As rondallas resisten no rural
O son do chascarraschás sorprende cada Nadal os viandantes da rúa do Príncipe. A veciñanza de Beade, Bembrive, Valadares ou Zamáns que pasea polo centro identifica ao instante que se trata dunha rondalla.

A xente da urbe e os turistas asómbranse ante o espectáculo de música e cor. Precedidas por un grupo de abandeirados, as rondallas son agrupacións formadas por un cento de persoas que saen no Nadal a alegrar as rúas ao son de cristos, pandeiretas, castañolas, cunchas, charrascos, tamboriles, gaitas e outros instrumentos de vento. Trátase dunha tradición propia do sur da provincia de Pontevedra que, grazas ao traballo de Diego Pérez, sabemos que xa existía nos anos vinte do século pasado. Pérez, veciño de Bembrive e vencellado á rondalla da súa parroquia desde pequeno, está a piques de publicar Las rondallas de Reyes en el sur de la provincia de Pontevedra, un libro no que recolle as orixes e particularidades destas agrupacións, cun capítulo dedicado a cada parroquia na que nalgún momento existiu unha rondalla. Ao longo da súa investigación, o de Bembrive constatou que existiron máis de cen rondallas en 48 parroquias diferentes, pero el mesmo sinala que é posible que existisen outras das que non atopou información.

Unha peregrinación de parroquia en parroquia para entrevistar máis de sesenta persoas é o cerne deste libro, que conta con tres fontes de información: as fotografías, os artigos publicados en prensa e os testemuños da veciñanza. «Houbo cinco entrevistas a persoas que xa andan nos noventa e nos cen anos, que foron fundamentais para elaborar este libro. Abríronme un buraco pequeniño a través do que puiden botar unha ollada ao pasado e entender moitas cousas, entre elas o motivo polo que apareceron as rondallas, que é a pregunta que os rondalleiros levamos anos facéndonos. Por fin sei a resposta, pero haberá que esperar á publicación do libro para descubrila», explica Diego, que si que nos dá algunhas pistas. A primeira é que, mentres noutras zonas de Pontevedra existían agrupacións típicas destas datas como os cantos e os ranchos de Reis, en Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Nigrán había un baleiro. O experto sinala, ademais, cinco elementos propios das rondallas: son unha agrupación típica do Nadal, todas teñen como base un instrumento melódico e sempre hai algún charrasco na formación, as bandeiras están presentes desde o primeiro momento, están formadas por un grupo numeroso de persoas e ten que haber un promotor, unha persoa que teña a iniciativa de xuntar un grupo de veciños para tocaren xuntos.

«Para que existan as rondallas ten que haber un sentimento de arraigamento que nas zonas urbanas non se dá»
Diego Pérez
Ao longo deste século de historia a presenza das rondallas foi oscilante; de feito, nos anos sesenta houbo unha gran caída que comezou a reverterse de forma paulatina a partir dos setenta. É o caso da Rondalla de Santa Eulalia de Mos, da que se ten constancia desde o ano 1942. Despois de vivir uns anos frutíferos nas décadas dos setenta e oitenta, en 1990 desfíxose e volveu construírse en 1997. Dese ano é o primeiro recordo que Dani Burgos ten dunha rondalla: «Xunto a uns amigos vin actuar a Santa Eulalia de Mos pola parroquia e ao ano seguinte xa formabamos parte dela. Comecei tocando o cruceiro, pero anoteime na escola de gaita e en canto a dominei un pouco cambiei de instrumento». En 2010 Dani converteuse no director da agrupación e uns anos máis tarde protagonizou un dos momentos de máis fama desta rondalla, ao versionaren a canción Thunderstruck de AC/DC. O vídeo no que aparecen interpretando este tema na rúa acumula case un millón de reproducións en YouTube. Aquilo sucedeu no ano 2017 e Irene Anta, actual directora de Santa Eulalia de Mos, sinala que foi un gran recoñecemento: «Ao facerse viral aquel vídeo chamáronnos para unha chea de entrevistas e actuacións. Ata viu Telecinco gravarnos para o telexornal».

Ese vídeo prendeu a chama da curiosidade do director de cine Daniel Sánchez Arévalo. «Nese mesmo ano recibimos un correo de Bambú Producciones dicindo que querían facer unha videochamada con nós para saber máis sobre as rondallas. Fixemos a videochamada, explicáronnos que querían facer un filme e aí quedou a cousa. Pasou bastante tempo ata que se volveron poñer en contacto connosco para dicirnos que a película ía para diante», explica a moza de Mos. Burgos e Anta tiveron a importante misión de dirixir El Gran Sol, unha rondalla creada ex professo para o filme e formada por actores e rondalleiros de diferentes agrupacións. «Para nós era moi importante que participasen todas as rondallas, e a través da Federación de Rondallas enviouse un comunicado para que se puidese anotar todo o mundo. O resultado foi moi bo. Na última gravación, no propio IFEVI o día do concurso, xa eramos unha piña e funcionabamos como unha rondalla, para o bo e para o malo», explica Irene. Os dous mozos de Mos puideron asistir á estrea do filme no Festival de San Sebastián e amósanse moi satisfeitos co resultado: «Emocionounos moito e creo que vai funcionar moi ben aquí. É divertida e trata o mundo das rondallas con moito respecto, que é o que máis nos preocupaba».

