Arte nas fiestras: murais veciñais devolven a vida ao barrio de Ribadavia
O 24 de xuño permanecerá na memoria do barrio vigués de Ribadavia como o día no que os veciños puxéronse a pintar as ventás para abrir as portas do barrio. Onte inauguraron Arte nas Fiestras, unha iniciativa veciñal que pinta murais costumbristas en 28 ventás e portas tapiadas para dar cor ás casas abandonadas.

Arte nas Fiestras é unha iniciativa nacida da vontade e enerxía dos veciños e artistas do barrio de Ribadavia, que están a converter a zona nun pequeno museo ao aire libre transformado 28 ventás tapiadas en obras de arte. Este proxecto autoxestionado xurdiu da fartura dos veciños que vían como cada ano quedan menos casas habitadas na zona. Bares e tendas que pechan e familias que marchan, deixan os inmobles en estado de abando e blindados con ladrillos á espera de ser vendidos. Grazas a esta iniciativa veciñal, cada fiestra cegada amosa o que algún día houbo detrás: familias, negocios, cafés, celebracións… Unha persoa maior tras a cortina, un gato na soleira, o bar coas mesas ocupadas e unha tenda chea de froita e pan. Son escenas do pasado que cobran vida nas paredes deste pequeno barrio vigués que, tras anos de abandono, quere a recuperar a súa identidade a través da arte.
A implicación da veciñanza é fundamental desde o primeiro día. Así o explica unha das organizdoras, Lourdes Pedrido, mentres inclúe nun novo grupo de Whatsapp a outra veciña, atríada polo alboroto. “Xa somo 44 persoas”, di sorrinte, antes de animar a un grupo de mozas a coller unha brocha e colaborar. Cristina Pino e Gustavo Suasnabar, fundadores de Troula Animación e veciños, pintaron dúas fiestras e unha porta imaxinando quen podería vivir alí: “unha muller e a súa filla, as dúas maiores, como a maioría da xente que queda nestas rúas”, explica Cristina. Non dubidaron en participar na iniciativa pois afirman: “Dános repelús vivir nun barrio con tantas fiestras tapiadas”.

Outro dos motores da iniciativa é David Lorenzo, muralista e veciño implicado desde o comezo. Criado no barrio, a súa casa xa non existe, pero é autor do único mural que xa había na Ribadavia viguesa. Está pintando unha muller que espreita tras a cortina e un gato na entrada. Como axudante, conta cun neno que manexa o pincel baixo a mirada da súa nai e avoa. Tres xeracións de veciños do barrio, agora protagonistas da súa recuperación. Lorenzo tamén pintará unhas bruxas á volta da esquina, “cun estilo amable, non tétrico”, en homenxa a unha das mulleres que vivía alí. Na rúa perpendicular, o profesor de plástica Xosé Antón Pedrido escolleu as fiestras da antiga tenda rexentada por Herminia, pechada desde hai anos. No seu boceto, Herminia aparece rodeada de botes, chourizos e froita, devolvéndolle á rúa a memoria do comercio que abastecía á contorna.



Un dos murais máis emotivos será o adicado a Quino Salvo, recoñecido xogador e adestrador de baloncesto nacido aquí. A súa figura será retratada polo ilustrador Roberto Argüelles, que, sen ser veciño, quixo sumarse á iniciativa. O retrato – que xa foi portada do libro A Salvo, de Tomás Alonso- estará a tan só unhas casas de onde aínda reside a súa nai. Noutro muro veciño, o antigo bar volverá abrir a través da pintura, recuperando os seus cafés, as súas mesas e incluso clientes imaxinarios coma Rosalía de Castro ou Castelao.

Como aconteceu coas Meninas de Canido, en Ferrol, moi posiblemente a arte consiga cambiar a imaxe deste barrio esquecido tras os edificios da rúa Pizarro e atraer visitas e interese. Porén, non supón por si soa unha solución e sen políticas públicas de vivenda, servizos ou rehabilitación, o cambio real queda incompleto. Arte nas Fiestras é unha chamada de atención a través da beleza dun barrio que segue vivo e con ganas de mirar ao futuro.







Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Cinco rutas de sendeirismo en Vigo - 14 Xullo, 2025
- El Perro Verde, cociña viaxeira no xardín - 9 Xullo, 2025
- A Póla, cultura e tardeo - 9 Xullo, 2025
- A música celta toma Ortigueira encabezada por Gwendal, Milladoiro e La Bottine Souriante - 4 Xullo, 2025
- Fai Bistés: tradición á grella no Casco Vello - 2 Xullo, 2025