Antonio Tizón: “Tan erróneo é romantizar a loucura como estigmatizala con atributos fóra da realidade”

Antonio Tizón (Aranga, A Coruña, 1960) é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense, de Madrid, e diplomado en Estudos Avanzados pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como xornalista en distintos medios e como profesor de diversas materias nas agora chamadas Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Ourense, Santiago e A Coruña. O seu traballo literario máis importante é a pentaloxía do inspector Sánchez Pereiro, que vén de pechar agora con A madriña (Editorial Elvira, 2026), e na que volve abordar as doenzas mentais e o que supón vivir con elas. Esta obra é un macrotexto no que se pon de manifesto un universo que tamén reivindica as historias e as voces das persoas que viñeron antes ca nós, en especial as das mulleres.

Antonio Tizón | P. Vázquez
ESCENICAS

Pechar esta serie supón unha combinación de varias sensacións; algunhas delas, contraditorias. Sinto á vez alivio e nostalxia. Nostalxia por poñer fin a un mundo propio, creado por min e para min, primeiro, e logo para toda a xente que decidiu incorporarse a estas historias a través da súa lectura. E alivio case pola mesma razón, por ser capaz de rematar un proxecto no que levo embarcado durante moito tempo, a maior parte da miña vida literaria. Porque, efectivamente, estiven moito tempo, bastantes anos antes da publicación en 2015 da primeira novela da serie, A antesala luminosa, á que seguiron Un home estraño (2018), Os incurábeis (2020), Lobos doentes (2023) e Madriña (2025), escribindo e reescribindo esta pentaloxía, que sempre considerei e considero aínda agora un proxecto interesante, orixinal e ambicioso, e que, no seu momento, sobre o 2011, lle presentei a Manuel Bragado, daquela editor de Xerais. O que pretendía, xa daquela, era crear unha serie de novelas, independentes pero complementarias, que abordasen, desde distintas perspectivas, a temática do trastorno mental e, ademais, en clave de xénero negro.

Todas elas, as cinco, se localizan nun marco xeográfico e histórico determinados e, en todas, existe un punto de partida, a xénese de cada trama, onde me fago unha serie de preguntas para as que, ás veces, nin sequera teño respostas definitivas, e que, en todo caso, debe intentar responder tamén o lectorado. Preguntas coma estas: 1) Por que se volve tolo un rapaz de 21 anos, sen problemas aparentes, en plena Transición, nunha sociedade convulsa? 2) Foron causas ambientais ou xenéticas? 3) Pode a literatura ser eficaz, como medio de expresión artística, á hora de abordar un tema como o trastorno mental dunha forma rigorosa e en clave de xénero negro? 4) Pode concibirse a loucura como algo romántico, creativo, positivo e, incluso, marabilloso? 5) Que ocorre cando esa concepción romántica da loucura choca coa realidade? 6) Que pasaría se levásemos ese concepto de guerra preventiva, tan de moda tras o 11-S, o marco histórico da terceira novela da serie, Os incurábeis, a todos os ámbitos sociais, incluído o da psiquiatría? 7) Que facer coas persoas que padecen enfermidades mentais graves (esquizofrenia, TB)? Teñen cura ou son incurábeis? 8) Son persoas normais ou especialmente violentas, perigosas? 9) E, se son un perigo, como tratalas? Teñen bo ou mal tratamento? 10) Por que se confunde tan a miúdo a loucura coa maldade, a perversidade? Preguntas que, en definitiva, se poden resumir en dúas ou tres (que facer coa loucura, que facer coa sociedade, que facer coa existencia…), preguntas que intento responder nesta pentaloxía, que pecho con Madriña.

O que pretendía, xa daquela, era crear unha serie de novelas, independentes pero complementarias, que abordasen, desde distintas perspectivas, a temática do trastorno mental e, ademais, en clave de xénero negro.

Cheguei a pensar nesa posibilidade pero, finalmente, decidín rexeitala. E non porque a temática da saúde mental e o formato de xénero negro non desen máis de si, que dan, e seguro que darían, xa que o tema é inesgotábel e o negro é un xénero que está continuamente reinventándose a si mesmo, senón por outro tipo de razóns. Razóns propias, porque quero escribir sobre outros temas e con outras formas, e porque, nesta pentaloxía, xa está dito o máis importante que quería dicir, e tamén por razóns alleas, porque boa parte da miña cuadrilla e, polo tanto, da miña audiencia, está a pedirme a berros que cambie de rexistro.

