Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos»
O pasado 6 de marzo todas as miradas se pousaron en SonDeSeu, a agrupación que interpretou no estadio de Balaídos o Like a Prayer de Madonna antes do partido do Celta fronte ao Real Madrid. Anxo Pintos (Bouzas, 1968) é membro fundador desta agrupación, que o próximo 9 de maio celebra o seu 25.º aniversario cun concerto no Auditorio Mar de Vigo para o que as entradas están esgotadas. Excompoñente de Berrogüetto, Pintos é profesor de zanfona na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD) e, xunto a Begoña Riobó, integrante do dúo Parbö.

Teño entendido que a túa relación coa música comezou de ben pequeno na casa.
Si, a verdade é que vivimos unha infancia rodeada de música. Os meus pais sempre comentan que cando foron vivir para o piso non tiñan case mobles, pero o primeiro que fixo o meu pai foi comprar unha guitarra eléctrica. El sempre estivo vinculado ao baile e a música tradicionais, era gaiteiro —esa é a rama que me tocou a min—, e a miña nai dedicábase a cantar zarzuelas e óperas. Isto propiciou que tanto a min como á miña irmá (Silvia Superstar) e ao noso irmán pequeno (Gael Pintos) nos fose bastante doado desenvolvernos neste mundo artístico. Sempre recibimos moito apoio por parte dos nosos pais, mesmo cando decidimos dedicarnos a isto profesionalmente.
Chegaches á ETRAD sendo moi novo. Como foi iso?
Coñecín a Antón Corral porque o meu pai lle encargara dous punteiros cando aínda estaba na Cooperativa de Soutelo de Montes, en Lugo, e viñeran facer unha exposición a Vigo a raíz do Mundial. Despois diso, o daquela concelleiro de Cultura, Francisco Santomé, marchou a Lugo para intentar convencer a Corral de que viñese para Vigo. Moita xente temos ese día marcado na mente porque a entrada de Antón Corral na ETRAD nos cambiou a vida. Ao ano seguinte Antón falou co meu pai por se eu quería participar no grupo didáctico que ía montar. Lembro perfectamente aquel primeiro día: púxose a darlle voltas á zanfona e nese momento decidín que quería aprender a tocar ese instrumento. Logo chegou a idea da creación do Conservatorio de Música Tradicional en 1996, (actual ETRAD) da man de Rodrigo Romaní… e ata hoxe.
«A moitos, a entrada de Antón Corral na ETRAD cambiounos a vida»
Algo debe de ter este lugar para que despois de todo este tempo continúes aquí.
Este edificio de Pacewicz é verdadeiramente incrible. De estilo neomedievalista, ten algo, con estas molduras, os teitos altos, o chan de madeira, como renxe todo… Falamos dun edificio con máis de cen anos de historia e que agora mesmo respira música por todos os poros. Pero, desde logo, a apertura do obradoiro de lutería supuxo un antes e un despois na vida de moitos. Se hoxe este é un dos epicentros da música tradicional do país é, en gran medida, grazas á decisión que tomou ese político valente e ás ganas que tiña Corral de compartir o seu coñecemento con todo aquel que quixese aprender a construír un instrumento e poder tocalo. Por aquí pasaron Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Marcos Campos ou algúns dos músicos de Berrogüetto, como Santiago Cribeiro ou eu mesmo. En fin, hai moitísimos gaiteiros e gaiteiras que iniciamos aquí a nosa formación.
Fóra deste ámbito, Antón Corral non é unha persoa moi coñecida. Que papel desempeñou na música tradicional galega?
É un persoeiro capital no desenvolvemento da música tradicional en dous ámbitos: como construtor de gaitas, zanfonas, requintas, charrascos… e como músico. El era viaxante, pero decidiu deixar a súa profesión para se dedicar en corpo e alma a isto. Ten unhas mans prodixiosas: elaborou zanfonas e gaitas incrustadas cun traballo de miniaturización incrible. E máis incrible é que ten noventa anos e segue a traballar no seu obradoiro coa mesma certeza e destreza.
