50 anos de desmemoria: As feridas viguesas do franquismo

Hai cincuenta anos falecía, no madrileño Hospital de la Paz, o ditador Francisco Franco, responsable das décadas máis escuras e desgraciadas da historia contemporánea de España. O ferrolán deixou a súa pegada en todos os ámbitos da sociedade a base de represión e violencia, e moitas desas feridas seguen hoxe sen cicatrizar. Algunhas desas pegadas aínda son visibles na nosa cidade: os buracos de bala na Porta do Sol, a avenida dedicada ao alcalde franquista Portanet ou a cruz do Castro, inaugurada por Franco en 1961 en honor aos «caídos por Dios y por España». Recuperamos o testemuño de tres vigueses cuxa historia familiar quedou marcada pola represión franquista.

Telmo Comesaña, Flor Baena e Xavier Moreda | P. Vázquez

Xavier Moreda: Neto, sobriño, bisneto e primo de asasinados polo franquismo

O historiador Xurxo Martínez define os Moreda como «unha das familias máis represaliadas de toda España», e non lle falta razón. Confírmao o propio Xavier Moreda: «Teño a dubidosa honra de ser sobriño, neto, bisneto e primo de asasinados polo franquismo». O primeiro asasinado foi Lenin Moreda, con tan só 15 anos, na sublevación franquista na Porta do Sol en xullo de 1936. A finais dese mesmo ano fusilaron no alto do Castro a José, Manuel e Constante Moreda, de 49, 79 e 45 anos, respectivamente. O motivo? A súa suposta participación no asalto do chalé do empresario Estanislao Núñez, no concello de Lavadores. Non existía proba ningunha que os situase no lugar dos feitos nin foron sometidos a un xuízo xusto. Tampouco creron ningunha das súas coartadas. A decisión era inamovible.

Ler máis

Telmo Comesaña: Unha vida marcada polo silencio

Aínda que só tiña dous anos, 1936 é unha data que Telmo Comesaña non vai esquecer xamais. En outubro dese ano, os corpos sen vida do seu pai, José, do seu tío Antonino, do seu curmán Emilio e dun veciño de Alcabre apareceron en Vincios. Os catro eran directivos da Sociedade de Agricultores e Gandeiros de Alcabre, un sindicato presidido polo pai de Telmo. Antes de seren asasinados, estiveron encerrados durante un tempo no Frontón Vigués, situado na actual rúa de María Berdiales, un lugar polo que pasaron outros moitos represaliados. Curiosamente, Telmo lembra que, de rapaz, ía con frecuencia ao cine Niza, levantado no mesmo lugar onde o seu pai estivera detido polos sublevados. Sen sabelo daquela, ocuparon, en tempos e situacións distintas, un mesmo espazo.

Ler máis

Flor Baena: O último escarmento dunha ditadura moribunda

REVISTA NOVEMBRO

Cruzamos o portón de ferro do cemiterio de Pereiró e xiramos á esquerda. A escasos vinte metros paramos diante dun nicho que ten un ramo de flores cuns cordeis coas cores da bandeira republicana e unha pequena foto na que se distingue un rapaz novo. Alí dentro está o corpo de Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados polo franquismo en setembro de 1975. Acompáñanos Flor Baena, irmá pequena de Humberto e defensora incansable da súa memoria. Cóntanos, diante da tumba, unha anécdota curiosa: o seu irmán comparte nicho coa súa avoa e co seu tío, que morreu en 1936 exactamente no mesmo sitio no que asasinaron a Humberto case corenta anos despois: en Hoyo de Manzanares, ao noroeste de Madrid. Debido a un erro de comunicación, a aviación franquista bombardeou unha zona na que aínda estaban os militares sublevados, o que acabou coa vida do tío de Flor, a quen chamaran a filas sen opción a negarse.

Ler máis