As tendas de discos viguesas recoméndannos música para este verán
As tendas Discos Elepé, Pick Up Discos e RioLagares responderon á chamada d’A Movida e recoméndannos catro álbumes (un vigués, un galego, unha novidade e un clásico) cada unha para combater a calor a base de boa música.


Suso Hidalgo | DISCOS ELEPÉ
Rúa do Doutor Cadaval, 35
Elepé é a tenda de discos máis veterana da cidade con 46 anos de vida. Case desde os inicios atopamos a Suso Hidalgo tras o mostrador, unha enciclopedia do rock e da música de raíz norteamericana sempre disposta a recomendar novos discos.
Disco vigués: Tangomango, de Tangomango
Vén de saír do forno. É unha brutalidade de soul-funk na que atopamos a Toño López e Guillermo Gagliardi de The Soul Jacket. Súper recomendable.
Disco galego: Trouble in Time, de Zalomon Grass
Recomendo outro grupo de aquí. É un fabuloso disco de hard blues psicodélico que continúa a traxectoria do seu disco anterior e sube o nivel un chisco máis.
Novidade: Find El Dorado, de Paul Weller
Paul Weller ataca de novo. Un clásico dos anos oitenta que está en forma como se fose un rapaz.
Clásico: Live Through This, de Hole
Os anos noventa xa son clásicos porque xa pasaron 35 anos. Este disco de Hole é unha xoia desta época.

Víctor Escudero | PICK UP DISCOS
Rúa do Progreso, 14
Desde 2017 atopamos no centro da cidade esta tenda especializada en edicións de Estados Unidos e Reino Unido de todos os estilos e xéneros. Segunda man, xoias descatalogadas, gangas e edicións especiais conviven nos seus andeis.
Disco vigués: ¿Cuándo se come aquí? de Siniestro Total e No mires a los ojos de la gente de Golpes Bajos
Escollín dúas iconas da Movida viguesa. Co de Siniestro comezou a Movida de Vigo e practicamente a española. O minielepé debut de Golpes Bajos, tamén con Germán Coppini de cantante, é o seu disco máis pop e máis elegante.
Disco galego: Los Contentos e Los Contentos 2, de Los Contentos
Como grupo galego escollín a Los Contentos, unha banda icónica do underground galego e da música garage. Tamén serve como homenaxe a Piti Sanz, recentemente falecido.
Novidade: Triángulo de Amor Bizarro, de Triángulo de Amor Bizarro
O disco é do 2020, pero foi reeditado este ano. Para min é un dos grupos galegos punteiros na actualidade. Hai un pouco de punk, noise, indie… Se che mola Joy Division ou New Order este é un discazo.
Clásico: Forever Changes, de Love
No seu momento este disco pasou desapercibido. É unha obra mestra do folk rock psicodélico dos anos sesenta, con Arthur Lee de líder. Para min é un dos mellores discos da historia.

Cé Tomé | RIOLAGARES
Rúa da Falperra, 16
A tenda de discos máis nova de Vigo. Riolagares caracterízase polo seu amplísimo catálogo (sobre 14.000 discos) e pola gran variedade de xéneros. Nela atoparás discos de segunda man en excelentes condicións e edicións de luxo.
Disco vigués: Estornino, de Aborigen
É o máis espectacular que saíu de Vigo en moitos anos. Unha aposta propia de alguén que ten o seu propio mundo musical. É un disco obxecto: só hai 250 copias con vinilo azul de 180 gramos e coa capa serigrafiada polo propio autor.
Disco galego: Invencible, de Coché Vil
En Galicia o rock progresivo ten moito público pero poucos creadores, por iso hai que reivindicar a quen fai discos como os de Coché Villanueva. É un traballo moi baseado nas guitarras e con colaboracións de moito peso.
Novidade: Small Changes, de Michael Kiwanuka
É un músico fascinante. Ao principio non lle prestei moita atención (pensei que era outra copia de Curtis Mayfield) pero agora estou enganchado a el. As cancións están moi ben escritas.
Clásico: Ben, de Jorge Ben Jor
É un clasicazo en Brasil, aquí só para unhas poucas persoas. En realidade todos coñecemos moitas das súas cancións: foi o autor de ‘Mas que nada!’, de ‘Taj Mahal’ (que Rod Stewart plaxiou en ‘Do Ya Think I’m Sexy’), de ‘Filho Maravilha’… Combina á perfección a bossa nova e a samba co funk.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026
- Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía» - 2 Xuño, 2026
- O documental sobre o actor vigués que compartiu pantalla con Clint Eastwood ou Kirk Douglas precisa axuda - 26 Maio, 2026
- Once espazos onde escoitar música en directo nos arredores de Vigo - 21 Maio, 2026
- Imaxinatea Lab Creativo propón un campamento no que desenvolver a creatividade - 14 Maio, 2026




