Xa á venda as entradas para o festival EmigraSON en Bruxelas
A edición máis ambiciosa ata a data do EmigraSON celebrarase o 27 e 28 de febreiro de 2026 nas salas La Madeleine e La Tricoterie, en Bruxelas. Un total de dez propostas galegas, entre as que destacan Baiuca, Ortiga ou The Rapants, levarán a súa música á capital europea durante dous días. Podes mercar aquí as entradas para o venres e para o sábado.

Galicia segue gañando espazo no mapa cultural europeo coa cuarta edición de EmigraSON, o festival creado pola mocidade galega emigrada en Bruxelas que xa se converteu nun referente internacional para a música galega contemporánea. En só tres edicións, o evento consolidouse como un punto de encontro da diáspora e un escaparate da Galicia creativa, innovadora e sen fronteiras.
A cuarta edición celebrarase en dúas xornadas: o venres 27 de febreiro en La Tricoterie, dedicado ás novas voces, á diversidade sonora e á tradición viva da diáspora e o sábado 28 na histórica sala La Madeleine, escenario dos grandes nomes dunha noite que apunta a ser lembrada.
Tras un crecemento sostido dende a primeira edición en 2023, o festival dá un novo salto adiante. Na última edición superáronse as 2.000 asistentes, e a organización espera que en 2026 o festival acade un novo récord de afluencia e impacto cultural. “Cada edición confirma que Galicia non está só onde nace, senón onde soa. EmigraSON é unha celebración de identidade e futuro: unha Galicia global, conectada e orgullosa”, sinala a organización.

Dúas xornadas para celebrar Galicia fóra da casa
A noite do venres 27 de febreiro estará protagonizada por 9Louro, Fer (o ex – Verto dará o seu único concerto en Bruxelas), Paloma Paloma e Duendeneta Dilleis, ademais dunha foliada tradicional a cargo da ACG A Roda e a Irmandade Galega na Suíza, que traerán a Bruxelas o son da diáspora suíza. A combinación das novas tendencias musicais compartirá espazo fusionándose coa foliada e rematando con electrónica, dando opcións musicais para todos os públicos que formarán parte desta celebración colectiva a 2.000 km de Galicia.
O sábado 28 será a quenda dos grandes nomes do panorama musical galego. Baiuca, The Rapants, Ortiga e Sabela, artistas que representan o momento único que vive a música galega dentro e fóra das súas fronteiras. Baiuca, un dos proxectos galegos de maior proxección internacional que enche salas en Londres ou Lisboa, encabezará un cartel no que tamén destacan The Rapants, que repetirán na súa cita coas grandes noites europeas; a enerxía inconfundible de Ortiga e o talento de Sabela. As actuacións serán na sala La Madeleine, espazo polo que volve a apostar a edición despois do éxito do ano pasado.

Mobilización da galeguidade no exterior
Nado en 2023 como unha iniciativa impulsada por un grupo de amigos galegos emigrados en Bruxelas, o festival sorprende polo seu espírito comunitario e pola súa capacidade de mobilización. Un terzo das persoas asistentes desprázanse dende Galicia exclusivamente para o evento, outro terzo procede da diáspora galega no exterior (incluíndo Bélxica) e o terzo restante é público doutras nacionalidades que se une á comunidade por dous días, atraída pola calidade das propostas musicais galegas.
“A nosa maior forza é ver como centos de persoas cruzan Europa para vivir unha fin de semana de música galega en Bruxelas. Esa capacidade de mobilización, ese orgullo compartido, é o que fai do EmigraSON algo único”, sinala a organización, que reivindica o carácter comunitario e profesional do festival malia non contar con ningunha produtora detrás.

Entradas e colaboracións
As entradas sairán á venda o vindeiro luns 24 de novembro ás 12:00 h en plataformas dixitais. Preme aquí para mercalas.
A cuarta edición do EmigraSON conta coa colaboración das institucións e marcas: Xunta de Galicia, Turespaña, Instituto Cervantes, Evolta (unha marca de FINSA), Deleite, Liporca e Aí Falaches, ademais dos tres eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz.

Sobre EmigraSON
EmigraSON é o festival de música galega contemporánea máis grande celebrado fóra de Galicia. A súa misión é fortalecer os vínculos da diáspora, dar visibilidade internacional á creación cultural galega e construír comunidade desde a perspectiva dunha Galicia global, viva e en movemento.



