Antón Bouzas, activista: «A revolución no modelo desta cidade debería facerse desde as asociacións veciñais»

Toda a vida leva Antón Bouzas (Pontevedra, 1948) traballando por unha sociedade máis xusta e empática que non deixe a ninguén atrás. O seu primeiro contacto co asociacionismo foi no barrio da Ferrería; despois de anos de traballo na Asociación de Veciños do Casco Vello, en 2015 fundou xunto outras persoas o Foro Socioeducativo As Ninguéns. Este ano ocupou os titulares da prensa local ao renunciar ao recoñecemento de Vigués Distinguido como crítica ao goberno municipal.

Antón Bouzas no Casco Vello | P. Cermeño
REVENIDAS

Na primeira asociación veciñal na que estiven en Vigo foi no Casco Vello Alto, a mediados da década dos setenta, no que se coñecía como a Ferrería. De forma casual, eu e uns compañeiros do Seminario Maior, onde estaba formándome, coñecemos uns nenos desta zona que estaban en situación de pobreza severa; resultounos moi inquietante a forma que tiñan de vivir e de relacionarse nun barrio altamente perigoso, de moita violencia, tomado polos clientes da prostitución e con moita presenza policial. Por todo isto, desde o Concello desenvolveuse o Plan Parcial do Castelo de San Sebastián, que consistía en tirar todo o Casco Vello Alto para volvelo construír, nunha especie de plan que denominaban «de hixienización». Este proxecto xeraba moita inquietude e medo entre a poboación do barrio, que tiña baixo poder adquisitivo e poucas posibilidades de atopar outra vivenda. Así foi como naceu a Asociación de Afectados polo Plan Parcial do Castelo de San Sebastián.

A verdade é que nos mobilizabamos moito, andabamos polo barrio cun megáfono pedindo aos veciños que baixasen falar connosco. Tamén era unha época distinta, naquelas primeiras corporacións democráticas acabadas de nacer despois da ditadura había moito máis diálogo do que hai agora. Resultábanos moi fácil falar cos arquitectos e cos técnicos que levaban eses programas. Subiamos ao concello e no mesmo día podiamos falar co concelleiro de Urbanismo e coas persoas encargadas destas cousas. Non foi unha batalla que gañásemos só polas nosas capacidades; algo puxamos, rebelámonos, fixemos unha serie de cousas, pero é certo que tamén se escoitaba o que dicía a veciñanza, e todo iso foi o que fixo posible que se decidise que o barrio non se tirase.

«Nas primeiras corporacións despois da ditadura había moito máis diálogo do que hai agora»

Sendo moi novo, cando vivía en Campolongo, en Pontevedra, recordo que todos os anos viñan acampar alí un montón de carruaxes de poboación xitana. Eu achegábame moito ata eles porque me encantaba velos, sobre todo os nenos, aos que eu, desde a miña inocencia daquel entón, lles tiña algo de envexa pola liberdade que tiñan: podían tirarse ao río, montar nos cabalos… Pouco a pouco fíxenme amigo de varios nenos e nenas de alí. Despois comecei a implicarme na parroquia de San Xosé de Pontevedra e tiven moita relación cun cura novo que falaba da pobreza, das situacións destas persoas; entendín que vivir así non era tan fácil e funme sensibilizando desde unha visión posiblemente católico-cristiá. Despois, polo traballo do meu pai, que era militar, marchamos vivir a Tenerife. Alí eu estaba nun colexio dos salesianos e comezamos a ir a un barrio chabolista que se chama Cueva Roja. Acabamos organizando un grupo de intervención no barrio que empezou cunha especie de catecismo, pero logo xa tiñamos máis sensibilidade e queriamos ter un pequeno local para impartir clases de alfabetización e oficios. Montámolo nós mesmos, pero un día apareceu a policía e pediunos os permisos. Por como nos trataron aquel día, empecei a decatarme de que a idea relixiosa de axudar estaba moi ben, pero era moi inxusto que aquelas persoas non tivesen oportunidade doutra vida. Nese contexto foi no que cheguei a Vigo e acabei ingresando no Seminario Maior. Aí foi cando de casualidade coñecemos eses nenos da Ferrería e acabaron por botarme do seminario.

