VIALIA
bannerPicnicSesions

As recomendacións lectoras dos libreiros de Vigo

Este 23 de abril, as librarías están pechadas. Nunca antes o imaxinamos pero o COVID-19 lévanos a escenarios que ben podían formar parte dalgunha das novelas das que a continuación imos falar. Hoxe quixemos visitar virtualmente tres librarías de referencia na nosa cidade: Librouro, Cartabón e Versus para saber cales son as recomendacións dos seus xerentes para este Día do Libro anómalo.

Xurxo Patiño – Libraría Librouro

Un clásico:
Habería máis de cen títulos para incluír aquí, pero vou quedar con tres: ‘A esmorga’ de Eduardo Blanco Amor como representativa da literatura galega do século XX, ‘A odisea’ de Homero como gran clásico dentro da literatura grega e dos nosos ancestros e referentes culturais e ‘Cien años de soledad’ de García Márquez, como unha das obras senlleiras da literatura en lingua castelá. A lista é moi ampla pero estas tres son lecturas imprescindibles.
Unha recomendación para a época que estamos a vivir:
Eu buscaría algo que nos axude a evadirnos e a entreternos por iso escollería un thriller ou unha novela histórica. Temos agora a Francisco Narla con ‘Fierro’ ou de novela histórica ‘La ruta infinita’ de José Calvo, un tema de actualidade porque trata a primeira circunnavegación arredor do mundo da expedición de Magalhães.
Algunha dun autor galego:
‘Infamia’ de Ledicia Costas que é unha das máximas figuras da literatura tanto infantil como agora xa para adultos como vemos nesta novela chea de tensión e sorpresas, ‘Un lume azul’ de Pedro Feijoo libro no que aparece retratada a nosa cidade, ‘O último barco’ de Domingo Villlar que ademais ten moitas páxinas e vai ben para os tempos que estamos a vivir e ‘O libro da fillla’ de Inma López Silva.
Con referencias a Vigo ou dun autor vigués:
Todas as anteriores o son, pero engadiría unha máis por ser un valor emerxente: ‘Vicus’ de Beto Luaces. Despois por suposto temos xa clásicos como Ferrín, Queizán ou Forcadela, e tantos outros que teñen Vigo como transfondo de moitas das súas novelas.

Maribel Tato – Libraría Cartabón

REVISTA ABRIL

Algunha dun autor galego:
Hai cinco libros recentes de lectura obrigatoria: ‘O libro da filla’ de Inma López Silva, ‘Tantos anos de silencio’ de Francisco Castro, ‘Beleza Vermella’ de Arantxa Portabales, ‘Infamia’ de Ledicia Costas e ‘Un lume azul’ de Pedro Feijoo. Son libros que van dirixidos a un público xeralista porque a nós o que nos interesa é facer lectores, despois hai outros moi recomendables pero que igual van dirixidos a un público máis restrinxido. Bueno e engadiría un que se acaba de publicar que é o de María reimóndez ‘A semente, a árbore, a froita’, de entrevistas a Ana Pontón.
Un clásico:
Non me atrevo porque é moi complicado escoller dentro dun termo tan amplo. Hai un libro que recomendo moito e leva xa catro anos no mercado que é o de ‘Todo canto fomos’ de Xosé Monteagudo.
Unha recomendación para a época que estamos a vivir:
O inmigo coñece o sistema’ de Marta Peirano é un libro espectacular que vai nin ao dedo para os tempos que estamos vivindo, é unha crítica total e absoluta sobre as redes sociais o poder invisible que nos domina…
Con referencias a Vigo ou dun autor vigués:
‘Camiñar o Vigo vello’ de Pedro Feijoo tivo un éxito inesperado. Outro libro que tivo moito éxito este ano e ninguén o esperaba foi o de ‘Assim nasçceu uma língua’ de Fernando Venãncio, pero este non ten nada que ver con Vigo.

Sabela Martínez – Versus Libraría

Un clásico:
‘La Isla del Tesoro’ de Stevenson porque é como a vida mesma, unha viaxe longa e chea de problemas, cambios e tomas de decisións… creo que representa bastante ben o que vai ser a vida de cada un de nós. E ‘Frankenstein’ de Mary Shelley porque nestes tempos de escuridade creo que vennos moi ben familiarizarnos con esta criatura.
Unha recomendación para a época que estamos a vivir:
‘1984 de Orwell que nos levan a escenarios posteriores, os perigos que sempre conleva o control sobre a poboación. Ou ‘Juventud sin dios’ de Ödön von Horváth que explica como se vai cocendo o ascenso, neste caso do nazismo, pero que podería ser de calquer totalitarismo.
Algunha dun autor galego:
Hai un libro que tamén é moi apropiado para estes momentos que é ‘Natura’ de Iolanda Zúñiga, unha distopía que presenta un mundo pos-apocalíptico, unha nova sociedade que se organiza cun control moi brutal da xente.
Con referencias a Vigo ou dun autor vigués:
As novelas de Domingo Villar.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.