Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia»
En febreiro chegou aos cines As liñas descontinuas, película dirixida por Anxos Fazáns Estévez (Marín, 1992). A historia discorre integramente na nosa cidade, onde Fazáns viviu ata hai pouco tempo, e relata o encontro entre unha muller de máis de cincuenta anos e un rapaz trans que non chega aos trinta. O filme, candidato a once Premios Mestre Mateo, fala sobre a necesidade de conectar co outro.

Escoiteite dicir sobre a película que é un abrazo ao público. Querías fuxir dos dramas?
Isto do abrazo díxomo unha persoa que viu a película no festival de Xixón. Gustoume moito e agora si que o digo cando me preguntan, porque creo que define moi ben o que intentaba transmitir. Tampouco é que fuxa do drama, pois as personaxes parten dunha situación de crise, pero si quería facer unha película luminosa, lixeira, que emocionase o público e que intentase dar un toque de esperanza.
O teu anterior filme, A estación violenta, era unha despedida. Podemos dicir que esta é xusto o contrario, un encontro?
Si, xusto. Pode ser que este traballo naza en resposta a A estación violenta, que de feito era moito máis dramática. Esta vez apetecíame contar algo, como dicía antes, desde a positividade, desde unha conexión ou reconexión coas cousas que importan na vida. A idea do encontro ou reencontro atráeme moito. No fondo non sei se son tan diferentes, porque este filme tamén ten unha despedida; todos os encontros implican unha despedida, supoño.
A diferenza do teu primeiro filme, este escribíchelo ti a partir dunha idea propia. Como xurdiu?
Si, coescribín o guión con Ian de la Rosa partindo dunha idea miña. Hai unha chea de tempo lin un titular sobre un ladrón que queda durmido na casa na que entra a roubar; esa foi a semente, pero a película fala doutra cousa. O importante son eses dous personaxes e ese espazo que crean para o encontro, para o diálogo e para coñecerse.
Os protagonistas son unha muller nos cincuenta anos e unha persoa trans que non chega aos trinta. Son persoas pouco representadas no cine e tamén noutras artes. A escolla foi intencionada?
Unha das primeiras decisións que tiven que tomar foi quen serían esas persoas que se atopan desta maneira. Tiña claro que quería facer algo que me interesase e que puidese achegar algo a quen vexa a película. Decidín que esas dúas persoas ían ser unha muller de máis de cincuenta e un rapaz trans de menos de trinta, e detrás diso hai unha preocupación social, un xesto un pouco político de colocalas no centro da historia, cando normalmente non o están. No fondo, collinas da miña realidade, pensei nas mulleres maduras que coñezo e que non se parecen ás que vexo na pantalla, así como nas persoas trans, que no cine non están practicamente representadas ou o están dunha maneira moi estereotipada. O filme non vai diso, pero si que hai unha preocupación social en poñelos de protagonistas.

A priori parece pouco probable que unha señora de cincuenta e un rapaz trans poidan comezar unha amizade. Deberiamos rachar con iso?
É unha das cousas que propón a película: o valioso que é o encontro cos demais, sexa quen sexa a outra persoa. Aínda que poida parecer que o outro non ten nada que ver contigo, no fondo todos somos moi parecidos e, ao dárense as circunstancias axeitadas, todos podemos conectar, dá igual o xénero e a idade. Deberiamos estar máis conectados co outro, o problema é que no día a día estamos sempre moi aceleradas e non temos tempo para eses momentos de escoita e de conexión.
Adam Prieto non tiña experiencia como actor. Como deches con el?
Sabía que ía ser moi difícil atopar a persoa que interpretase este personaxe, porque precisaba un rapaz trans, menor de trinta anos, que falase galego e que vivise en Galicia. Así que un ano antes de comezar a rodar lanzamos un casting aberto para intentar ver canta máis xente mellor. Foi un proceso longo, pero Adam estivo aí desde a primeira convocatoria; foi pasando fases e desde o comezo foi unha das persoas que máis destacou. Paso a paso confirmamos que tiña non só a enerxía e o carácter que requiría o personaxe, senón tamén moitas aptitudes para ser actor, aínda que non tivese ningunha experiencia; era un actor en potencia. Penso que descubriu o seu talento e agora gustaríalle dedicarse á interpretación. Oxalá poida seguir o camiño iniciado, para min xa é un actor.
Noutra entrevista dicías que oxalá a Mara Sánchez, coprotagonista do filme, a chamen máis doutros proxectos a partir desta película.
Mara sofre un caso bastante habitual entre as actrices maiores de 45 ou 50 anos: como no cine e nas series hai poucas personaxes destas idades, chámanas menos. Ela, en concreto, nos últimos dez anos participou neste filme e nunhas convocatorias pequenas para unha serie; practicamente non traballou como actriz desde que fixo os cincuenta. Agora ten outro traballo e tira para adiante, pero obviamente o que lle gustaría sería dedicarse ao seu. Para iso tamén ten que haber personaxes interesantes e protagonistas mulleres de cincuenta, sesenta ou setenta. É moi absurdo que non as haxa, coñezo mulleres desa idade que son interesantísimas e teñen vidas ben activas.
Sempre tiveches claro que querías facer o filme en galego?
Mentres poida traballar en Galicia quero facelo en galego. O audiovisual desenvolve un labor de normalización —dos poucos que se seguen facendo en Galicia, por certo— moi importante.

