferramenta imprescindible en múltiples procesos de aprendizaxe. Na tenda de puericultura Mapis explícannos que a través destes xogos a cativada explora o mundo, desenvolve a mente e interioriza e recrea procedementos da vida cotiá, o que a prepara para interactuar socialmente. As cociñas de Little Dutch son as nosas preferidas tanto polos seus acabados como pola súa durabilidade!

169,95€ | mapis.es