REVISTA ABRIL

Capri 2, cousas de familia

As xeaderías Capri están na memoria de todos os vigueses. Tanto polos sabores clásicos como pola curiosidade de coñecer as novidades de cada verán, os seus establecementos son unha parada obrigada en canto vemos uns raios de sol. Unha tradición que moitos podemos remontar ata a infancia. O establecemento ubicado na Rúa Velázquez Moreno é un negocio familiar capitaneado polo neto do empresario italiano que abriu a primeira xeadería artesá da cidade, hai xa 65 anos.

O italiano Marco de Cesero abriu a primeira xeadería Capri en 1956, no número 4 da rúa Carral. Era un local pequeno, no que se servían xeados de oito sabores a 50 céntimos de peseta o cornete e, aínda que Cesero era neófito no negocio, axiña colleu sona dentro e fóra da cidade olívica, pois de Cesero foi un dos primeiros introductores dos xeados artesáns, libres de aromas artificias e cores rechamantes, que apostaban polo sabor da materia prima e a cremosidade.

Hoxe en día, o seu neto Christian Rodríguez de Cesero adoza os veráns dos vigueses desde Capri 2, o segundo emprazamento aberto por Marco en Vigo. Capri 2 é un obrador de xeado artesán que chama a atención pola presentación do seu produto e a constante innovación en sabores. Todas as súas receitas toman forma no obradoiro artesanal que dirixe este mestre xeadeiro. A creatividade, o esforzo e o entusiasmo son algunhas das cualidades que fan que o traballo e a profesionalidade dean lugar ás creacións máis orixinais.

Algunhas das últimas novedades que saen do incesante proceso de proba-erro de Christian son o xeado de chocolate Nestlé Jungly; o exclusivo xeado Capri, elaborado a base de crema de queixo e caramelo; ou o Dolomite, unha crema salpicada duns amorodos salvaxes pequeniños importados desde Italia, ao igual que moitos outros dos seus ingredientes. O nome fai referencia ás montañas nas que está asentada Igne, unha localidade italiana ao pé dos Alpes coñecida no pasado século por albergar un gran número de artesáns do xeado e da que é orixinario Marco de Cesero. “Aínda que innovamos constantemente, gústanos manter a autenticidade italiana do noso produto”, explican.

Durante os meses de calor, o traballo neste obrador duplícase. En primeiro lugar porque chegan os encargos desde outros establecementos de hostelería, que o xerente selecciona minuciosamente co fin de manter a calidade no produto final. En segundo lugar porque Capri 2 instala unha segunda sede nos soportais de El Corte Inglés, un oasis de frescor e sabor moi convinte para non sofocarnos subindo a Gran Vía.

REVISTA ABRIL

Rúa de Velázquez Moreno, 26

886 117 354

@capri2vigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.