As pesqueiras de lamprea, os viños do Condado e o paraíso termal de Mondariz Balneario, protagonistas do congreso Latente
A través do fam-trip Latente, máis de corenta prescritores de España e Portugal coñeceron de primeira man o potencial turístico de Condado Paradanta.

As pesqueiras de lamprea do río Miño, os viños do Condado e o paraíso termal de Mondariz Balneario foron protagonistas do congreso-fam trip Latente. Máis de corenta prescritores de España e Portugal reuníronse nas comarcas de Condado-Paradanta para coñecer, de primeira man, o potencial turístico, gastronómico, patrimonial e os produtos desta zona.
O congreso, organizado pola empresa viguesa Diesemm, arrancou no Balneario de Mondariz cun almorzo networking de benvida. A continuación, os prescritores trasladáronse a Arantei onde visitaron unha pesqueira de lamprea do río Miño. Oitavén Life realizou un visita guiada pola contorna do río e explicou, de primeira man, co propietario dunha pesqueira a historia da lamprea, a súa vinculación á zona e as diferentes artes de pesca.

A continuación, desprazáronse As Neves onde puideron coñecer os viños do Condado nas instalacións da adega Señorío de Rubiós. O acto estivo conducido polo adegueiro Paco Arensa e o presidente de AGASU, Juanjo Figueroa, que realizaron unha cata de catro viños, entre eles, o seu tinto Rías Baixas. A comida de networking realizouse no Hotel Restaurante Nande onde os asistentes desfrutaron dun cóctel de produtos de proximidade.
Pola tarde, realizouse unha visita a Castro de Troña, “un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da comarca e un dos máis escavados e estudados de Galicia”. A xornada rematou no Mondariz Balneario cunha cata de augas na Fonte dá Gándara, e un visita guiada polo concello centrada na época dos anos 20, ofrecendo un percorrido histórico pola “época dourada” do municipio, cando era considerado un dos centros termais máis luxosos do país.
Alén das actividades específicas cos prescritores, o salón de plenos do Concello de Ponteareas acolleu un acto aberto ao público no que interviron diferentes produtores da zona para reivindicar o requeixo, o mel, as rosquillas, os kiwis, os pementos de Guláns ou o café e o chocolate.

