Arrancou a Feira do Livro do Porto, o paraíso da literatura lusa a menos de dúas horas de Vigo

Desde o pasado venres ten lugar nos Jardins do Palácio de Cristal, na cidade lusa do Porto, a súa popular Feira do Livro, fundada en 1930 e organizada desde 2016 pola Câmara Municipal do Porto. Poderemos visital ata o 7 de setembro, con entrada de balde.

FAITE AMOVIDALOVER
Foto: Feira do Livro do Porto

Porto é unha cidade bastante frecuentada polos galegos, especialmente os do sur, pola súa proximidade xeográfica, a semellanza idiomática, a beleza da súas rúas e os diferentes plans de lecer que ofrece. Un deles é a Feira do Livro, que arrancou o pasado venres 22 de agosto e poderá visitarse nos Jardins do Palácio de Cristal ata o 7 de setembro.

Malia que compartan nome, pouco ten que ver coas feiras do libro galegas e, en especial, a viguesa: 130 casetas de librerías (de primeira e segunda man) e editoriais enchen de literatura o fermoso parque portuense. Para facernos unha idea, a feira máis grande de Galicia, a da Coruña, tivo en 2025 39 casetas. A de Vigo algo máis da metade, 21, e a de Santiago arredor de 17. A pesar do seu gran tamaño e afluencia de xente, é moito máis doado moverse entre casetas que na feira viguesa. Alén dos postos, hai numerosas actividades infantís, obradoiros, charlas, presentacións, sinaturas, concertos e mesmo unha zona onde comer e beber.

Foto: Feira do Livro do Porto

Ademais do propio desconto da feira, cada día hai un Livro do día que reduce o seu prezo ente un 30 % e un 50 %. O horario do evento é de 12:00 h a 21:00 h de luns a venres, de 12:00 h a 22:00 h os venres e de 11:00 h a 21:00 h os domingos. Podes consultar o programa completo premendo aquí. Para chegar ao Porto podemos utilizar o coche (sobre 1 h e 40 min), autobús (sobre 2 h 20 min) ou tren (sobre 2 h e 20 min) desde Guixar con trasbordo en Viana do Castelo.

Foto: Feira do Livro do Porto
The following two tabs change content below.