A música galega ten un peso moi importante no filme. Por que te decantaches por artistas como The Rapants, Grande Amore ou Triángulo de Amor Bizarro?
Sempre uso moita música no que fago porque vivo rodeada dela. Interésame moito a escena galega e coñezo bastantes músicos; de feito, durante un tempo tiven un grupo. Para min poñer música galega é o natural e é tamén o que me interesa visibilizar.
Se non me equivoco, esa banda era Contenedor de Mierda. Botas en falta esa faceta musical?
Era un grupo punk e tratábase máis de performar que de facer música. Foi marabilloso e durou bastante para o que era. Ás veces bótoo de menos porque o escenario, esa parte performativa e a música gústanme moito, pero teño a dificultade de que non canto nin sei tocar ben a guitarra.
O filme é candidato a once Premios Mestre Mateo. Como recibiches a noticia?
Con moita alegría. Estou moi feliz por todo o equipo, porque son candidaturas que recoñecen o traballo dos distintos departamentos. Chegan, ademais, neste momento no que estreamos, e sempre está ben un pouco de ruído para que se fale da película. Pero é un ano moi potente para o cine galego, está aí Sirat, camiño aos Óscar. É complexo que vaiamos gañar nada.
Desde fóra, hai a percepción de que o cine galego está a vivir un momento moi bo. Sentes que é así?
É un momento no que hai moita produción e iso é bo porque crea moito traballo. Hai tanto proxectos propios que se producen desde Galicia como outros que veñen rodarse aquí, e iso xera riqueza para a industria. Hai tamén moita diversidade de proxectos, que é algo moi positivo. Aínda así, levantar unha película é un esforzo complexo. Distribuír é unha fase moi dura. Penso que é un momento bo para o cine galego, pero á vez moi fráxil para o cine mundial. Están as plataformas, non sabemos que vai pasar cos cines… Hai moitas cousas que cuestionarse sobre o sistema de distribución e como facer viable a produción de cine.

