VIALIA
bannerPicnicSesions

Beflamboyant, zapatos galegos feitos con millo e bambú

O veganismo é un estilo de vida que abrangue todo, desde o que comemos ata o que vestimos ou calzamos. Beflamboyant é unha marca galega que crea zapatillas deportivas e zapatos a partir de materiais sostibles e reciclados e que ante todo avoga por consumir só o que precisamos.

Tatiana González e Jorge López decidiron actuar tras unha viaxe polo Caribe en que caeron na conta do impacto do mundo da moda nos países con menos recursos. Baixo o lema #doingchange, decidiron actuar desde agora para mellorar o mañá. Non tiñan experiencia neste mundo, pero si eran amantes das sneakers. Cando foron conscientes do impacto social, ambiental e animal que supoñía a industria téxtil, decidiron que non podían seguir sendo parte do problema. Así naceu Beflamboyant, como resultado daquel soño: un proxecto de calzado sostible e responsable co medio ambiente, coas persoas e cos animais, e que ademais ten un impacto positivo en Galicia. «Non compres Beflamboyant se non necesitas un par de zapatillas. En serio, non o fagas», así reciben na web á comunidade que se achega, concienciando. Para eles a sostibilidade non é unha aposta nin unha moda; é o presente e o futuro. E non só pasa polo uso de materiais reciclados; Beflamboyant é unha marca sostible porque reúne condicións laborais xustas, non utilizan produtos de orixe animal, protexen os bosques plantando árbores e miden o impacto sometendo a auditoría todos os produtos que ofrecen e actividade que desenvolven; todo con total transparencia. Ademais, esta marca é orgullosamente local. Galicia é unha enorme fonte de inspiración e motivación, e estes dous emprendedores exportan o orgullo galego. Cando empezaron coa marca, o termo vegano non se asociaba á moda, pero co paso do tempo notan o cambio nos hábitos de consumo. Acaban de lanzar a primeira colección de zapatos, Black Coco, feitos de materiais sostibles como millo, bambú e fibras téxtiles que proceden de desfeitos extraídos do mar.

info@beflamboyant.com | @beflamboyant.brand | beflamboyant.com