Antón Bouzas no Casco Vello | P. Cermeño

Levamos aqueles nenos da Ferrería a xogar algún partido ao campo de fútbol do seminario e as nais, orgullosísimas, viñan velos xogar. Eran mulleres que se pintaban moito, un pouco rechamantes, entón no seminario dixéronnos que aqueles rapaces non podían vir xogar alí. Eu pasaba cada vez máis tempo no barrio, ía para alí incluso en horas nas que non me estaba permitido e iso non gustaba. Ao final, pola miña forma de ser ou de pensar, acabaron por botarme. Ao ano seguinte catro compañeiros do seminario que estaban na mesma liña ca min deixárono e fomos vivir todos xuntos a un piso da Ferrería. A partir de aí, coñecín moita xente politizada, que estaba en sindicatos, e ata militei nun partido de esquerdas que xa non existe e que se chamaba Información Obreira.

O inicio das asociacións de veciños en Vigo estivo ligado ás comisións de barrio que había, por exemplo, no Calvario ou en Vigo Centro. Tras a morte de Franco, a explosión do movemento veciñal foi moi potente por eses movementos reivindicativos que xa existían. No Casco Vello había unha coordinadora, pero, ao igual que a Asociación de Afectados polo Plan Parcial do Castelo de San Sebastián, non estaba inscrita como asociación en ningures, non lle dabamos importancia a iso. Fíxate que, formalmente, a Asociación do Casco Vello non se constituíu ata 1997, aínda que comezou a funcionar moito antes.

Existían moitos problemas de drogadicción activa no barrio, con distintos «xutadoiros» onde as persoas ían consumir, e había moitas queixas dos veciños. Foi toda esa época de centrificación na que a veciñanza do Casco Vello foi marchando porque os edificios estaban en moi mal estado. Ao tempo, os propietarios puxéronse a especular porque se comezou a falar dun posible plan de intervención do Concello que permitiría tirar abaixo as casas para construír outras máis altas. Tamén había moito enfrontamento cos comerciantes do barrio: os hostaleiros, mentres os toxicómanos eran clientes, aceptábanos, pero en canto se deterioraban non os querían e lanzaron campañas moi duras nas que dicían cousas como que os comerciantes ían saír á rúa para limpar esa escoura. Nós traballamos moito nisto e fixemos un programa de prevención do consumo de drogas no Casco Vello moi amplo, con proxectos e actividades no barrio.

«Renunciei ao premio de Vigués Distinguido para rebelarme contra as formas reaccionarias do Concello»

Claro, eran uns momentos moi complexos e difíciles, nos que había moito sufrimento en todos os barrios de Vigo. A veciñanza que tiña fillos con problemas de drogadicción sufría moito, sentíase vítima dunha situación que non sabía como abordar, e da outra banda estaba a veciñanza que non tiña fillos nesa situación e que reclamaba limpeza no barrio e seguridade. Nós estabamos no medio, tiñamos que defender os dereitos das persoas con problemas de adición ás drogas, pero tamén comprendiamos a veciñanza que se sentía insegura no seu barrio.

Si, en 1984. A verdade é que me cambiou moito a vida ao entrar a traballar alí. Formaba parte dun equipo multidisciplinario que tiña como obxectivo montar un centro de drogodependencias, e naquela altura non había demasiadas experiencias previas. Quixemos crear un centro que estivese moi metido na sociedade e que non se limitase a dar asistencia sanitaria. Neste contexto naceu a asociación en defensa da xuventude drogodependente Érguete, que estivo funcionando dentro das dependencias do Cedro durante sete meses; logo comezaron con outra liña de traballo e independizáronse. Cando aos problemas de drogadicción se sumou a epidemia da sida, as cousas empeoraron moitísimo, pois os nosos doentes, desde que se contaxiaban do VIH ata que morrían, duraban un ano ou ano e medio, cunha deterioración física e psíquica moi grande. Foi entón cando creamos o grupo de autoapoio VIH-SIDA e adicións Imán. Máis tarde, puxemos en marcha o programa Sereos do Casco Vello de Vigo, que estaba na rúa de Elduayen. Traballamos moito na rúa e loitamos polo dereito á vivenda das persoas en situación de drogadicción activa, pois era moi complicado que evolucionasen cara a unha abstinencia total cando lles faltaba algo tan básico como un teito.