En que momento decides dedicarte profesionalmente á música?
A través do Grupo Didáctico do Obradoiro de instrumentos da EMAO (Daquela Universidade Popular), fomos entrando neste mundo dunha maneira moi natural. Puidemos coñecer músicos que admirabamos e foi xerándose unha confianza que nos levou a Carlos Núñez, a Santi Cribeiro e mais a min a crear un primeiro grupo, que se chamou Extramundi, e despois Matto Congrio. Naquela altura, eu estudaba Filoloxía Hispánica e Santi, Historia, mais decidimos deixalo coa determinación de dedicarnos profesionalmente a isto. A iso contribuíu tamén o exemplo de Milladoiro, que foi sempre unha especie de faro, ao demostrar que era posible ter éxito neste xénero musical.

Aínda que es multiinstrumentista, principalmente tocas a gaita e a zanfona. Por que non gozan estes dous instrumentos da mesma popularidade?
A zanfona chegou a Galicia a través do camiño de Santiago, nunha época de esplendor do organistrum, da sinfonía e do galego-portugués. Cando morre o galego-portugués, morre tamén esa época de esplendor da zanfona e, ata o século XX no caso de Galicia, refúxiase no mundo dos cegos: nese tempo está ligada á venda de pregos de cordel. Non é ata que chega a figura de Faustino Santalices cando a sociedade galega redescubre este instrumento. Aínda así, a zanfona non estaba relacionada coa música tradicional, non era un instrumento que se usase para acompañar danza nin nada. Xa que logo, aos que nos achegamos a este instrumento tocounos buscar a forma de incorporalo. Ao tempo, e grazas a ter pasado polo obradoiro de Antón Corral, foi despegando o mundo da lutería, que acabou por desenvolver a zanfona contemporánea, un modelo que están acollendo todos os zanfonistas europeos porque nos ofrece moitas máis posibilidades en canto a posibilidades de uso.
Vas facer trinta anos como profesor de zanfona na ETRAD. Neste tempo notas que medrase o interese por este instrumento?
Si, a verdade é que para min era impensable poder estar no momento actual. En 2022 organizáronse en Lugo unhas xornadas de zanfona e o último día xuntámonos máis de cen zanfonas tocando xuntas; quedamos todos bastante abraiados. Nós empezamos aquí con moi pouquiño alumnado e agora temos arredor de cincuenta estudantes anuais, que pode parecer pouco, pero para unha escola de música é moito.
Por que ese crecente interese?
Non sabería dicirche con exactitude. A min paréceme un instrumento tremendamente magnético. Ao ver tocar unha zanfona teño a mesma sensación que tiña cando de pequeno faciamos acampada libre en Donón e quedaba engaiolado diante dunha fogueira vendo as faíscas. Conéctanos con algo da humanidade que é antigo; é como se estivese entroncado co cerebro reptiliano dalgún xeito. Ningún instrumento me atrapou como a zanfona, malia me considerar mellor gaiteiro que zanfonista.
Como pensas que vai evolucionar o mundo da zanfona nos próximos trinta anos?
Agora mesmo considero que a zanfona xa é un instrumento normalizado. Galicia é hoxe, probablemente, un dos puntos de Europa onde a zanfona goza de maior éxito. A nivel de lutería, non existe un lugar como a ría de Vigo: aquí está Xaime Rivas; da outra beira temos a César Loureiro, Jaime Rebollo e Gustavo Cancelas, e un pouco máis cara ao interior temos a Carlos do Viso. Hai moita xente dedicándose profesionalmente ao mundo da lutería de zanfona grazas a Antón Corral, que converteu Vigo nun epicentro.

Berrogüetto foi unha agrupación que gozou de bastante éxito. Por que se disolveu?
