BIBOPALULA

As obras dunha nova xeración de artistas instálanse no MARCO

Este xoves 5 de xuño o MARCO acolleu a presentación de Generación 2025, a vixésimo quinta edición dun proxecto da Fundación Montemadrid La Casa Encendida que difunde as creacións de novos talentos. A mostra permanecerá dispoñible ata o domingo 12 de outubro.

Aphantasia (Elián Stolarsky, 2024)

Generación 2025 forma parte de Generaciones, un programa que, anualmente, realiza unha selección de varias propostas artísticas propias de xóvenes residentes en España. O seu fin é por en valor aos artistas máis novos, proporcionándolles ferramentas de produción e posterior difusión. A día de hoxe, a súa ampla e prestixiosa traxectoria convertiuno nun referente nacional no panorama de creación artística máis recente.

Seguindo na liña de dar a coñecer aos gañadores e coa firme convicción de que mudar de espazo enriquece notablemente a mostra, Generación 2025 chega ao museo vigués este xoves. Pode visitarse ata o 12 de outubro no horario habitual do MARCO, contando coa presenza dun guía ás 18:00 h, na súa planta baixa, onde os novos espazos adáptanse por completo ás necesidades específicas de cada obra.

AMARAÑA (Javier Velázquez Cabrero, 2024)

A selección do presente ano está composta por oito proxectos que comparten narrativas sobre futuros desexables e a IA como produtora de ficción. Así mesmo, mostra un forte interese pola oralidade, a voz e o canto, sen perder de vista á memoria e a historia do tempo. Os artistas son Tana Garrido Ruiz, Isabel Merchante, Mar Reykjavik, Elián Stolarsky, Javier Velázquez Cabrero e os galegos Álvaro Chior, Noela Covelo Velasco e Marina González Guerreiro. Entre estes nomes, cabe destacar a maioritaria presenza de artistas mulleres, das cales a metade estivo presente no acto de inauguración para falar das súas obras.

Concretamente, Elián Stolarsky explicou Aphantasia, unha instalación téxtil cosida a man e punta seca sobre metacrilato que evoca á memoria dos seus devanceiros fuxidos do nazismo; Marina González Guerreiro Lo que tarda un ______ en caer al ______, unha instalación de diversos materiais como ferro, cerámica esmaltada, madeira ou auga que cuestiona a concepción moderna do tempo preciso; e Noela Covelo Velasco a quien encuentra, partitura (ACh), un sistema sonoro constituído por un muro de madeira, altofalantes e a súa voz en bucle que permite percibir outras estruturas temporais.

REVISTA XUNHO
Lo que tarda un ______ en caer al ______ (Marina González Guerreiro, 2024)