Un domingo do mes de agosto apareceu unha notiña de papel cutre na que poñía: «A partir do luns este local permanecerá pechado. Xa se avisará a onde acudir». Este programa foi cerrado dunha maneira incrible, a pesar de que estaba funcionando moi ben; tiña os seus defectos, pero funcionaba ben. Pechárono dun día para o outro, nesa teima que ten o Concello de Vigo —e en concreto o alcalde— de esconder a pobreza ou as miserias da sociedade. Era un programa de intervención de rúa, no marco do cal se facía intercambio de material de inxección para evitar contaxios, se proporcionaban produtos de hixiene ás mulleres e se daban almorzos e merendas; pero sobre todo era un espazo de encontro co que evitabamos os conflitos, no que se facían actividades e no que intentabamos xerar a consciencia de sentirse parte dunha problemática da cidade; un lugar no que traballar de cara ao futuro.

Antón Bouzas no Casco Vello | P. Cermeño

O primeiro que hai que dicir é que o movemento veciñal en Vigo está moi vivo como froito daquelas épocas. Isto vese en que, no día de hoxe, hai trinta asociacións na Federación de Asociacións de Veciños, e xunto ás non federadas teñen arredor de 50.000 afiliados; polo tanto, é un movemento moi potente. Cada día hai miles de persoas facendo actividades arredor das asociacións, son un punto de encontro no que os veciños fan cursos e manteñen tradicións como rondallas, agrupacións folclóricas, corais, agrupacións deportivas… A presenza do movemento veciñal é un tesouro nesta cidade.

Despois da morte de Franco e das primeiras eleccións municipais, había un desbordamento de entusiasmo por unha nova forma de vida. Daquela diciamos que a rúa do Príncipe era a rúa da Liberdade, pois acollía concentracións constantemente. Co paso do tempo os partidos políticos foron considerando que tiñan que ocupar todo o espazo cidadán e empezaron a meterse nas propias asociacións de veciños e a xerar conflitos partidarios dentro delas. E teño que dicilo porque así o sinto: a corporación local actual é para min a que menos visos de democracia real ten. Antes, por exemplo, podiamos asistir aos plenos municipais, agora iso desapareceu. O actual alcalde non admite discrepancias, e dentro do movemento veciñal sempre dixemos o mesmo: tan importante é discrepar como concordar, porque sen discrepancia non se evoluciona.

«As asociacións de veciñais temos a responsabilidade de non deixar atrás as persoas en situación de pobreza»

O movemento veciñal comezou como consecuencia da desorganización urbanística na periferia, onde había moitas necesidades que cubrir. Houbo manifestacións enormes desde Lavadores ata o centro de Vigo, nas que a xente levaba caldeiros de auga para reclamar que chegase a auga potable. Outras cousas que se reclamaban eran redes de sumidoiros, arranxo das rúas, construción de beirarrúas, edificación de centros de saúde e garderías infantís ou incluso teléfonos públicos. Destas reivindicacións veciñais gañáronse algunhas batallas que foron moi soadas. Por exemplo, en 1976 construíuse o coñecido como «Scalextric», que era un viaduto que pasaba polo medio da rúa de Lepanto, á altura dos primeiros pisos da propia rúa. Era un esperpento incrible e inexplicable, e derrubouse en 1984 grazas ao movemento veciñal. Paréceme que daquela a democracia era máis sinxela, máis amable; a pesar das discrepancias, había moita máis comunicación. Naqueles anos foi cando se cederon e mesmo se construíron novos locais para as asociacións, como poucos hai no Estado español, cuns auditorios extraordinarios. Hoxe sería imposible pensar que o Concello de Vigo entendese que a unha asociación de veciños houbese que ofrecerlle un espazo de encontro.

