Carlos Núñez: «É fundamental recoñecer a quen morreu loitando polos dereitos que temos hoxe»
O comunismo é a liña que marca a biografía de Carlos Núñez Rodríguez (Ourense, 1941). De mozo marchou estudar a Moscova e ao regreso instalouse na nosa cidade, onde traballou de forma incansable para acabar coa ditadura. Influíu de forma decisiva nas folgas de 1972 e, tras varios arrestos e cumprir unha condena en Palencia, viuse obrigado a se exiliar ata a morte de Franco. Formou parte da primeira corporación municipal viguesa, desde a que loitou para tirar abaixo o sistema caciquil instaurado. Perfecto Conde acaba de publicar Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro (Galaxia, 2025), un libro de conversas no que percorre a intensa vida do camarada.

Cal foi o seu primeiro contacto co comunismo?
Tiven o primeiro contacto cun camarada comunista aos quince anos. Era un profesor de inglés que viña dos Estados Unidos. A partir de aí entrei en contacto coa organización do Partido Comunista, unha organización absolutamente pequena no Ourense dos anos cincuenta.
Conta no libro que o seu pai, Albino, tivo unha importancia fundamental na súa forma de pensar, aínda que el non era comunista.
Si, meu pai foi un home fundamental na apertura das miñas ventás ao mundo, ao horizonte das diferentes ideoloxías políticas e do respecto polos demais. Respecto polos compañeiros socialistas, anarquistas, todos.
Como un rapaz de Ourense marcha con dezasete anos a Moscova?
O partido falou co meu pai e díxolle que era unha pena que non marchase fóra para educarme. Para poder chegar a Moscova saín como emigrante a Francia. Alí atopei traballo nos ferrocarrís, onde pasei tres meses ata que me arranxaron un pasaporte para marchar a Moscova.
Que ou quen lle deu a afouteza para marchar sendo tan novo e tendo en conta todo o que implicaba naquel momento ir para Moscova?
Esa necesidade de cambio que recibín da educación dos meus pais. Un cambio a nivel educativo, a nivel estrutural, a nivel económico, a nivel sanitario na España do fascismo. Ese cambio absoluto que había que dar.

Como foi a experiencia en Rusia? Que foi o que máis o sorprendeu ao chegar alí?
Sorprendeume moito o monumentalismo; o metro, por exemplo. Pero o que máis me sorprendeu foi o alto nivel cultural da masa media, o respecto a outras ideoloxías —coñecidas ou non— e o poder falar entre xente descoñecida.
A que dedicou o seu tempo alí?
Estiven na Escola de Ciencias Sociais da Universidade Lomonósov de Moscova. Alí foi onde coñecín o que significaba a economía marxista ou a psicoloxía de Freud, tan deostada e tan esquecida neste país. A evolución histórica non só de España, senón do mundo enteiro.
Coa perspectiva do tempo, como diría que influíu esa experiencia en vostede?
Influíu decisivamente na miña educación. Compárome cos rapaces de hoxe en día e vexo que eles teñen moita máis información, pero non teñen as ferramentas para saber como poden axudar ou facer avanzar a sociedade.
«Foi a conxunción da esquerda de España a que asfixiou o franquismo»
Despois dese tempo alí, regresa a Galicia, en concreto a Vigo. Por que se estableceu aquí?
En principio, o Partido Comunista mandábame a Barcelona, pero eu prefería Vigo. Cheguei sen coñecer a ninguén e aquí había un silencio total no ámbito cultural, na xuventude, nos obreiros… É certo que xa houbera algunha folga en Vulcano e Barreras, pero eu recórdoo como un sitio de silencio.
Veu aquí para facer partido. En que consistía iso?
En facer contactos e, a partir deles, ir creando comités cidadáns, obreiros, xuvenís… Con ese fin entrei nalgunhas institucións, por exemplo a Alianza Francesa ou a HOAC (Hermandad Obrera de Acción Católica), sen ser eu crente; incluso conseguín meter no partido un cura novo. Aquí faltaba organización, era o que a xente necesitaba. Detrás daquel silencio, se tocabas un pouco, saía música.
Estivo no cárcere en catro ocasións. Por que o detiveron?
Nunca por algo concreto. Víñanme buscar á saída do traballo, levábanme á comisaría de Taboada Leal e alí golpeábanme e sometíanme a violencia. Nunha das ocasións puxéronme unha inxección de pentotal, que provoca unha dor terrible, e te deixa aparvado. Había que ter moita fortaleza psicolóxica para non dicir o que eles querían escoitar. De alí dous policías leváronme camiñando esposado ata o cárcere que estaba onde hoxe se atopa o museo Marco. A primeira vez estiven sete días, a segunda e a terceira vez estiven outros cinco ou seis días e a cuarta vez xa foi cando me levaron para o penal de Palencia, onde estiven máis de tres anos.
Como lle sentou que despois de todo o período da Transición os seus verdugos quedasen libres?
Ese foi o gran pecado da Transición. Din que non se podía facer outra cousa. Dubídoo moito. O aparato do Estado quedou inmune. No exército e no aparato represor da policía do Ministerio do Interior quedou moita xente que tiña as mans manchadas de sangue. Naquel momento, e creo que por primeira vez na historia deste país, conseguimos que xente de dereitas e de esquerdas puidese sentar arredor dun programa mínimo de liberdades políticas. O de cambiar o exército e a policía tiña que quedar para un segundo tramo da Transición. Pero nese segundo tramo, no que estaba Felipe González á fronte do goberno, xa nos demostrou que non foi capaz de entrar no Ministerio do Interior e facer limpeza. E o mesmo pasou na Igrexa, na que non se fixo ningunha depuración.
Vostede tivo un papel importante nas folgas de 1972. Como se xerou todo iso?
Unha folga xeral dunha cidade importante como Vigo hai que organizala. O despedimento de Isidro en Citroën foi o elemento que desencadeou todo: o Vigo do silencio, pum!, solidarizouse de cheo con Isidro e en 24 horas conseguimos parar Barreras. Para que isto funcionase houbo moito traballo detrás, un traballo de camaradas e de xente doutros partidos que de maneira unitaria colaboraron tamén. Ademais, esta folga de Vigo foi unha folga a nivel metropolitano, porque pararon tamén empresas en Cangas, no Porriño, en Ponteareas…

