Carlos Núñez clausurou a segunda edición do Congreso do Mar

A segunda edición do Congreso do Mar finalizou este xoves a súa programación congresual, tras unha semana de actividade que permitiu impactar de forma directa a máis de 10.000 persoas, consolidándose como unha das principais iniciativas de divulgación, promoción e encontro da economía azul en Galicia.


Impulsado por Diesemm e o Real Club Náutico de Vigo, o evento combinou unha intensa programación profesional con numerosas actividades abertas á cidadanía, reforzando o seu obxectivo de achegar o mar á sociedade e poñer en valor o seu papel como motor económico, social e cultural. Carlos Núñez e o seu relatorio ‘Músicas Atlánticas’ puxeron o broche final á programación congresual desta segunda edición.

A xornada de clausura, centrada na industria, a innovación e o emprendemento, reuniu a representantes de empresas como CEAMSA, Hermasa, Congalsa, Suevia Mar, Talenom, Marine Instruments, Porto-Muíños, Navalia ou Eimskip Logistics, entre outras, para abordar algúns dos principais retos e oportunidades da economía azul. Alén dos relatorios e mesas redondas, a xornada estivo marcada polo simulacro de Salvamento Marítimo con rescate mediante helicóptero celebrado na contorna de As Avenidas, que foi seguido en directo por máis de 700 escolares e que espertou unha gran expectación entre centos
de vigueses. Un showcooking a cargo do chef Juan Perret, do restaurante Kero, elaborado con produtos de ANFACO-CYTMA e Porto-Muíños, puxo o punto final a unha xornada na que se destacou “a necesidade de dispoñer dun punto de encontro no que poder conversar e compartir os retos e oportunidades de toda a industria relacionada co mar”, tal e como sinalou David Suárez, CEO de Diesemm.

As xornadas congresuais, celebradas os días 10 e 11 de xuño no Real Club Náutico de Vigo, reuniron a máis de 50 relatores, 15 startups e máis de 30 empresas, institucións e asociacións vinculadas ao ecosistema marítimo. Cos resultados desta segunda edición, O Congreso do Mar consolídase como un espazo de referencia para conectar industria, innovación, turismo, deporte, sustentabilidade e cidadanía ao redor de unha visión compartida do mar como oportunidade de desenvolvemento para Galicia.