CASAACUNHA

As figuras do deporte urbano que poderemos ver no Marisquiño

Un total de 1400 deportistas se darán cita esta fin de semana no Marisquiño, un dos eventos de deporte e cultura urbana máis populares do mundo. Como é lóxico, o nivel dos atletas vai acorde a esta relevancia, atopándose así nas diferentes disciplinas algúns dos nomes máis destacados de cada deporte.

Nicholi Rogatkin na última edición do Marisquiño

O Marisquiño, que este ano cumpre 18 edicións, non deixa de mellorar o nivel das probas e dos seus competidores, algo cada vez máis difícil. Podemos atopar nomes de primeirísimo nivel mundial nas probas de skate, BMX, Dirt Jump, Flatland, Motocross, MTB e Basket 3×3.

Nas probas de skate, o deporte central do festival, atoparemos figuras do nivel da brasileira Leticia Bufoni, considerada como a mellor skater do mundo, como así o avalan as súas 3 medallas de ouro nos X Games. Esta é a súa segunda vez no Marisquiño, tras a súa participación, e 1º posto, na edición do 2015. Este ano terá como competidoras ás skaters Candy Jacobs, Julia Brüeckler ou á novísima Keet OldenBeuving (de 11 anos).

A skater brasileira Leticia Bufoni

Se falamos de BMX, na modalidade Flatland, contaremos co madrileño Viki Gómez, unha auténtica referencia global neste deporte. Con varios campionatos do mundo e de Europa ás súas costas, xa non lle quedan apenas torneos por gañar a este biker de 37 anos, que volve ao Marisquiño para demostrar, unha vez máis, por que é unha lenda do BMX. Entre os seus rivais destaca Kevin Nikulski, outro dos grandes atractivos do campionato.

Viki Gómez, unha lenda do flatland

En Dirt Jump volverá a participar o tres veces campión do mundo Nicholi Rogatkin, quen gañou o ano pasado o FMB Gold no Marisquiño. Aos seus 22 anos xa é considerado como o mellor biker do mundo na súa disciplina, que competirá nesta edición contra outros grandes deportistas como o británico Sam Pilgrim, o alemán Lukas Knopf ou o xoven francés Paul Couderc, vencedor en Vigo en 2016.

Banner A Movidiña

Con só 22 anos, Nicholi Rogatkin conta con 3 campionatos do mundo

Unhas das competicións máis espectaculares será a de motocross, onde destaca o español Dany Torres, o piloto con máis títulos do país. Gañador de dous campionatos do mundo e do Red Bull X-Fighters Tour no Marisquiño en 2011, é un habitual deste festival. O público volverá a vibrar vendo as súas piruetas no ceo do Náutico. Competirá, entre outros riders, contra os galegos Óscar Barciela e Alba Baloiras.

Dany Torres, un habitual do Marisquiño

Na disciplina de MTB un dos nomes propios que sobresae é o do portugués Jose Borges, campión na competición realizada polas rúas do Casco Vello nos anos 2013 e 2016, marcando o record histórico do Marisquiño en  1′ 14” 720”’. No 2015 sufriu unha fractura de tibia e peroné neste circuíto, o cal non conseguiu quitarlle a súa paixón por este deporte e por este festival.

Jose Borges ten o record de velocidade do festival na categoría de MTB

O novo deporte que atoparemos nesta edición será o basket 3×3, no que destacan equipos internacionais como o BAYMON CDR de Porto Rico e o Tartans de Canadá. En canto aos xogadores, atopamos un ex-NBA, o pivot californiano Robert Swift (ex-Oklahoma City Thunder). Na actualidade, e tras superar unha etapa oscura protagonizada polas drogas, as armas e a prisión, está a xogar no Círculo Gijón, na terceira categoría profesional española, onde é un ídolo e se atopa máis feliz que nunca.

Robert Swift na súa etapa nos Oklahoma City Thunders