VIALIA
bannerPicnicSesions

Baiuca, viñoteca e tapeo internacional no Casco Vello

David Lojo diante da súa viñoteca

Logo de traballar nos fogóns deste local da zona vella durante algo máis dun ano, David Lojo colleu a remuda da xerencia en 2017. Decidiu conservar a esencia: viños galegos e portugueses, un ambiente acolledor e unha carta con pratos internacionais que se escribe a diario nun encerado. A dificultade para coller mesa na terraza calquera tarde de sol é o mellor síntoma de que a fórmula funciona de marabilla. Baiuca é unha viñoteca sen formalismos que, case sen pretendelo, loita contra a épica que circunda o consumo deste líquido no imaxinario dalgunha xente.

En Baiuca dispoñen de moitas referencias, que poden pedirse por copa e verse cada día na lousa de chateo. Este formato fai que sexa fácil probar cousas novas e dar coa variedade que máis se achegue aos nosos gustos, ou ben aventurarnos con novos sabores. “Sempre que un cliente está indeciso, ofrecémoslle a posibilidade de probar antes de pedir”, explica David, o que facilita a iniciación na enoloxía.

Descubrir viños do país veciño pode ser un aliciente interesante para que os entendidos visiten Baiuca. Contan con varias referencias de denominacións de orixe como Viño Verde, Touro, Alentejo, Bairrada ou Dão, “moi interesantes pola súa relación calidade-prezo e polo ben producidos que están”, explica o hostaleiro. A liña que segue é traballar viños que non sexa frecuente atopar no supermercado ou incluso outras viñotecas para poder ofrecer un produto distinto. Quedar prendado dun vño que non coñecías é un dos pequenos praceres da vida que se pode atopar en Baiuca.

REVISTA ABRIL

A carta de sólidos está pensada para petiscar e conta cun máximo de quince opcións diarias “coas que queremos facer un percorrido polas gastronomías de varios países”. Tampouco se esquecen da cociña de aquí e é habitual atopar no menú a empanada de croques en pan de millo, ou as croquetas, caseiras de verdade.

O pan bao recheo de cochinita pibil é o prato máis demandado e as gyozas, empanadillas asiáticas ao vapor recheas de gambas, outro dos inamovibles do menú. Os demais van e veñen: os gambones crocantes con mollo de curri, as volandeiras, o churrasquiño, ou a xarda cambian segundo a estación do ano ou a dispoñiblidade no mercado. Para Lojo, a incorporación estelar desta temporada son as alcachofas, coroadas de dúas maneiras: con foie e xamón ou con parmesano e po de oliva. Son racións pequenas, o que permite poder probar varios pratos aínda que vaiamos en parella.

Méndez Núñez, 11 
986 22 67 32 
Instagram: @baiuca_cascovello
Martes a venres, das 19:30 ás 23:30 h; sábados, das 13:00 ás 15:30 h e das 19:30 ás 23:30 h.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.