Canto gasta Vigo nos concertos de Castrelos?
O programa de Vigo en Festas deste ano en Castrelos conta con doce actuacións musicais para adultos (dúas delas óperas) e dúas infantís, ambas gratuítas. Para a zona de pago dos concertos xa están saíndo á venda as entradas de forma escalonada, con prezos económicos entre os 10 e os 15 euros.

Un dos momentos máis agardados do verán é a chegada dos concertos a Castrelos, o fermoso auditorio ao aire libre situado no parque do mesmo nome. Desde hai décadas, todos os anos prográmanse concertos de artistas recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional. A presenza local, en cambio, ultimamente adoita estar limitada á Coral Casablanca e a algún caso puntual como Sen Senra ou Wöyza & The Galician Messengers. Este ano haberá doce actuacións musicais (dúas delas óperas) e dous espectáculos infantís. Como sempre, estes últimos son gratuítos e no caso dos primeiros haberá unha zona de pago, a platea, e outra de balde, as gradas e o resto do parque. Tamén é habitual que as entradas teñan un custe simbólico; nesta ocasión oscilan entre os 10 e os 15 euros, prezos moi por debaixo do mercado actual.
A platea ten capacidade para entre 2200 e 5000 persoas, dependendo se o concerto é sentado ou de pé. O sistema para mercar as é o mesmo que o ano pasado: dúas quendas, de mañá e tarde, tanto presencial en Castrelos como en liña na web habilitada polo Concello. Haberá máis entradas dispoñibles de xeito presencial que telemático. É preciso levar o DNI (tanto propio como do resto de persoas que vaian acudir ao concerto) para efectuar a compra dun máximo de catro entradas por persoa.
A través da web de contratacións do Estado podemos coñecer o prezo que pagou o Concello de Vigo por cada unha das actuacións. A falta de saber o custe das dúas óperas e dos espectáculos infantís, a administración municipal desembolsou polos concertos deste verán 2.508.511 euros, incluíndo impostos. Os dous máis caros corresponden a dous artistas internacionais de grande éxito nos seus respectivos estilos: Jason Derulo, con 550.368 €, e The Black Keys, con 479.765 €.
Malia ser cifras notablemente elevadas, ningunha delas chega a superar os dous concertos máis caros da historia de Castrelos: David Guetta en 2023 (930.000 euros) e Aitana en 2024 (786.500 euros).

Lista de concertos | Cachés (con IVE) | Prezo das entradas na platea
12/7 Ana Belén | 195.415 € | 10 €
16/7 Infantil: ¿De qué color es un beso? | Por confirmar | Gratis
17/7 Gente de Zona | 169.400 € | 10 €
18/7 Trueno | 289.190 € | 12 €
21/7 The Black Keys | 479.765 € | 15 €
24/7 Rozalén | 153.670 € | 10 €
26/7 Coral Casablanca | 46.585 € | Gratis
31/7 Vanesa Martín | 163.350 € | 10 €
1/8 Ópera La Traviata | Por confirmar | Gratis
3/8 Jason Derulo | 550.368 € | 15 €
9/8 Ópera Turandot | Por confirmar | Gratis
12/8 Infantil: La Bella y la Bestia | Por confirmar | Gratis
15/8 UB40 ft. Ali Campbell | 291.368 € | 12 €
16/8 India Martínez | 169.400 € | 10 €
TOTAL: 2.508.511 €*
- Sen contar as óperas e os espectáculos infantís
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- A lenda brasileira Toquinho repasou en Vigo sesenta anos de cancións - 11 Xullo, 2025
- Manuel Bragado escolle os quince momentos máis relevantes da historia de Vigo - 7 Xullo, 2025
- Maná repasa o seu legado imperecedoiro nun Monte do Gozo ateigado - 6 Xullo, 2025
- Canto gasta Vigo nos concertos de Castrelos? - 2 Xullo, 2025
- Contedores de memoria: por que é importante catalogar o patrimonio industrial como Ben de Interese Cultural? - 26 Xuño, 2025