Para responder a esta pregunta tería que remontarme á petición de Henrique Sanfiz, o director de Radio Fene, quen, moi influenciado polo éxito de Serial, un pódcast norteamericano que arrasou cando se emitiu en 2014 en Estados Unidos, chegando a alcanzar máis de 70 millóns de oíntes, me ofreceu facer algo semellante coa miña novela A antesala luminosa. Sen saber moi ben onde me metía, aceptei o encargo e, a partir de aí, dunha forma cada vez máis profesional e sempre baixo a dirección de Eugenia Sanmartín e cun equipo técnico e artístico que oscilaba entre trinta e cincuenta persoas, adaptamos todas as miñas novelas da pentaloxía á linguaxe radiofónica. O normal era escribir e publicar primeiro a novela e despois facer, cun guión da miña autoría, a súa adaptación á radio. Pero, no caso de Madriña, co previo consentimento da editorial, fixemos e emitimos primeiro o pódcast e logo escribín e publiquei a novela, de tal maneira que podemos complementar a súa lectura con nada menos que 77 códigos QR, que remiten a unha radionovela de 62 capítulos e a un audiolibro de 15, algo inédito non só na narrativa galega, senón en calquera outro sistema editorial.

Quizais sexa isto, a harmónica combinación destas catro voces narrativas, o aspecto máis orixinal da obra, pero para min o mellor da novela é, sen dúbida ningunha, o retrato persoal, familiar e social de todo un tempo.

Efectivamente, na novela se combinan de forma proporcional, case medida, catro voces narrativas, e todas moi distintas entre si. Hai dúas voces en primeira persoa, a do comisario e a súa filla policía, que sustentan a parte negra e policial da trama, hai unha voz en segunda persoa, a da madriña, que lle fala ao seu neto preferido, o meu alter ego, a través dun magnetófono, unha voz oral, popular, a máis difícil de lograr, porque tiña que ser verosímil, sen caer nos cultismos, nos castelanismos nin na vulgaridade, e hai tamén unha voz en terceira persoa, unha voz omnisciente, a máis elaborada literariamente, unha voz que, en apenas setenta páxinas, catro por personaxe, resume a vida de quince persoas, os membros fundamentais que conforman a árbore xenealóxica familiar. Quizais sexa isto, a harmónica combinación destas catro voces narrativas, o aspecto máis orixinal da obra, pero para min o mellor da novela é, sen dúbida ningunha, o retrato persoal, familiar e social de todo un tempo (o século XX e a primeira década do século XXI) e espazo (a Galicia dese tempo) determinados. Determinados e esmiuzados pola voz do narrador omnisciente, a parte que me deixou máis satisfeito, e a voz da madriña, a parte máis emotiva para min.

Antonio Tizón | P. Vázquez

A madriña é a miña avoa, a nai do meu pai, a quen, sen selo, sempre chamei e chamo aínda, agora xa morta, madriña. Unha figura extraordinaria, unha muller analfabeta pero dotada cunha sabedoría moi especial e portadora, ademais, dun inmenso repertorio de contos e cantos populares que me contaba e me cantaba a min sempre que me sentaba con ela á beira da súa cama.

Botando man da miña experiencia propia e de moitas alleas, de lecturas especializadas e de intercambios de impresións non só con profesionais da psiquiatría, senón tamén coas persoas que me rodean. E partindo da miña experiencia práctica e teórica, a aínda a risco de chocar con algunhas correntes psiquiátricas e psicanalíticas, algunhas cousas si teño claras, tal como explico no capítulo 56 de Madriña. Teño claro, por exemplo, que hai determinadas manifestacións da conduta humana que non son “formas de ser”, senón enfermidades mentais que non se poden tratar con palmadas no ombro ou tan só con terapias psicolóxicas, porque requiren un tratamento base farmacolóxico. Teño claro, por exemplo, a relación existente entre a xenética e as enfermidades mentais, que son as máis xenéticas que existen, en maior medida que as físicas, incluído o cancro. Estou tamén convencido de que, nestes momentos, enfermidades mentais graves e crónicas, como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar, como tantas outras físicas, non teñen cura, pero si tratamento, e bo tratamento. E estou igualmente convencido de que as persoas que as padecen, ben diagnosticadas e tratadas poden levar unha vida persoal, familiar e laboral practicamente normal, entendendo sempre o de “normal” entres aspas, porque hai quen concibe o tratamento do trastorno mental tamén como un xeito de cuestionar a “normalidade” social, o pensamento e comportamento hexemónicos.

Teño claro que hai determinadas manifestacións da conduta humana que non son ‘formas de ser’, senón enfermidades mentais.

