Anxos Fazáns imparte en Vigo un curso de dirección de cine

No marco do programa de microformacións OFF ESCAC, a directora e produtora pontevedresa Anxos Fazáns imparte as clases de Introdución á Dirección, un taller co que o alumnado pode percorrer todas as fases do traballo de dirección, proporcionando ademais un acompañamento ao proceso creativo dos participantes.

OFF ESCAC | Cedida

O curso pasado, a prestixiosa escola de cinema catalana trouxo algúns cursos do seu programa OFF ESCAC a Galicia. Para este 2025/2026, estes cursos bonificados, dirixidos a estudantes ou profesionais que desexen ampliar as súas competencias no sector audiovisual, chegan á cidade olívica.

Desde o xoves 2 de outubro, a autora d’ A estación violenta (2018) levará a cabo unha formación en dirección de cinema, que conecta e favorece a tecedura da industria local. As sesión terán lugar semanalmente na escola ACT Galicia, que tamén acollerá outros cursos como Taller de escritura de curtametraxes e Casting e marketing para actores.

No primeiro, explorarase o proceso da escritura do guión. Os participantes traballarán desde unha idea inicial ata a escritura da primeira versión completa do seu guión, combinando teoría, análise de referentes, exercicios de escena e desenvolvemento do seu proxecto persoal.

Pola súa banda, o segundo está pensado para ofrecerlles ós intérpretes as ferramentas necesarias para acceder ao mercado audiovisual de forma profesional, organizada e creativa. O alumnado creará un portfolio actoral completo mentres aprende como definir o seu perfil artístico e afrontar procesos de selección e visibilidade.

En definitiva, os cursos de OFF ESCAC caracterízanse polo seu enfoque práctico, que lle permite ao alumnado desenvolver os seus propios proxectos e aprender da industria audiovisual da man de profesionais cunha gran traxectoria na mesma.

*Trátanse de formacións gratuítas. Pódese acceder á reserva de prazas premendo aquí.