Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego
O Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego vén de abrir a convocatoria da súa terceira edición. O certame, vinculado ao festival coruñés de autoedición e banda deseñada Autobán, manterá unha dotación de 1.250 euros e incorpora tamén un accésit de 350 euros.


Autobán é un festival dedicado á autoedición e á banda deseñada que se celebra na Coruña desde hai doce anos. Ao longo da súa traxectoria foi consolidándose como un espazo de encontro para autoras e autores, colectivos e proxectos vinculados ao cómic independente e aos fanzines. Ademais do mercado de autoedición, o encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
No marco da feira, a Asociación Cultural Autobán convoca por terceiro ano consecutivo o Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, un certame pioneiro no sector da autoedición que busca recoñecer proxectos gráficos realizados en Galicia ou en lingua galega. Nesta edición, o premio principal contará cunha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo personalizado realizado por Julia Abalde, gañadora da convocatoria anterior. O certame inclúe tamén por primeira vez este ano un accésit dotado con 350 euros.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto entre o 1 e o 12 de xuño e poderá realizarse a través da páxina web da Asociación Autobán. Poderán participar autoras, autores e colectivos que autoeditasen un cómic ou fanzine gráfico entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026, cun máximo de tres obras por participante. As bases establecen que o tema, a técnica, o formato e o deseño serán libres.
A persoa gañadora será seleccionada por un xurado especializado e o resultado darase a coñecer a partir de mediados de xullo. A entrega do premio terá lugar no mes de agosto durante a edición de verán do Festival Autobán, que se celebra na Coruña en agosto, coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico.
As dúas primeiras edicións do premio deixaron xa algúns nomes destacados da autoedición galega recente. En 2024, Luis Yang obtivo o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego pola obra Sunny 16. Un ano máis tarde, Julia Abalde fíxose co galardón da segunda edición grazas ao fanzine La ilusión.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026
- Amigos de la Ópera presenta ‘Don Giovanni’ e outras dez actividades - 29 Maio, 2026
- ‘Oasis’, ‘Punto Nemo’ e ‘Ágata y Lola’ encabezan a programación do Festival de Series Ría de Vigo - 27 Maio, 2026



