Arteficial celebra dúas décadas de cultura alternativa en Ribadavia

O Festival Arteficial celébrase esta fin de semana en Ribadavia. O festival, que suma xa dúas décadas de traxectoria arredor da cultura, a música alternativa e a sustentabilidade, regresa cunha proposta que combina concertos, actividades culturais e iniciativas de proximidade.

Dende a súa creación, Arteficial mantén a aposta por levar a cultura alternativa ás rúas e prazas de Ribadavia, aproveitando tamén espazos singulares do patrimonio local. Nesta vixésima edición, o festival volve reunir no seu cartel propostas galegas, estatais e internacionais, con presenza de diferentes estilos e procedencias. Entre os nomes programados están Basic Partner (Francia), Scúru Fitchádu (Portugal/Cabo Verde/Angola), San La Muerte Cumbia Club (Portugal/ Latinoamérica), La Rate Tímide, Su Garrido Pombo, Peitoescuro, AO, DJ Ferromona, DJ Grima, Sapoconcho Semponcho e DJ BalConde. Todas as actividades son de balde, con opción a realizar unha doazón de alimentos e artigos para bebés en colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro.

A actividade comezará o venres 4 no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Ao longo da mañá poderanse realizar visitas guiadas á imprenta tradicional El Ribadaviense, fundada en 1870, mentres que pola tarde terá lugar o obradoiro de creación musical Son Electrónico, unha actividade de experimentación con sintetizadores, samplers e loop stations dirixida a participantes a partir dos cinco anos.

O sábado concentrará boa parte da programación do festival no barrio da Madalena, entre as prazas da Madalena e Buxán e os espazos do Museo Etnolóxico. A mañá comezará cun pase do obradoiro interxeracional Coas mans no pasado: a cerámica e os tecidos, ao que se seguirá o tradicional desfile de Cabezudiñxs, Don Pedro e Doña Ana acompañado polo Grupo de Gaitas Airiños. Tamén estará aberto durante toda a xornada o Mercado das Sementes, con propostas artesanais e artísticas de proximidade.

A música irá tomando protagonismo ao longo do día en diferentes escenarios. O programa inclúe as actuacións de Peitoescuro, AO, La Rate Tímide, Basic Partner e Scúru Fitchádu, ademais das sesións de DJ Grima, DJ Ferromona e BalConde DJs. O concerto de Scúru Fitchádu, previsto para as 21.30 horas na praza de Buxán, pechará a programación da tarde. Xa pola noite, o festival trasladarase á igrexa de Santa María da Oliveira, onde a partir das 23.00 horas actuará DJ Sapoconcho Semponcho. Á medianoite será a quenda de San La Muerte Cumbia Club, que estará no escenario ata as 1.30 horas, antes dunha nova sesión de Sapoconcho Semponcho.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.