As actividades deportivas ligadas ao mar volven ao Vigo Sea Fest
A natación artística estréase este ano na programación deportiva do Vigo Sea Fest, que se completa cos torneos de waterpolo e basket 3×3 e os bautismos de vela abertos á participación de toda a cidadanía.

O Vigo Sea Fest 2026 volverá demostrar que o mar pode desfrutarse de moitos xeitos. A sétima edicióndo Festival ARVI do Peixe reforzará a súa programación deportiva cunha proposta que combina actividades náuticas, deportes urbanos e exhibicións acuáticas, convertendo a zona dos Xardíns de Montero Ríos e a Dársena do Real Club Náutico de Vigo nun gran espazo de deporte e lecer ao aire libre. Un dos grandes obxectivos do Vigo Sea Fest é achegar o mar á cidadanía desde diferentes perspectivas. Por iso, a programación deportiva converteuse nunha dos
acenos de identidade do festival, permitindo aos asistentes desfrutar de experiencias vinculadas á contorna marítima e aos valores dunha vida activa e saudable, estreitamente relacionados coa promoción do consumo de peixe e dos produtos do mar.
Como gran novidade desta edición, o festival arrincará o xoves 9 de xullo ás 20:00 horas cunha espectacular exhibición de natación artística na Dársena do Real Club Náutico de Vigo. Será a primeira vez que esta disciplina forme parte da programación do Vigo SeaFest, ofrecendo unha proposta visual única que combinará deporte, música e mar nun escenario incomparable, servindo ademais como acto inaugural das actividades deportivas do festival. A programación continuará cunha nova edición do Torneo Basket 3×3 Vigo SeaFest, que celebrará a súa competición os días 10 e 11 de xullo. Tras o éxito alcanzado en anteriores edicións, o torneo volverá reunir equipos masculinos e femininos de diferentes categorías, consolidándose como unha das actividades deportivas máis participativas do festival e levando o mellor baloncesto urbano ao centro de Vigo.

O mar volverá ser protagonista cos xa tradicionais Bautismos de Mar, unha experiencia organizada en colaboración co Real Club Náutico de Vigo que permitirá a participantes de todas as idades iniciarse na navegación a vela a través de percorridos guiados pola ría. Estas saídas ofrecen unha oportunidade única para descubrir a contorna marítima de Vigo desde a auga e vivir unha experiencia directa co mar. A Dársena Central do Real Club Náutico de Vigo acollerá ademais o VIII Torneo Marítimo WP-RCNV | VI Trofeo Vigo SeaFest, unha competición de waterpolo que reunirá durante a fin de semana a numerosos deportistas e clubs nunha das probas máis singulares do calendario deportivo estival. O torneo desenvolverase os días 11 e 12 de xullo, convertendo o porto deportivo nun escenario privilexiado para desfrutar deste deporte acuático.
Con esta programación, o Vigo Sea Fest reafirma a súa aposta por ofrecer unha experiencia completa para todos os públicos, onde gastronomía, cultura, música, deporte e divulgación conviven nun mesmo espazo. Do 9 ao 12 de xullo, o mar volverá ser o gran protagonista dunha edición que promete converter a Vigo no epicentro da gastronomía, a cultura mariñeira e o deporte ao aire libre.




