Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade

A escola de baile Caixa de Ritmos volve celebrar este verán o seu campamento urbano Caixiña de Ritmos, unha actividade dirixida a nenos e nenas que combina baile, música, artes plásticas e propostas de reciclaxe.

“Diversión, aprendizaxe e moito baile” é a proposta de Caixa de Ritmos para os nenos e nenas este verán. A escola de baile organiza un ano máis o campus urbano Caixiña de Ritmos, un campamento dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos que se desenvolverá en Vigo entre o 6 e o 24 de xullo. A actividade combina formación artística e lecer a través da danza, a música e obradoiros creativos, cun enfoque tamén na reciclaxe e a conciencia ambiental.

O campus terá lugar en Caixa de Ritmos, situada no Calexón Canos 9, a carón do Teatro García Barbón. O horario principal é de 9:00 a 14:00 h, aínda que as familias poden ampliar o servizo de entrada e saída, con posibilidade de chegar desde as 8:00 e saír ata as 15:00 h mediante suplemento. A organización aposta por grupos reducidos, cun máximo de 12 participantes por grupo, co obxectivo de ofrecer unha atención máis personalizada.

FAITE AMOVIDALOVER

A actividade principal é o baile, especialmente o achegamento a diferentes estilos de baile urbano como hip hop, house, breaking ou popping, ademais de danza jazz orixinal. A través do movemento corporal, introdúcense tamén conceptos musicais básicos e trabállanse disciplinas complementarias como o canto, a percusión corporal e o claqué. Segundo a organización, búscase favorecer “diversión, aprendizaxe e moito baile para gañar conciencia corporal, rítmica, psicomotricidade, capacidade de traballo en equipo e desenvolvemento da sensibilidade musical”.

Tamén se realizan actividades complementarias de artes plásticas centradas na reciclaxe, para fomentar a concentración e a creatividade, ao mesmo tempo que desenvolven unha conciencia medioambiental e adquiren estratexias para darlle nova vida aos obxetos vellos, fomentando a capacidade de resolución de problemas.

En canto aos prezos, establécense diferentes opcións segundo a duración: unha semana por 119 euros, dúas semanas por 218 euros e o programa completo de tres semanas por 297 euros . A organización ofrece ademais un desconto do 10% para irmáns e suplementos para o servizo de ampliación horaria. A reserva realízase mediante formulario dispoñible na súa web e teñen un número de Whatsaapp dispoñible para resolver dúbidas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.