Tiñamos unha estrutura empresarial, cunha oficina aberta e unha representante, que era Beatriz Fontán, a quen recordamos con moitísimo agarimo, e os últimos anos consistiron en intentarmos sobrevivir nun mundo cambiante, unha época na que o sector da música estaba mudando de paradigma e na que as estruturas que fornecían os concertos, especialmente en Galicia e noutros lugares de España, desapareceron. A competencia que existía entre Caixa Galicia e Caixanova creara circuítos culturais que mantiñan bastante viva a escena. Galicia ten un problema de escala: somos unha sociedade de menos de tres millóns de habitantes no país, as principais cidades non chegan aos trescentos mil habitantes, e se fas unha xira de salas alugando ti mesmo o espazo e indo ao que saques na billeteira non podes facer máis de sete concertos. A xira de Andar por Casa foi un deses derradeiros intentos: fixemos sold out en todas as cidades nas que decidimos tocar, mais, despois de dar todos eses concertos, cada un dos músicos levou en total seiscentos euros. Aí decatámonos de que aquilo non daba para máis. A xira de despedida foi tremendamente emotiva porque nos permitiu darnos conta do agarimo que sentía a xente por Berrogüetto e foi unha maneira de dicirnos a nós mesmos que estabamos formando parte de algo máis grande.
Vós fostes precursores, pero é verdade que agora mesmo a música tradicional está vivindo un momento álxido. Saberías marcar o punto de inflexión?
O fenómeno das Tanxugueiras ten un valor incalculable, non só para a nosa música, senón para o país, para a nosa lingua e para sentirnos orgullosos. Foi transcendente que as e os adolescentes visen como tres pandeireteiras estaban no festival de Benidorm e eran plenamente merecedoras de representar o Estado español no festival de Eurovisión. Quedaron ás portas, pero ese día toda Galicia desexaba que fosen elas as que nos representasen. É unha mágoa que un Estado con esta diversidade e potencial non se sinta orgulloso de mostrala ao resto da Europa.
Cres que grazas ás Tanxugueiras houbo un cambio na autoestima social sobre nós mesmos e en relación coa tradición e a música tradicional?
Unha das cousas que fixo ben esta última xeración foi incorporar o glamour á música tradicional, nós eramos moito máis hippies. Foron quen de introducir a música tradicional nese apócope glamuroso que é o trad e agora a xente que toca a pandeireta busca unha funda cun estampado chulo, personaliza o instrumento buscando, por exemplo, unhas ferreñas dunha ou doutra maneira… Agora temos a nosa liturxia glamurosa e iso é tremendamente importante. Hoxe en día presenciamos un espectáculo das Tanxugueiras e vemos que é completamente homologable a un de rock. Isto ten a súa parte boa, aínda que a mala é que agora tamén no trad e no folk tocan os grupos grandes e os medianos moito menos. Os concellos queren asegurarse de encher por completo espazos grandísimos, esquecéndose de que o técnico de cultura ten a obriga de facer un labor de prospección e de mecenado para conseguir que grupos emerxentes ou que empezan teñan acceso aos circuítos de concertos. Non teñen que estar no mellor concerto das festas do verán, pero ten que haber unha programación que garanta que os grupos galegos poidan estar. E por que non en Castrelos? Por que non usar os mesmos equipos que están toda esa semana montados? Por que temos que estar obsesionados con que en Castrelos ten que haber trinta mil persoas, por que non pode haber dúas mil ou cinco mil?
«Esta última xeración conseguiu introducir o glamour na música tradicional»
Faise pouco desde o Concello de Vigo para apoiar a música emerxente?
Teño aquí unha sensación encontrada: por unha parte, coñezo canto o Concello apoia, por exemplo, as bandas de música, a OV430, a Coral Casablanca, a Orquestra Clásica, a Fundación Mayeusis… Hei de dicir que nós somos o faro vermello, porque o que achega para SonDeSeu súmao ao que achega á ETRAD, e estamos intentando facerlles entender que somos un activo cultural da cidade que podería estar facendo máis cousas. Esa subvención nominativa, co que conseguimos da venda de entradas, é o que nos permite facer un concerto anual, pero quereriamos facer máis. Gustaríanos poder organizar un festival de músicas de raíz, un evento no que estivese toda a música peninsular de raíz, que é moita e moi boa. Pensamos que poderiamos facelo con criterio, sería unha maneira de que a actividade da escola tamén teña unha continuación e que os case cincocentos alumnos que temos aquí puidesen ser parte dese festival.
