Arantza Portabales: “Din que o pasado sempre volve, pero son as consecuencias dese pasado as que nos alcanzan”
Arantza Portabales é unha das autoras máis exitosas do panorama galego. As súas series de novelas non deixan de colleitar lectores, sobre todo porque teñen ese ritmo das historias de Agatha Christie e dese misterio que non nos solta ata rematar. Orixinaria de San Sebastián, Portabales iníciase como escritora ano 2015 cun libro de microrrelatos en castelán, A Celeste la compré en un rastrillo. Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego, Sobrevivindo, acada o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, foi traducida para o castelán, o italiano, o hebreo e o alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago. Despois viñeron os seus grandes hits literarios: Beleza vermella, A vida secreta de Úrsula Bas, O home que matou a Antía Morgade, Asasinato na casa rosa e, recentemente, Asasinato no muíño do cura.

Como se che ocorreu que un muíño protagonizase unha novela?
Estaba á procura dun escenario representativo de Loira. O río Loira ten nun curso de case dez quilómetros, cincuenta e catro muíños. Tiven claro que era o escenario perfecto para o crime.
Abres a novela cunha cita de Agatha Christie que di que “ninguén pode lembrar cousas ao seu antollo. Cando neste sentido se fai un esforzo, non sempre a memoria acode ao noso auxilio”. E ten moito que ver co que imos atopar a continuación, non si?
A personaxe principal da novela, Alba Mariño, ten amnesia retrógrada e non lembra nada do acontecido nos seus primeiros dez anos de vida. A pescuda do pasado e da identidade son o motor da novela. Unha pescuda que o lector decidirá, ao rematar o libro, se paga a pena ou non.
Aquí volvemos atoparnos con personaxes queridas como Sinda “A Gestapo” ou Santaclara e Araújo, ademais dos espazos entre Bueu e Marín. Por que unha segunda aventura con eles e nestes lugares?
Loira ofréceme todas as posibilidades literarias que ofrece un pobo pequeno: a de observar as reaccións dos seus habitantes de preto, como o entomólogo que olla un formigueiro a través dunha lente. E ademais César, Iria e Sinda fixéronme sentir moi cómoda. Foi unha ledicia volver a eles.
É posible recuperar un pasado que nos roubaron? A través de Alba Mariño reflexionamos sobre iso…
Din que o pasado sempre volve, pero non é certo, son as consecuencias dese pasado as que nos alcanzan. Pero non hai posibilidade nin de cambialo nin de corrixilo. Recuncar nas decisións pasadas é un exercicio inútil. Pero esta é a miña opinión. Está claro que a miña protagonista non pensa o mesmo.
«Segue a ser difícil ser muller. Continuamos a sufrir violencia, machismo e xuízos morais»
Quen son as irmás Freijomil? A través delas falas dun tempo no que as mulleres e nais solteiras estaban moi maltratadas. Pensas que cambiou algo?
Xa as define a Gestapo no libro: só son tres mulleres soas que tiveron que saír adiante sen axuda. Nunca foi doado ser muller, pero selo hai cincuenta anos baixo o xuízo dunha sociedade cuns estándares de moralidade que estaban máis pretos aos do século XIX que aos de 1970, era moito máis difícil. Claro que as cousas mudaron. Pasaron máis de cinco décadas, e acadamos liberdades e territorios que parecían inalcanzables Pero aínda así segue a ser difícil ser muller. Continuamos a sufrir violencia, machismo e xuízos morais.

Os teus libros suceden en espazos grandes pero tamén en vilas pequenas. Onde cres que é mellor desenvolver un misterio?
As vilas pequenas permítenme observar a natureza humana máis de preto, pero para construír un misterio, eu preciso máis de persoas que de lugares.
No libro tamén reflexionas sobre o poder expresado en persoas que pisaban a outras. Quen son estas personaxes e onde te inspiraches para crealas?
Desde que o mundo é mundo sempre hai alguén que se cre superior a outras persoas en función da súa posición económica e social. Segue a pasar, e seguirá pasando.
«A culpa é a principal inimiga da liberdade»
A culpa é outra das cuestións sobre as que lanzas un debate. Por exemplo, nun momento da novela dis que “a culpa sempre atopa o xeito de ir facendo un oco dentro dunha”… Que sentido ten no argumento?
A culpa é a principal inimiga da liberdade. Non é que estea presente nesta novela, coido que o está en todos os meus libros. Sempre acabo reflexionando sobre como o xuízo alleo repercute no propio e lastra as nosas decisións.
Nos agradecementos confesas que es tataraneta do cura de Ardán dende 1891, Ramón Ces Freire. Hai algo de homenaxe e recordo a el neste libro?
Levo toda a vida a escoitar a historia da miña avoa Rosalía Pousada, neta do cura de Ardán. Morreu no ano 1948, con só 36 anos, de diabetes. Recuperar a historia familiar foi unha homenaxe ao meu pai. Foi fermoso.

Loeiro é o trasunto literario do lugar marinense de Loira. Leron os veciños e veciñas o libro? Que lles pareceu?
Máis aló de que ningún quere ser a Gestapo e de que lle mudei o nome á vila, penso que a todos lles gusta que Loira sexa protagonista e os personaxes reais que aparecen, fano porque así mo pediron.
«Gústame amosar como os libros inflúen no maxín da rapazada»
Aparece por aquí moito o libro de María Gripe Os escaravellos voan á tardiña, unha obra que obsesiona á protagonista e que a min tamén me cativou cando era moza. Por que esta obra e non outra?
Porque hai moito en Berta Freijomil da nena que foi Arantza Portabales. E lembro aínda como me sacudiu ese libro. Gústame amosar como os libros inflúen no maxín da rapazada.
Cres que o tempo o cura todo e que se tes paciencia se atenúa a dor?
Penso que simplemente somos o suficientemente fortes para seguir vivindo.
Á hora de crear, de onde parte a túa inspiración? Onde decides que hai un crime ou un misterio que resolver?
Paso máis tempo pensando a novela que escribíndoa. Sempre parto dunha idea, e comezan as preguntas: de que quero falar? Que sucederá na periferia do crime? Como afectará aos que están arredor del? Quen mata? Por que? E despois das preguntas, maxicamente chegan as respostas.
Nas novelas policiacas, aos lectores sempre nos queda a intriga de que se haberá máis libros. Xa cho preguntamos con Abad e Barroso… Vai haber máis Araujo e Santaclara?
Esta contéstase axiña: Por suposto que si.
Que supón dedicarte por fin á escrita a tempo completo? Hai un tempo anunciaches nas túas redes sociais que deixabas o teu traballo para dedicarte a isto. Supoño que foi unha decisión complexa… Que valoración fas deste tempo?
Non sei se foi unha decisión complexa, o que si foi é necesaria. Non podía manter dous traballos cun nivel de responsabilidade tan alto ao mesmo tempo. Só podo dicir que estou gozando moito da experiencia. Sei que son unha privilexiada por poder vivir da escrita, así que só teño valoracións positivas.
Tensi Gesteira
Crítica literaria
Contido patrocinado por Deleite