Cres que van deixar de existir as salas de cine?
As salas non van desaparecer, igual que seguimos indo á ópera ou ao teatro e lendo libros en papel. Á xente gústalle moito ir ao cine, pero esquécese porque é máis práctico estar na casa e ver os filmes nas plataformas. Todos facemos iso e creo que as dúas cousas teñen que convivir. Si que penso que as salas son moi escravas de Hollywood, das pelis con moita recadación, e o sistema expulsa o cine pequeno.
Parécese ao que está acontecendo coa música, non cres?
Tanto na música como no cine está acontecendo unha cousa que me preocupa. Parece que cada vez aumenta máis a distancia coas películas grandes, os músicos que máis pegan, os grandes festivais… Hai un éxito moi grande para un número moi pequeno de proxectos. Hai uns anos convivían proxectos medianos e pequenos, música underground, concertos en pequenas salas, filmes que circulaban por moitos festivais internacionais de cinema… Todo iso era considerado éxito, cada un facía a súa carreira, o pequeno percorrido estaba ben e era sostible. Pero agora a sensación é que ou estás na cúpula ou desapareces, e preocúpame porque iso leva á homoxeneización das propostas, a que haxa menos voces. A tendencia social cara a aí é preocupante: a clase media desaparece, os proxectos intermedios desaparecen, os grupos de música pequenos que só vivían indo ás salas desaparecen, e iso pon en perigo a diversidade.
«Os proxectos intermedios están desaparecendo e iso pon en perigo a diversidade»
Cal foi a principal dificultade que atopaches para sacar adiante este proxecto?
O financiamento é sempre unha viaxe. Coincidiu que Silvia Fuentes mais eu montamos a nosa propia produtora, Sétima, ao tempo que comecei a desenvolver este proxecto e queriamos ser a produtora principal da película en Galicia. Entón foi un percorrido longo e complexo. Creo que o máis difícil é conseguir sobrevivir día a día na industria audiovisual e cinematográfica sendo novas, mulleres e producindo en galego. É unha carreira de fondo, pero non me podo queixar, porque aquí estamos, estreando o filme.
«É difícil sobrevivir na industria audiovisual sendo novas, mulleres e producindo en galego»
Cres que é máis difícil por seres muller e ademais nova?
Cada vez somos máis mulleres en todos os departamentos, pero aínda así a cousa vai moito máis lenta do que pode parecer. Cando ves as cifras, non somos nin tantas directoras, nin tantas produtoras, nin tantas técnicas; queda moito por facer. É difícil, por exemplo, acceder a orzamentos grandes, hai certos lugares nos que segue sendo máis difícil entrar. Moitas facemos proxectos pequeniños de orzamentos baixos ou medios e niso tamén inflúe que estamos socializadas como mulleres. En moitas ocasións, non nos permitimos soñar con triunfar, estamos acostumadas a ceder o paso. A min pásame: penso en facer un filme pequeno, de forma discreta, que non se note moito o que estou facendo por se non sae ben. O da idade tamén é forte: ata agora sempre me dicían que era moi nova e en dous días vanme dicir que son demasiado maior. É absurdo o fráxil desa etiqueta. Cadaquén fai as cousas cando pode, cando atopa a oportunidade.
O filme foi rodado entre Vigo e Marín, por que?
Nacín en Marín pero vivín moitos anos en Vigo, en concreto en Teis, que sae na película, xunto coa ETEA e a zona do porto. Para min esta cidade ten algo moi cinematográfico, este ambiente industrial, a propia paisaxe, a luz… É certo que gran parte do filme sucede dentro dunha casa, que está deslocalizada, e esa parte rodámola en Marín porque foi onde topamos unha casa interesante e a un prezo alcanzable. Pero a película está ambientada aquí e na ficción todo acontece na contorna de Vigo. Gustábame sobre todo esa cuestión industrial do porto e a mestura de paisaxe, natureza e cidade grande e industrial.

Xustamente parece que nos últimos tempos queremos escapar diso.
Si, ás veces quérese vender máis a imaxe de postal, pero é un pouco absurdo, porque Vigo ten esa cousa de cidade grande, moito cemento, moita zona industrial, é ten encanto precisamente por iso. Creo que unha das cousas que a fan bonita e diferente é esa mestura e contraste. E logo tamén ten unha enerxía, unha vida relacionada con iso, que a fai diferente. O ambiente nocturno, ese ambiente de cidade historicamente proletaria, é algo que tamén me gusta.
A película arranca na Fábrica de Chocolate.
Si, Churruca é unha desas cousas que me gustan de Vigo, ten unha vida nocturna moi potente, cunha enerxía moi bonita e propia. Estase a perder un pouco, como todo, pola xentrificación e porque cada vez hai menos propostas culturais. Pero na miña cabeza segue a ser esa noite viguesa na que hai un montón de concertos e moita xente vinculada á cultura que está pola rúa. Aínda que cada vez hai menos concertos, oxalá non desaparezan de todo.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia» - 25 Febreiro, 2026
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025
- As rondallas resisten no rural - 26 Novembro, 2025

