Apex, fusión de viño e cociña creativa

A oferta gastronómica de Vigo continúa expandíndose fóra do centro da cidade, buscando novos barrios onde as propostas de autor e a cociña internacional aínda non están tan arraigadas. É o caso de Apex, na contorna da praza da Independencia, un proxecto que combina a restauración de fusión cunha coidada adega de viños.

Á fronte do establecemento está Anxo Sanmartín, un mozo de 24 anos que, malia a súa xuventude, leva «toda a vida respirando hostalería», primeiro no negocio familiar, o coñecido pub Ícaro, e despois como profesional dentro e fóra de Galicia. Coa apertura de Apex, Sanmartín aposta por un local moi versátil que xunta bar de tapas con viñoteca e restaurante.

Para dar forma á carta, Anxo aliouse cun cociñeiro experimentado, o que creou unha simbiose entre a enerxía emprendedora dun e a veteranía do outro. O concepto culinario de Apex afástase do receitario tradicional galego para explorar sabores internacionais, con influencias destacadas das cociñas mexicana, chinesa e xaponesa. «O mexicano encántame. É un soño para min poder ir a México e comer tacos nos postos de alí», recoñece o hostaleiro. Esta influencia combínase con elaboracións lentas e produto de calidade. Un dos seus pratos estrela é o pan brioche con carne de porco desfeita, que require unha cocción de doce horas no forno a baixa temperatura. Os baos negros de lagostino rebozado, as gyozas de tenreira ou de lagostinos ou o steak tartar e tamén dan conta da vontade do restaurante de expandir o abano de sabores buscando o equilibrio entre o produto de proximidade e as técnicas contemporáneas.

Para os escépticos do peixe cru, Anxo introduciu un carpaccio de lagostinos que anima a probar a «todos os que aínda non se atreveron co suxi», como era o seu caso ata hai pouco. A carta tamén inclúe pratos que reinterpretan produtos locais, como a tosta de sardiña con pisto manchego sobre masa de follado ou as croquetas de queixo e trufa. Nos principais reinan as opcións tradicionais, entre as que atopamos faceiras estufadas, polbo á feira, e cocochas ao pil-pil.

O outro piar de Apex é a súa faceta como viñoteca. O local conta na actualidade con 37 referencias de viño e a estratexia de Sanmartín céntrase en traballar con provedores que lle permitan ofrecer etiquetas pouco coñecidas polo gran público, co fin de fomentar que a clientela descubra, tamén na bebida, novas denominacións e perfís de sabor. «Non quero nada que a xente estea afeita a beber», sentencia.

A sección de sobremesas, de elaboración propia, mantén a liña de innovación do resto da carta. Destaca a torta de queixo fría e, especialmente, o volcán, un doce para compartir que combina unha sopa de chocolate quente con marmelada de chile picante, xeado de fresa e popping candy, un contraste de temperaturas e texturas que recrean a sensación dunha erupción tanto visualmente como na boca.

Apex abre de martes a domingo, conta con menú do día á hora de comer e o local está adaptado a persoas con cadeira de rodas. O seu obxectivo é converterse no restaurante quen busca unha experiencia culinaria creativa sen saír do barrio ou uns petiscos distendidos arredor dun bo viño.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.