ENCORDASS

Casa Mar, o grupo pesqueiro privado máis grande de España

Como a historia dunha cidade industrial é a historia da súa industria, hoxe imos coñecer un anaquiño máis da historia de Vigo da man dos Sensat.

Casa Mar | Catálogo de Vigo

Membro dos Curbera, outra das grandes sagas empresariais da cidade, Javier Sensat presumía de, sen ter acabado o bacharelato, fundar o grupo pesqueiro privado máis grande de España, con 14 empresas, 103 barcos, 2400 empregados e máis de cen millóns de pesetas de facturación grazas a unha idea revolucionaria e inédita ata a data.

A súa aventura en solitario comezou en 1939, cando, xunto a Carlos Gómez, Casimiro Durán, Gaspar e Antonio Massó, Hermenegildo Alfageme, Joaquín Davila, Ángel Gándara e Eugenio Fadrique, funda Casa Mar. Sensat revoluciona a pesca cunha idea inédita ata o momento: agrupar o maior número de buques pesqueiros e poñelos a producir baixo a mesma dirección. Os seus propietarios non perdían a propiedade dos barcos, senón que os cedían á sociedade, que os administraba unificando a compra de subministracións e a venda do peixe, co que obtiñan unha maior rendibilidade. Os barcos desta compañía traballaron en todos os caladoiros do planeta: no Gran Sol, no Atlántico, en Terranova, en Sudáfrica, en Chile, na Arxentina…

Durante os anos corenta Casa Mar seguiu a aposta do réxime franquista pola pesca do bacallau. De feito, importantes membros das elites da ditadura eran socios capitalistas da empresa. Nesa época, mentres que o soldo mensual medio nalgunhas compañías era de 500 pesetas, en Casa Mar pagaban 1200 pesetas ao mes. Un dos fitos na historia da empresa foi a inauguración, o 16 de setembro de 1955, da nova factoría en Beiramar, a máis grande e moderna de España nese momento. Dúas décadas despois, Casa Mar, ao igual que o resto de armadoras da ría, sumouse ao camiño emprendido por Pescanova coa «revolución do frío» e comezou a construír arrastreiros conxeladores. O Mar de Labradorfoi un dos buques estrela da compañía, que optou por poñer a todos os seus barcos nomes dos distintos mares do mundo.

Casa Mar | Arquivo Ángel Llanos

Javier Sensat, quen morreu en 1977, foi un dos principais benfeitores do Banco de Alimentos, da Clínica San Rafael, do Asilo dos Anciáns Desamparados, do Orfanato de Panxón ou do Museo Quiñones de León. Ademais, cedeu dez mil metros cadrados para o colexio público que leva o seu nome e contribuíu de forma económica á restauración do cemiterio de Alcabre. Tamén doou á cidade o Monumento ao pescador, situado no Berbés, e o cruceiro do aeroporto de Peinador. Ademais, durante os anos que estivo operativa, Casa Mar convocaba bolsas de estudos para os fillos do persoal traballador, contaba cun economato de alimentación e téxtil e mais cunha clínica, e as familias dos empregados que perdían a vida traballando estaban protexidas economicamente pola empresa.

Casa Mar | Catálogo de Vigo

A declaración da zona económica exclusiva en 1982, que prohibía a pesca a duascentas millas da costa, sumada á súa aposta polo peixe fresco —fronte ao conxelado, como Pescanova—, foi o principio do fin para a empresa, que pechou de forma definitiva en 1994. O edificio da factoría de Beiramar foi adquirido polo Concello de Vigo, que o mantivo no máis absoluto abandono ata a súa demolición en 2006, sen valorar a recuperación de ningún elemento patrimonial nin maquinaria da compañía. Cun custo de 85.700.000 euros, o 26 de marzo de 2011, no solar que ocupaba a factoría Casa Mar, inaugúrase o Auditorio Mar de Vigo, con capacidade para 1421 espectadores. Nesa data xa estaba baleiro o Cine Fraga, que a Xunta comprou en 2024 por dez millóns de euros e que tras a súa reforma terá capacidade para 1300 espectadores. En 2019 foi demolido o último vestixio que se conservaba deste grupo empresarial, a nave de Cordelerías Mar, para construír un bloque residencial de luxo. O único que se conserva en Vigo do maior grupo pesqueiro privado de España son catro bacallaus (emblema da empresa) nun muro do Museo do Mar, en Alcabre.

Por: Newt Crafts e Beiramar da Xente

REVISTA XUNHO