Búscanse cineastas frikis para a décima edición do GFFF

O Galician Freaky Film Festival abre a convocatoria de curtas para a súa #X Edition, que se celebrará entre o 18 e o 26 de setembro de 2026, incorporando como principais novidades o premio Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea e o Freak Pitch para proxectos en desenvolvemento.

O festival internacional de cine freak e fantástico de Vigo quenta motores para a súa décima edición e faino cun chamamentoaos cineastas máis atrevidos do panorama audiovisual. O festival, que terá lugar en Vigo do 18 ao 26 de setembro de 2026, abriu o 16 de decembro de 2025 o prazo de inscrición de curtametraxes que formarán parte da súa esperada #X Edition.

As obras poderán presentarse ata o 11 de maio de 2026 a través das plataformas Filmfreeway e Festhome, así como mediante o formulario dispoñible na web oficial do certame, onde tamén se poden consultar as bases completas. A convocatoria está aberta a cineastas profesionais e afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre que fosen producidos en 2024 ou posteriormente. O festival admite exclusivamente curtametraxes cunha duración máxima de 30 minutos, que deberán encaixar nalgún dos xéneros que definen a identidade do GFFF: terror, fantasía, ciencia ficción ou freak. Ademais, mantense a Sección Oficial Pequefreak, dirixida ao público infantil e familiar, un festival paralelo que desde hai cinco anos achega a cultura freak ás xeracións máis novas.

As curtas seleccionadas competirán dentro da sección oficial da décima edición e optarán a algún dos once premios outorgados tanto polo público como por un xurado especializado. Como gran novidade deste ano, o GFFF incorpora o Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea, tras a súa recente adhesión á Federación Méliés. A obra gañadora accederá directamente á competición do Méliès d’Or, organizada anualmente pola Federación Europea de Festivais de Cine Fantástico.

Outra das apostas destacadas para 2026 é a creación do Freak Pitch, un concurso para proxectos de curtametraxe en fase de desenvolvemento. Dirixido a propostas adscritas ao xénero fantástico ou freak que se atopen en pre-produción, o Freak Pitch seleccionará oito proxectos que deberán ser defendidos polos seus creadores ante un xurado profesional durante as datas do festival. Outorgaranse dous premios económicos de 500 euros: o Premio Freak Pitch ao mellor proxecto freak e o Galician Freak Pitch ao mellor proxecto galego. Con esta iniciativa, o GFFF quere continuar impulsando o futuro do cine freak e fantástico, prestando especial atención á produción de proxectos de orixe galega.

Na súa décima edición, o Galician Freaky Film Festival reafirma a súa esencia máis alternativa e de culto, celebrando unha década de freakismo cunha proposta única: un ambiente singular, estreas absolutas en Galicia e a particularidade de subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. Máis de 4.000 persoas asistiron á última edición, consolidando o evento como unha das citas máis singulares do circuíto internacional de cinema fantástico e alternativo.

REVISTA NADAL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.