Unha serie de persoas que nos coñeciamos dos movementos sociais e das asociacións de veciños, profesionais que traballaban no ámbito social, persoas que viñan do programa Sereos do Casco Vello e do Imán, así como pacientes do propio Cedro, pensabamos que na cidade facía falla un espazo de encontro para tratar os problemas de pobreza severa. Reunímonos varias veces para falar desta problemática e puxemos en marcha un movemento para reivindicar un cambio transcendental nas políticas de atención á pobreza severa e das urxencias sociais. Collemos o nome de Os Ninguéns dun poema de Eduardo Galeano e despois de dez anos decidimos cambiar por As Ninguéns, pois normalmente as persoas que se achegan a pedir que interveñamos son mulleres.

A pobreza crónica e a pobreza severa van en aumento debido á carestía da vida e aos traballos non regulados; ademais, a estigmatización destas persoas na sociedade tamén vai a máis. En moitos casos a pobreza severa está asociada a persoas que sofren trastornos biopsicosociais ou persoas drogodependentes, que non deixan de ser persoas enfermas, e mentres se sintan desprezadas, perseguidas e sen alternativa, vai ser difícil que saian desa situación. Desde o movemento veciñal tamén temos unha certa responsabilidade; como comentaba antes, na Asociación do Casco Vello, nos oitenta, enfrontámonos aos hostaleiros e veciños que querían botar fóra as persoas drogodependentes. Temos que facer entender á veciñanza que cuns servizos sociais eficaces e eficientes estas persoas poden mellorar moito. Levo tempo pensando que me gustaría crear na Asociación de Veciños do Casco Vello unha vogalía en defensa dos dereitos das persoas que non teñen cubertas as necesidades básicas. Non podemos deixar atrás a veciñanza. As institucións públicas desistiron de intervir de forma eficaz neses ambientes de pobreza severa cando deberían, por exemplo, crear dispositivos residenciais atractivos para as persoas afectadas por estes problemas co fin de previr que acaben vivindo en condicións infrahumanas.

Antón Bouzas no Casco Vello | P. Cermeño

Toda a miña vida defendín a organización colectiva e o traballo en comunidade, pero creo que de cando en vez un acto de rebeldía persoal tamén convén, pois hai moito medo a ser crítico e hai que ir perdendo ese medo. A miña renuncia é unha maneira de rebelarme contra a corporación actual. O alcalde actúa en moitas ocasións de forma reaccionaria e di cousas como que a xente que está na rúa é porque quere ou que o Concello de Vigo resolve os problemas de desafiuzamento, mais todo iso é unha propaganda que non se corresponde coa realidade. Temos un alcalde cunhas competencias intelectuais altas, con moita capacidade de traballo, pero a súa intelixencia emocional ten algunhas carencias; é tan individualista que non é capaz de entender a cidade. Gustaríame que a mesma paixón que pon para que o Mundial de 2030 se xogue en Vigo, buscando recursos da Deputación e da Xunta de Galicia, a puxese en facer de Vigo unha cidade amable coa poboación empobrecida.

Hai moitas persoas da cultura e dos movementos sociais, sindicais e políticos que estamos moi inquietas pola pasividade que vemos na sociedade. Xuntámonos persoas con distintas reivindicacións para ver se colle forza e facemos realidade iso de que outro Vigo é posible. A pena é que esta —imos chamarlle— especie de revolución no modelo de cidade non se faga desde as asociacións veciñais, onde xa hai unhas infraestruturas e unha gran cantidade de socios; tería moito máis alcance.

O acompañamento ás persoas en situación de pobreza severa é duro, porque che contan situacións que son moi urxentes e moi graves. A iso súmanse os problemas individuais de cadaquén, e é certo que teño pasado por momentos de frustración, de cansazo e de chegar a crer que por moito que pelexemos as cousas non van cambiar… Pero cando teño tempo de reflexionar e de ollar con perspectiva, doume conta de que hai moitas cuestións que melloraron. Queda moito por facer, pero é certo que as cidades mudaron a mellor en moitos aspectos.

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.