Antón Bouzas:”As institucións claudicaron no seu papel de ascensor social”
O activista social Antón Bouzas, integrante do Foro Os Ninguéns, sorprendeu o pasado venres ao renunciar ao seu título de Vigués Distinguido, converténdose na primeira persoa en facelo. A decisión é un acto de protesta pola falta de recursos que, ao seu xuízo, o Concello destina á atención das persoas en situación de pobreza severa. “

Bouzas recibiu a distinción no ano 2000 cando traballaba como coordinador de programas sociocomunitarios no Cedro, unha institución municipal desde a que impulsou iniciativas de intervención na rúa, grupos de apoio para persoas con VIH e os programas Sereos e Café-Calor. A súa traxectoria combinaba o labor institucional cunha clara vocación reivindicativa: “Naquel momento aínda non existía Os Ninguéns, que naceu en 2016, pero xuntámonos un grupo de persoas con vocación de mellorar a atención ás persoas con drogodependencias e pobreza severa”.
Aquel contexto, lembra, era distinto. “Había unha democracia municipal máis transparente e de maior participación cidadá; podíase falar cos concelleiros sen silencios administrativos”. Hoxe, pola contra, considera que as prioridades mudaron e que a falta de transparencia nas políticas sociais e a ausencia de diálogo entre administración e asociacións complican o seu labor. “Se es crítico co alcalde, parece que deixas de existir”, afirma en relación ao silencio administrativo co que se atopan a meirande parte das súas peticións.
As críticas de Os Ninguéns ás políticas municipais céntranse en varias frontes. No caso das persoas sen fogar, Bouzas denuncia que os recursos actuais son insuficientes e pouco adecuados: “Hai tres albergues, pero o seu funcionamento non é compatible coa dignidade humana”. Os prazos de estancia, de entre 10 e 15 días, resultan claramente insuficientes. “Non se pode falar de dignidade cando a xente volve á rúa aos quince días”, resume. A proposta do colectivo pasa por estancias estables, habitacións individuais e un acompañamento que permita saír da rúa de forma definitiva.
Outra das preocupacións principais son os desafiuzamentos. Segundo os datos da oficina xudicial, o pasado ano producíronse 275 en Vigo, unha cifra que non reflicte toda a realidade pois sinala que “moitas persoas marchan antes do rpoceso xudicial por medo, inseguridade ou vergoña”, quedando igualmente na rúa. O impacto é especialmente duro en familias monomarentais, que acaban en situacións habitacionais precarias e enfróntanse ao medo de ser separadas dos seus fillos. “Fálase moito dos dereitos dos nenos, pero ningunha administración ofrece como alternativa unha vivenda pública estable aos nenos sen fogar”, critica. Os Niguéns tamén poñen o foco nas mulleres en situación de prostitución por pobreza severa, nas persoas migrantes con dificultades de acceso á vivenda e nos presos comúns, colectivos que, ao seu xuízo, permanecen invisibilizados. “É incrible que as administracións falen de vulnerables cando son elas ou a propia sociedade quen os vulnerabiliza”, afirma.

A decisión de devolver o galardón formalizouse o pasado día 27 no Rexistro municipal. Nun pequeno acto arroupado por persoas da súa asociación, Bouzas entregou un escrito dirixido ao alcalde, Abel Caballero. O documento foi admitido, pero non así a estatuíña do recoñecemento, que valora enviar por correo. Bouzas non ten reparo en admitir a capacidade de xestióndo alcalde ao que considera “moi traballador e con grandes capacidades políticas”.A firma que “o Concello funciona moi ben economicamente. Se puxese a mesma paixón na loita contra a pobreza que noutras políticas, cubriríanse as necesidades básicas e mesmo seríamos pioneiros”.
A polémica prodúcese ademais nun contexto de críticas políticas ao proceso de designación dos Vigueses Distinguidos, galardóns que se entregan anualmente desde 1987 no marco da celebración da Reconquista. Tanto o BNG como o PP cuestionaron nas últimas semanas a falta de participación e transparencia na elección das persoas distinguidas. No caso dos nacionalistas, denunciaron que as súas propostas, catro candidaturas vinculadas ao ámbito social e cultural, non foron tidas en conta e criticaron un procedemento que consideran “pechado e alleo ao consenso”.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- The Wild suspende a edición 2026 e denuncia abandono institucional - 17 Abril, 2026
- Trilitrate, Los Pontiaks e French Riviera actuarán gratis en Play-Doc - 17 Abril, 2026
- Marina Carpente (Abril): “Mariñán permitiunos profesionalizar e pagar dignamente ao equipo” - 15 Abril, 2026
- Vigo homenaxea a Domingo Villar polo Día do Libro - 13 Abril, 2026
- La Luthería, un novo espazo para apreciar de cerca a artesanía musical - 10 Abril, 2026