«A película é divertida e trata o mundo das rondallas con moito respecto»
Irene Anta
Rondallas,protagonizada por Carlos Blanco, Fernando Fraga, Javier Gutiérrez, Judith Fernández, María Vázquez, Marta Larralde, Tamar Novas e Xosé Antonio Touriñán, chega aos cines o 1 de xaneiro e a expectación é máxima entre os rondalleiros. «Penso que o filme vai dar visibilidade ás rondallas e vai fomentar que moita máis xente queira participar», afirma Alexandre Fernández, actual director da Rondalla Santa Eulalia de Atios, coa que acadou o primeiro premio na última edición do concurso anual que se celebra no IFEVI, que congrega milleiros de persoas como público. Fernández conta cunha dilatada carreira neste ámbito: antes de chegar a Atios, dirixiu as rondallas de Bembrive e Vincios. «Eu formaba parte da banda de gaitas Charamuscas da Asociación Helios de Bembrive e en 1997 propuxéronlle ao noso director, Hipólito Cabezas, que collese as rendas da rondalla, que levaba anos parada. Como é obvio, para formar a rondalla, involucrou a toda a banda, e ese foi o meu primeiro contacto con este mundo. Anos máis tarde, en 2003, propuxéronme a min dirixir a rondalla, polo que tiven que levar a cabo un gran proceso de aprendizaxe para saber como se tocaban os distintos instrumentos. O que fixen foi escoitar os vellos, a xente que fixo posible que esta tradición perdurase».

Todas as persoas que coñecen o mundo rondalleiro coinciden en que existe bastante competitividade entre as diferentes agrupacións, un trazo que Álex Fernández cre que é bo para o propio futuro desta tradición. «Houbo uns anos nos que o concurso foi substituído por un certame sen premios e a calidade das actuacións baixou moitísimo», explica, e engade que na actualidade hai que traballar moito para conseguir un oco no podio: «Antes, se innovabas un pouco no repertorio e a formación facía algún movemento, xa gañabas; agora o nivel é moito máis alto, os directores están máis preparados e fanse cousas moi vistosas que o público desfruta moito». Ao preguntarlle que futuro augura ás rondallas, Álex ten claro que a súa supervivencia non está en risco neste momento, no que —sinala— acaban de crearse tres formacións novas: «Aquelas rondallas nas que se ve moita xente maior e poucos mozos si que vai ser máis complicado que se manteñan. Penso que é importante que os directores busquemos un repertorio variado que chame tamén as novas xeracións», conclúe.
«É importante buscar un repertorio variado que chame tamén as novas xeracións»
Alexandre Fernández

Despois das súas investigacións, Diego discerniu que hai un proceso de globalización que está afectando as rondallas máis próximas á cidade. «En Sárdoma, Castrelos, Saiáns, Cabral e Lavadores houbo rondallas, e xa non hai. Para que existan ten que haber un sentimento de arraigamento, un sentimento de pertenza a unha veciñanza que nas zonas urbanas non se dá», amplía o estudoso. Todos coinciden en que o motivo que os leva a participar nas rondallas son as ganas de pasar o Nadal entre amigos: «Estar cos veciños, ir polos barrios e pasar todo o Nadal cos teus é moi divertido. Incluso antes, cando comezamos os ensaios e a preparar as actuacións, xa o pasamos ben», explica Irene, que colleu o relevo na dirección da Rondalla Santa Eulalia de Mos cando Dani foi pai. Agora o exdirector agarda expectante a que o fillo faga os cinco anos para volver —xa con el— retomar a tradición rondalleira, unha tradición que pasa de pais a fillos sen necesidade de ningún coñecemento musical previo. Para a maioría dos rondalleiros, o Nadal é o único momento do ano no que empuñan un instrumento; iso si, sempre ao lado dos veciños e as veciñas.
«Para que existan as rondallas ten que haber un sentimento de arraigamento que nas zonas urbanas non se dá»
Diego Pérez

Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- As rondallas resisten no rural - 26 Novembro, 2025
- Antón Reixa: «Os da movida eramos uns frustrados diso que se chamou a Transición» - 26 Novembro, 2025
- Carlos Núñez: «É fundamental recoñecer a quen morreu loitando polos dereitos que temos hoxe» - 27 Outubro, 2025
- Viaxe a historia negra de San Simón - 24 Outubro, 2025
- Marcos de la Fuente, poeta: «Carlos Oroza deume un camiño que seguir» - 24 Setembro, 2025



