‘As liñas descontinuas’ de Anxos Fazáns leva Vigo á gran pantalla
A pasada fin de semana estrouse nas salas de cine As liñas descontinuas, a nova película da directora galega Anxos Fazáns. Un filme delicado que explora, con humor e sensibilidade, a improbable relación entre unha muller de 50 anos e un rapaz trans de 28. En Vigo pode verse nos Multicines Norte, Cines Tamberlick e os Yelmo de Travesía.

As liñas descontinuas comeza cunha festa (rodada na sala viguesa La Fábrica de Chocolate) nunha noite que acaba por írselle das mans a Denís, un rapaz trans de 28 anos que non sabe moi ben que facer co seu futuro persoal e profesional. O azar do destino fai que o seu camiño se cruce co de Bea, unha muller de 50 anos que tamén está a pasar por un momento complicado.
A partir de aí somos testemuñas da improbable relación entre dúas persoas ben distintas entre as que xorde un vínculo de agarimo e empatía que vai escalando ao longo das tres xornadas que trascorren no tempo fílmico. A música xoga un papel clave tanto no desenvolvemento da película como nas conversas entre Denís e Bea; el é músico de electrónica e DJ na Sala Kominsky e ela traballa na industria musical como representante de artistas e, ademais, tivo un grupo cando era máis nova. A colección de vinilos de Bea tamén serve como fío conductor en varios dos diálogos e hai momentos musicais de moito impacto, como a canción ‘ASMR para ti’ do grupo galego Triángulo de Amor Bizarro coa que se pecha a película.
Fazáns retrata un Vigo honesto, industrial e moi ligado ao mar; os asteleiros, os guindastres do porto ou as grandes naves do recheo de Bouzas identifícanse ao longo da metraxe. Un dos puntos fortes da película son as pequenas notas de comedia que hai, especialmente na situación inicial na que os dous protagonistas coinciden por primeira vez. Esa cara luminosa fai do visionado unha experiencia moito máis placenteira que se só se centrase no apartado dramático, algo moi habitual no cinema galego actual.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Novidades musicais viguesas para o primeiro trimestre do ano - 10 Marzo, 2026
- ‘As liñas descontinuas’ de Anxos Fazáns leva Vigo á gran pantalla - 23 Febreiro, 2026
- DGO: pendentes de ti - 9 Febreiro, 2026
- Mussa – The Pilates Center: terapeutas do movemento - 9 Febreiro, 2026
- Empezar o ano con bo pé: cinco centros onde coidar o noso corpo - 9 Febreiro, 2026

