Beret, mañá no Galicia Fest: «Se vas con algún tipo de idea ao concerto, vas errar»
O 29 e o 30 de agosto celébrase a primeira edición do Galicia Fest na Estación marítima de Vigo. Un dos pratos fortes da súa programación musical é a actuación de Beret. O sevillano, que acumula máis de seis millóns de oíntes mensuais en Spotify, actúa o sábado 30 ás 21:50 h. Ofrecerá un repaso pola súa discografía, interpretando os seus imprescindibles éxitos como Lo Siento ou Porfa no te vayas. Falamos con el para descubrir un pouco máis da súa traxectoria, e do que ten para ofrecer ao festival.

P: Como foi a evolución da túa traxectoria musical no que atinxe ás letras, aos xéneros e ao público obxectivo?
R: Respecto á letra, cando eu compuxen as primeiras cancións eu tiña 17 anos, e obviamente nestes 11 anos, o que necesito escribir e as cousas das cales me quero desafogar, obviamente non son as mesmas. Eu crecín da man das miñas cancións, polo tanto, a madurez que fun adquirindo tamén a fun aplicando ás letras.
E despois, respecto ás formas, tamén o feito de divertirme realmente coa música, e non estar sempre ancorado aos meus inicios, eu creo que é o que me fixo tamén adentrarme noutras formas e noutros xéneros. Diríache que realmente que é iso, o feito de crecer e experimentar coa música.
P: Como vives o proceso de composición?
R: Pois, o vivo baixo… deixarme levar polo presente realmente, porque non son unha persoa que premedita moito o feito de compoñer. Non son unha persoa que di, vou ao estudo para ver que me sae, senón que son ao revés, sáeme algo e vou ao estudo, non? Así que realmente creo que a composición a levo dunha forma súper orgánica, non me gustan tanto facer discos, porque… é como andar buscando algo. Eu penso que, cando fas unha canción, a fas porque a necesitas, non a fas porque buscas algo, senón porque tes que soltalo. Eu déixome levar, a verdade, polas miñas emocións e sempre saen cancións así.
P: Sentes presión por escribir un tipo concreto de letras ou cancións?
R: Bueno, a única presión que sinto é que se me entenda, porque moitas veces eu creo que estou a transmitir algo que para min di moito, pero só entendo eu. Ás veces, a presión é por buscar a forma para que a xente comprenda un pouco algo que está na miña cabeza, non? Pero outro tipo de presión, non.
P: Tampouco presión por parte da túa comunidade?
R: Non, non, ao revés, a xente creo que me abrazou moito na miña letra e nunca atopei a ninguén que me diga que por que estou a escribir X cousa, ao revés.
P: Recordas algún momento en concreto como o pico máis alto da túa carreira?
R: O momento máis arriba eu diríache 2020, que tiven un punto moi, moi heavy no que literalmente sacaba calquera canción e estaba top 1 no top 50 de España. Tamén é verdade que, por sorte, nestes 12 anos de carreira todo mantívose máis ou menos igual. Obviamente os principios non eran tan fortes, pero si que é verdade que diría como punto máis alto o 2020.
P: E, polo contrario, algún momento máis difícil que che marcara especialmente?
R: Non, a verdade que non tiven por sorte en ningún momento deses. Por que? Porque, en realidade, a miña carreira nunca foi unha música que dependa moito da actualidade, senón que a xente vén aos meus concertos, en moitas ocasións, polas cancións antigas. A xente non vén tan só polo que estou a sacar agora. Así que, en realidade, nunca tiven esa presión de ter que sacar algo para manterme, porque se non todo isto vaise, ao revés. Por sorte, a xente sempre gozou de todo o meu catálogo.
P: Que vamos atopar -do que nos poidas adiantar- no concerto deste sábado no Galicia Fest?
R: Pois moita dinámica. Creo que hai moitas cancións coas que se pode saltar, rir, chorar, lembrar. Creo que se vas con algún tipo de idea do concerto vas equivocar, porque pasa absolutamente de todo. Aquel que me escoita desde hai tempo, vai atopar cancións das que escribín fai unha chea; e, aquel que me escoita desde hai pouco, poderá gozar de cancións das novas. Todo isto cunha banda coa que reversionamos todas as cancións en directo para que soen moito mellor. Así que eu diríache que, sobre todo, dinámica.
P: Coñeces a cidade de Vigo? Tes algún tipo de vínculo coa cidade?
R: Si, fun bastantes veces. Cantei na Master Club, hai dous anos cantei en Castrelos. Puiden visitar un pouco Vigo. Non podo dicirche literalmente o que visitei, porque, co pouco tempo que teño, puiden pasear e pouco máis. Pero si que é verdade que agora teño unha idea de quedarme algúns días. Así que, súper ben.
P: Colaboraches con algún artista gallego?
R: Si, con Andrés Suárez. Sígoo desde que tiña 15 anos, teño un tema con el e encántame
P: Hai algún galego co que aínda non colaborases pero que che gustaría?
R: Con Iván Ferreiro, e seguramente haxa máis, porque teño admiración por moitos artistas pola súa música.
Javier Rodríguez
Últimos posts de Javier Rodríguez (ver todos)
- Beret, mañá no Galicia Fest: «Se vas con algún tipo de idea ao concerto, vas errar» - 29 Agosto, 2025
- Do porto de Vigo á praia de Samil, por que O Marisquiño saíu do centro? - 20 Agosto, 2025
- Cinco rutas de sendeirismo preto de Vigo - 14 Agosto, 2025
- 10 festivais a menos de 1 hora de Vigo - 8 Agosto, 2025
- Yung Beef e Hard GZ inundan O Porriño de música urbana no Negrita Music Festival - 8 Agosto, 2025

