Antía Muíño e Grande Amore, embaixadores galegos na nova edición de Girando por Salas
A cantautora compostelá Antía Muíño e o proxecto vigués Grande Amore son os dous artistas galegos seleccionados para participar na edición #GPS16 do ciclo Girando por Salas, unha iniciativa que financia a xira de 34 grupos por salas de toda España cada inverno.

O programa Girando por Salas (GPS), promovido polo INAEM e a Federación Coordinadora do Circuito de Músicas Populares (FCMP), acaba de anunciar os 34 grupos e solistas que formarán parte da súa edición número 16. Entre eles figuran Antía Muíño e Grande Amore, dous nomes elixidos entre as máis de 300 bandas que optaban a entrar no programa.
Esta iniciativa ten como obxectivo apoiar a profesionalización dos artistas emerxentes, ofrecéndolles axudas para realizar concertos en salas de todo o Estado, sempre fóra da súa comunidade autónoma, ademais de ofrecer apoios para a promoción e produción discográfica dos seus proxectos. Máis de 200 salas inscritas formarán parte deste circuíto que busca manter viva a música en directo tamén nos meses fríos e dar visibilidade á creación independente.
Antía Muíño, natural de Santiago de Compostela e afincada en Donostia, consolidouse como unha das voces máis persoais da nova canción galega. O seu estilo, que bebe do folk atlántico e do jazz vocal, ofrece unha mirada íntima e contemporánea á tradición, cun son elegante e letras de fondo emocional. Pola súa banda, Grande Amore, liderado por Nuno Pico, defínese como “a banda máis ruidosa da súa xeración”. Combina guitarras contundentes, sintetizadores e letras existenciais que xa se converteron en referencia do rock alternativo en galego. O grupo destaca pola súa intensidade en directo e pola aposta por unha linguaxe musical propia.
Girando Por Salas permitirá ao público de fóra de Galicia coñecer o traballo de estes dous atistas galegos, potenciando a súa difusión alén do ámbito de influencia natural.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026
- Amigos de la Ópera presenta ‘Don Giovanni’ e outras dez actividades - 29 Maio, 2026
- ‘Oasis’, ‘Punto Nemo’ e ‘Ágata y Lola’ encabezan a programación do Festival de Series Ría de Vigo - 27 Maio, 2026


