Astro Labia: nace un novo festival de música e poesía en Vigo

Os días 2 e 3 de xullo celébrase a primeira edición de Astro Labia, un festival que mestura poesía, indiepop e electrónica en dous espazos do centro de Vigo. Algúns dos artistas que poderemos ver son Yolanda Castaño, Belén Rumia, Lontras, ISGA Collective ou Marcos de la Fuente.

A escritora Yolanda Castaño | P. Vázquez

Vigo suma unha nova cita cultural ao seu calendario estival coa chegada de Astro Labia, un festival que combina indie pop, electrónica e poesía nun formato singular e accesible. A proposta celebrarase os días 2 e 3 de xullo en dous espazos céntricos da cidade, coincidindo coa semana da Feira do Libro, co obxectivo de tender pontes entre a creación literaria e a música en directo.

MILLO VERDE

A programación arrancará o xoves 2 no antigo Aeroclub, o actual Vitruvia, cunha xornada que xa anticipa o espírito híbrido do evento. Sobre o escenario pasarán a cantante galega afincada en Berlín Rumia, coñecida polo seu indie pop de ton melancólico, e o poeta vigués Marcos de la Fuente, que presentará o seu proxecto As Cordas InvisíBeis, unha proposta que fusiona piano e poesía en galego. Ese mesmo día, o Café Vitruvia acollerá unha das citas máis destacadas: Idioma de Tinta, o espectáculo da poeta Yolanda Castaño —Premio Nacional de Poesía— xunto ao músico Isaac Garabatos, nun formato que leva a palabra poética ao directo musical.

Rumia | Cedida

O venres 3 de xullo, o festival trasladarase ao porto de Vigo, concretamente ao pantalán do Náutico, onde o mar será escenario e pano de fondo para tres concertos consecutivos. O trío vigués Lontras presentará o seu novo traballo, Caras no lume, mentres que o músico e produtor Belish achegará a súa proposta de electrónica indie con letras en catalán e galego. Como un dos pratos fortes da xornada, ISGA Collective estreará un novo proxecto baseado nos poemas de María do Carme Krukenberg, interpretados pola voz de Mónica de Nut e coa instrumentación de Isaac Garabatos.

Lontras | Cedida

O peche do festival terá lugar na Taberna do Náutico, cunha proposta máis festiva que incluirá cea e baile ao ritmo da sesión da DJ viguesa Santa Gertrudis.

Astro Labia preséntase así como un evento aberto a todos os públicos, pensado para desfrutar a pé, no centro da cidade e á beira do mar. Unha celebración da cultura contemporánea galega que reúne artistas locais e voces da diáspora nun encontro que convida a mirar ás estrelas sen saír de Vigo.