Bouzas súmase aos certames de pintura ao aire libre
A Cultural de Bouzas organiza o próximo sábado día 14 de xuño un certame de pintura ao aire libre, para retratar a vila mariñeira. Unha iniciativa que bebe doutras máis lonxevas como o Mercado de Arte de Sabarías, celebrado recentemente no Concello de Baiona.

Sacar a nosa vertente máis artística inspirándonos no enclave que nos rodea é a idea da que parten os certames de pintura ao aire libre, como o que se vai celebrar en Bouzas o próximo sábado 14 de xuño. Todas as persoas que queiran participar só teñen que presentarse cos seus bártulos de pintura ese día ás 10:30 h da mañá xunto ao palco da Alameda de Suárez LLanos. Desde ese punto, todos os participantes serán repartidos por diferentes recunchos desta vila mariñeira e terán ata as 13:30 h para facer tantos debuxos cantos queiran, empregando a técnica que cadaquén prefira. Todas as obras serán expostas a posteriori no Liceo Marítimo de Bouzas.
Esta nova iniciativa en Bouzas, leva anos celebrándose en Sabarís. Concretamente, entre o 16 e 18 de maio celebrouse a XVII edición do Mercado da arte en Sabarís, que incluía na súa programación o IV certame de pintura rápida ao aire libre Chicho Solveira. Os requisitos de participación, consistían no uso de estilo e técnicas libres, pero a súa temática debería ter como protagonista Sabarís, e a súa execución, debería ser directa, é dicir, diante do motivo ou modelo natural que representasen. Como resultado das votacións, o primeiro premio dotado de 800 €, recaeu no artista Antonio Losada “Guisado”, mentres que o segundo premio, cunha dotación de 400 € foi recibido, polo artista Carlos “Triñares”. Nesta edición, tamén se premiaron as categorías xuvenil e infantil, con diplomas, materiais de pintura e libros didácticos. Paralelamente, no reformado, Multiusos Mercado de Sabarís, os visitantes e participantes, tiveron a ocasión de poder contemplar as exposicións, falar e intercambiar impresións cos artistas, creando interaccións comerciais e persoais enriquecedoras. Trátase dun evento cultural xa imprescindible na axenda anual de artistas e amantes da arte, no que poder desfrutar do traballo tanto de artistas noveis como profesionais. Este evento organizado por COEMSA, (asociación de Comerciantes y empresarios de Sabarís) , e OVALMI, (asociación de empresarios e comerciantes do Val Miñor), conta coa colaboración do Concello de Baiona e a ABANCA.

Sen saírmos de Vigo, dentro do marco das Pícnic Sesións de Saiáns desenvólvese o Certame de pintura “Mingos Teixeira” no marabilloso enclave da Radio Costeira. Un certame de soporte e técnica libre dividido en tres categorías: 4 a 8 anos, 9 a 13 anos e 14 a 100 anos e no que os artistas deben representar a paisaxe de Saiáns.
Todas elas, iniciativas moi interesantes para promover e dar visibilidade aos artistas locais!
Texto: Marta Ramírez