Esa folga de 1972 tivo repercusión incluso fóra de aquí. Imaxinaban que ía alcanzar esa transcendencia?
Tiñamos contacto co xornal francés Le Monde e xente amiga en Radio-Paris. Entón, ao terceiro día de mobilizacións enviamos a noticia e automaticamente o xornal publicouna. Ao ser Citroën francesa creouse un movemento solidario en París e conseguimos que Vigo tivese repercusión europea. Porque, ademais, nós non só informabamos das fábricas que paraban, senón que explicabamos os motivos das mobilizacións e como toda esa desconformidade estaba vinculada co réxime franquista. Non estabamos só loitando pola readmisión das persoas despedidas ou polo aumento das 145 malditas pesetas, senón que loitabamos polas nosas liberdades e contra o réxime franquista.
Que faltou para conseguir derrocalo?
Realmente folgas como esta hóuboas en toda España. O franquismo non morreu por inanición; foi a conxunción da esquerda de España a que asfixiou a supervivencia deste poder fascista en Europa. O franquismo estaba morto antes de morrer; o que non estaba morto era o látego da Brigada Político-Social. De feito, en 1972 tiven que exiliarme porque tiña enriba unha orde de busca e captura. Pero nesa altura o franquismo xa estaba podrecido.
O día que Franco morreu vostede estaba fóra. Como recibiu a noticia?
A verdade é que non o recordo, e tampouco foi con especial alegría. Nós xa sabiamos que Franco estaba moribundo; o franquismo levaba tempo moribundo e a Transición estaba xa comezada. Medio ano antes de que Franco morrese, en París, que era o lugar no que converxían as forzas españolas do exilio, xa se estaba traballando na Transición.
«No aparato do Estado quedou moita xente que tiña as mans manchadas de sangue»
De volta xa en Vigo, converteuse nun dos pais do municipalismo. No libro di que tiveron que botar abaixo o caciquismo da cidade. En que consistiu iso exactamente?
Viviamos un momento no que se derrubaban edificacións de catro plantas para montar outras de dez ou máis, que non tiñan nada que ver coa historia e a arquitectura da cidade. Eran tempos de grande especulación e o caciquismo era a forma de facer as cousas. A nós tocounos cambiar as regras. Nese primeiro goberno estabamos o Partido Socialista, o Partido Comunista, Unidade Galega e o Bloque. Entre todos organizamos un novo tipo de normativa e andamiaxe para construír unha sociedade menos fráxil, máis forte e máis representativa.
Deste tempo, de que se sente máis orgulloso?
De lograr a participación da xente nos asuntos públicos. Creáronse asociacións de veciñanza moi poderosas, que, por certo, hoxe non vexo. Aquelas asociacións loitaron pola iluminación dos seus barrios, polos sumidoiros, polas escolas, pola sanidade pública…
Di no libro que a movida había que movela. Que papel xogou vostede neses tempos?
A min Francia inspiroume liberdade e a movida era esa liberdade creativa e artística, no sentido de que non hai nada que che impida decidir como escribir, como filmar, como pintar ou como facer poesía. Era unha mestura articulada de artistas, de vivencias, de sentimentos, que se apoiaba na cultura: literatura, xornalismo, poesía, música…
«O maior orgullo foi lograr a participación da xente nos asuntos públicos»
Que balance fai destes cincuenta anos de democracia?
Un balance altamente positivo. Este nivel venturoso da democracia española foi conseguido por toda a sociedade. A nosa é unha democracia que está dando envexa a nivel europeo, a pesar dos restos do franquismo que seguen instalados, pero que non deixan de ser unha minoría.
Sente que as persoas que loitaron contra a ditadura non foron abondo recoñecidas durante este tempo?
Na historia dun país é fundamental recoñecer non só o papel dos que viven, senón tamén os corpos dos que seguen alá abaixo. Hai que recordar aqueles heroes, mulleres e homes que deron a súa vida e puxeron toda a súa enerxía para construír a España que temos hoxe.
Ao longo de todos estes anos tratou con xente moi recoñecida. Podería dicirme alguén que o marcase especialmente?
Dolores Ibárruri, a Pasionaria. Pola súa integridade, lucidez e valentía. Sendo unha muller obreira, Dolores era unha muller culta. Sabía escoitar os compañeiros e as compañeiras doutros partidos, era profundamente unitaria e unha loitadora polos dereitos das mulleres.
Tamara Novoa
Editora
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Carlos Núñez: «É fundamental recoñecer a quen morreu loitando polos dereitos que temos hoxe» - 27 Outubro, 2025
- Viaxe a historia negra de San Simón - 24 Outubro, 2025
- Marcos de la Fuente, poeta: «Carlos Oroza deume un camiño que seguir» - 24 Setembro, 2025
- 35 anos de conexión Sáhara-Vigo - 27 Agosto, 2025
- Cristina Olea: «Trump reclama todo o tempo a atención dos medios e, á vez, ódianos» - 27 Agosto, 2025