Tan erróneo é romantizar a loucura como estigmatizala con atributos fóra da realidade. Existen, efectivamente, entre outros, eses dous perigos. Sería moi conveniente desmitificar tanto esa concepción romántica da loucura, que a ve como algo creativo e, incluso, positivo, e non como unha enfermidade que fai sufrir a quen a padece e ás persoas do seu entorno, e desmitificar tamén ese exceso de dramatización, que pode chegar a percibir a quen padece un trastorno mental como unha persoa violenta e perigosa, para ela mesma e para a sociedade. Penso que a mellor maneira de evitar todos estes estereotipos e outros semellantes, tanto desde unha perspectiva artística, literaria, como social, consiste en abordar o tema con rigor e con coñecemento, sen falsidades nin sensacionalismos.

Por que se confunde tan a miúdo a loucura coa maldade, a perversidade? Porque, cando dicimos frases como “os terroristas, os violadores, os asasinos… están tolos”, non estamos, con esas expresións tan habituais e desafortunadas, estigmatizando o trastorno mental e as persoas que o padecen? Unha vez nun congreso de psiquiatría ao que asistín unha muller dixo: “padezo un trastorno bipolar e son unha boa persoa. O meu home padece un trastorno bipolar e é unha mala persoa”. Máis claro, imposible.

Eu destacaría, en definitiva, que a mellor maneira de abordar esta temática, o trastorno mental, tanto desde a perspectiva literaria, onde pululan demasiados personaxes estereotipados, como, por poñer un exemplo, eses xa habituais asasinos en serie cun altísimo coeficiente intelectual, que deforman a realidade, como desde a perspectiva social, onde persisten os estigmas por falta de información e coñecemento, é abordala como o que realmente é, unha enfermidade, grave e crónica, que, como tantas outras enfermidades físicas, tamén graves e crónicas, neste momento aínda non teñen cura, pero o que si teñen é tratamento, e bo tratamento, cuxa eficacia dependerá das características propias de cada trastorno e das peculiaridades de cada persoa que o padece.

Antonio Tizón | P. Vázquez

Alguén máis hai, pero o referente fundamental é o da miña avoa, da que xa falei antes e a quen dedico non só esta novela, senón moitas outras das miñas obras; en especial, a de Coplas analfabetas, un libro disco ilustrado que, ao igual que Madriña, escribín como homenaxe a ela e a tantas outras mulleres que foron e son como ela, a miña avoa, a madriña, María Dominga, a quen debo a miña vocación literaria, porque estou convencido de que foron os seus contos e os seus cantos os que a espertaron e alimentaron. Por iso, aínda que os moitos cantos que aparecen nestas obras son creacións miñas pode dicirse que son tamén creacións súas porque a elas, á miña avoa e ás que foron e son coma elas, debo a miña inspiración.

A madriña é a miña avoa, a nai do meu pai. Estou convencido de que foron os seus contos e os seus cantos os que espertaron e alimentaron a miña vocación literaria.

Carlos Oroza aparece de forma imprevista, tamén para min, case na metade da novela, pero a súa aparición produce un punto de xiro fundamental que vai cambiar por completo o sentido da trama. Ás veces xorden, como un milagre, este tipo de imprevistos que enriquecen moito unha obra. E non quero mitigar a intriga contando máis cousas sobre este personaxe extravagante, din que o mellor poeta oral do século XX, o último aedo que houbo sobre esta terra. Contar, simplemente, que a editorial Elvira se creou en homenaxe a Oroza e esa é unha das razóns que poden explicar por que Madriña se publicou aquí e non na editora que publicou as catro novelas anteriores da serie. Dicir tamén que a presenza de Oroza na novela fai que esta sexa a máis viguesa das miñas obras, habitualmente coruñesas.

A presenza de Oroza na novela fai que esta sexa a máis viguesa das miñas obras.

Quizais haxa máis de Sánchez Pereiro en min do que eu mesmo penso, por moito que a xente que me coñece, ou cre coñecerme, diga que o único que compartimos é o noso gusto obsesivo pola gastronomía.

BARAFUNDA

Si, tanto no caso de María Dominga, a madriña, como de Gustavo Gallego, o meu alter ego, e creo que é necesario sacalas do esquecemento para dignificar a voz das persoas silenciadas pola historia.

Si, estou embarcado nun proxecto do que por agora prefiro non falar, tan só dicir que quizais o aborde primeiro en formato pódcast ca en forma de novela, como foi o caso de Madriña.

Antonio Tizón | P. Vázquez

Tensi Gesteira
Crítica literaria