«Gustaríanos facer aquí un festival de músicas de raíz»
Es un dos fundadores de SonDeSeu. Como se consegue manter unha agrupación tan numerosa durante 25 anos?
Baséase en dous principios: o primeiro é que se lles ofrece aos mellores alumnos da escola a oportunidade de formar parte da orquestra e o segundo é a estrutura organizativa. Hai un director xeral, que agora é Xaquín Xesteira, e un responsable de cada unha das seccións instrumentais. Cada un deses coordinadores encárgase de pulir os arranxos na propia sección e despois organizamos os ensaios xerais para pulir en conxunto. Trátase dunha maquinaria bastante ben engraxada. Dentro disto está o milagre de que hai moitos músicos que levan connosco desde o comezo e queren seguir formando parte. Este equilibrio entre xente que leva moito tempo e xente que acaba de empezar é o que nos permite manter sempre unha calidade moi estable. Para nós é un orgullo facer este concerto de 25.º aniversario con persoas tan incribles como as Tanxugueiras, Xabier Díaz, Rodrigo Romaní e Abraham Cupeiro, que foron tan xenerosos para poder estar aquí connosco celebrando esta data.
No mes de marzo estivestes en Balaídos interpretando o Like a Prayer de Madonna. Como foi a experiencia?
Cando a finais de xaneiro Gael García nos chamou por teléfono para propoñermo, durante os primeiros trinta segundos a miña cabeza pensaba que era imposible, que non había tempo para facelo, pero, pasados eses trinta segundos, había que dicir que si. Non imaxinabamos que fósemos capaces de crear en tan pouco tempo algo así. A actuación en Balaídos foi máxica e o colofón foi que Madonna contestase. Publicou o Faro de Vigo que unha campaña de márketing con esta viralidade —chegou a 87 países— tería un custo de máis de catro millóns de euros. A nós sorprendeunos que se mencionase tanto a SonDeSeu, porque neste tipo de cousas o máis común sería que aparecesen Madonna e o Celta e que o demais pasase desapercibido. Porén, a verdade é que tivemos moitísimo feedback e era algo que queriamos conseguir na cidade, porque sempre tivemos a sensación de que, dentro de todas estas institucións musicais que mencionamos antes, nós eramos a que menos apoio social tiña. Creo que isto axudou a visibilizar máis o que somos e o potencial que temos.
Hai uns anos creaches Parbö xunto a Begoña Riobó.
Parbö chegou nun momento importante para os dous. Ao desfacerse Berrogüetto comezou unha etapa da miña vida estraña. Despois de pasar toda a vida subido a un escenario, tes a sensación de que hai unha parte de éxito, un éxito modesto e comedido, pero sabes que estás sempre en proxectos que funcionan, e isto, mal que ben, está no teu ADN. Ao deixar de formar parte diso, comeza un período no que se instala unha especie de nube negra que se transforma nunha depresión de baixa intensidade, da que non es consciente ata que saes dela. Polo camiño cruzáronse Wu Tong e a xenerosidade de Cristina Pato,e tras uns concertos na China comecei a recuperar a autoestima. Foi en 2021 cando a organización de Música no Claustro nos convidou a Begoña e mais a min a dar un concerto. Ela tamén acababa de poñer fin ao seu proxecto, Riobó, nunhas circunstancias parecidas ás de Berrogüetto, e aínda que era algo que nos daba moito medo facer, xa que os dous vivimos no mesmo lugar e compartimos moitas horas, saíu ben. Comprendémonos moi ben porque entendemos de forma moi parecida como funcionan as melodías. Tocamos en formatos pequenos, case en acústico, nada que ver con ese gran formato ao que estabamos afeitos, pero isto permítenos ir a festivais pequenos, en moitos casos organizados por músicos, nos que recibimos un trato fantástico.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos» - 1 Abril, 2026
- Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia» - 25 Febreiro, 2026
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025

