Ángeles Díaz Lavadores: «Cómics Vigo nunca morrerá por como está concibida»
Seguramente todas as persoas da cidade ás que lles gustan os cómics coñecen a Ángeles Díaz Lavadores (Vigo, 1958), quen ata hai ben pouco rexentaba na ronda de don Bosco Cómics Vigo. Sen dúbida é tamén unha das voces máis autorizadas na materia e das tendeiras máis queridas de Vigo, como quedou patente nos milleiros de comentarios que recibiu o vídeo publicado nas redes sociais da tenda para anunciar a súa xubilación.

O 31 de maio publicaches un vídeo nas redes sociais para despedirte da túa clientela. Fíxose viral e ten milleiros de comentarios de agarimo. Esperábalo?
Non os lin. Sei que todo é bonito, pero conmóveme tanto que polo momento non os quixen ler.
Levas moitos anos de tendeira, pero a verdade é que si que sorprende todo ese cariño. A que cres que se debe?
A clientela de cómics é xente moi especial. Eu dígoo sempre, son xente superagradable, sociable e educada. Ademais, hai clientes de todas as idades, e falar con eles, do máis pequerrecho ao máis maior, é moi enriquecedor. É unha tenda moi especial polo tipo de clientes que ten; igual nunha librería convencional isto non se dá.
Chámame a atención que digas que o cliente de cómic é sociable, porque o estereotipo que nos vén á cabeza cando pensamos en alguén amante da banda deseñada é o dunha persoa máis introvertida.
En xeral non é o caso. É xente moi aberta, que che di os seus gustos, se lle agradou aquilo que levou, que che comenta o que vén buscando ou coa que falas das novidades e dos autores. De feito, hai moitos clientes que, ao pasar preto da tenda, entran simplemente a saudar. Ademais, tamén temos xogos, que son de por si sociables porque precisas outra xente para poder xogar.
Foi difícil pechar a porta da tenda por última vez?
Dificilísimo, tanto que non quixen despedirme de ninguén. Quixen que o último día fose un día normal. Agás a miña familia e os meus compañeiros de traballo, ninguén sabía que era o meu último día. A tenda é a miña vida; agora pecho ese ciclo para dedicarme a outras cousas, pero é complicado, sobre todo porque deixas de ver no día a día xente que te foi acompañando durante todo este tempo. Iso é o máis difícil.
Nun momento como este, no que se compra cada vez máis en liña, que valor diferencial cres que ofrecías á clientela para que a xente quixese seguir indo mercar á tenda?
A proximidade, a posibilidade de tocar o produto, o cheiro da tinta…, a experiencia é moi diferente. En liña é máis cómodo, pero isto é outra cousa. Isto é ver, falar, pedir consello ou non; é un acto social. A miña tenda, a que era miña, nunca morrerá por como está concibida. Está pensada para que as persoas que se acheguen atopen un paraíso alí.
«Penso que a xente que compra en liña non se dá conta do que hai detrás do comercio local»
Preocúpache que con estes novos modelos, se non o teu, outros comercios locais teñan que pechar?
Claro, a min dáme moita pena. Primeiro porque se están aniquilando postos de traballo e logo porque, se os locais están pechados, as rúas fanse escuras, tristes… Penso que a xente que compra en liña non se dá conta do que hai detrás dun comercio aberto.
Moitas veces os tendeiros quéixanse de que a xente vai ao seu comercio pedir consello e despois acaba mercando en liña porque lle sae máis barato. Que opinas?
Iso é totalmente desleal, paréceme tremendo. Vivimos nun mundo moi egoísta e só miramos para nós. Penso que a xente non se decata, non é consciente do que fai.
Unha das cousas que máis valoraban os teus clientes eran os teus consellos. Con todas as novidades que hai, como facías para estar ao día?
É complicado, sobre todo porque eu pasaba moitas horas na tenda e tiña moi pouquiño tempo para ler. Ademais, eu tardo moito en ler un cómic porque lle dou primeiro unha lectura para ver que me está contando e, cando remato e sei de que vai a historia, comezo de novo. Para min cada viñeta é como un fotograma dunha película, cada cousa debuxada está por algún motivo e dáche moitísima información. Entón, non podo ler ao ritmo ao que saen as novidades porque me leva tempo. Pero cada vez que entra un cliente, pois fas unha pescuda: pregúntaslle sobre os seus gustos, as películas que ve, a música que escoita… e a partir de aí, segundo o que che conta e por como fala, vas montando un perfil e podes recomendar. O difícil despois é escoller que darlle entre todas as opcións que lle poden encaixar.

Recordas cal foi o primeiro cómic que liches?
Creo que, como todos, o primeiro que lin era o que había na casa: un Capitán Trueno e un Mortadelo. Pero cando me fixen un pouco maior, coa paga que me daban, comprei o meu primeiro cómic, que foi de Mafalda. Quero moitísimo a Mafalda, teño completa a edición daquel ano.
E que te levou a escoller a Mafalda?
Alguén me falara de Mafalda e encantoume. A pesar do paso do tempo, Mafalda está tan vixente, é unha visionaria. Téñolle un amor grande.
Que foi o que te cativou dos cómics?
Gústame moito o grafismo, cativoume a cor e a ausencia del, o branco e negro. O autor quere plasmar o seu guión con debuxos ademais de con texto e iso paréceme algo tan completo que me conquistou.
Antes de abrires a tenda en 1997, traballabas nun quiosco en Coia, no que xa vendiades algunhas historietas. Por que decidiches apostar por unha tenda especializada en banda deseñada?
Porque era algo que ía a máis, cada vez chegaban máis cómics. Primeiro foi a grampa de superheroes, despois algo de manga, logo chegou o europeo… Entón fomos a Barcelona, que é o epicentro do mundo do cómic, onde están todas as editoriais, e vimos que podía ter futuro nesta cidade, que comezaba a demandar outro tipo de comercios.
«Se che gusta ler, teñen que gustarche os cómics»
Onde máis se podían atopar cómics aquí en Vigo daquela?
Había unha tenda pequerrechiña aquí polo centro que se chamaba Capitán Trueno. Eu non a coñecín, souben anos despois que existiu.
Desde que abriches que tal funcionou?
Foi toda unha aposta. Ao comezo, tiñamos pouco material, entón a demanda naquela altura era das catro cousas que tiñamos e de xogos de rol, que tampouco coñecía moita xente. Entón foi de pouquiño a pouco. Tamén houbo un momento no que os xornalistas comezaron a falar de cómic e a incluílo na axenda literaria; iso foi moi importante para dignificalo, porque se vía como algo trivial. Logo pasamos épocas duras durante a crise económica e tamén na pandemia, momentos nos que pensas que igual tes que pechar, pero conseguimos manternos.
Variou o perfil das persoas que len banda deseñada desde que comezastes?
Agora hai máis diversidade.
E o sector en si mesmo, como cambiou?
Agora hai moita xente en Galicia dedicándose ao mundo do cómic. Algúns saíron de aquí, da pequena coiraza, e están publicando fóra con bastante éxito.
Aínda que cada vez menos, o mundo do cómic está bastante masculinizado. Isto supuxo para ti algún impedimento?
Ningún, o que me asombrou foi un cliente que me dixo que era estraño ver unha muller á fronte deste tipo de negocio. Deixoume perplexa, porque para min era moi natural que eu estivese traballando aí. Anos máis tarde, unha segunda persoa díxome o mesmo. Grazas á loita das mulleres están cambiando as cousas, pero aínda queda por facer. De todos os xeitos, é certo que ao inicio tiñamos máis clientes homes, pero agora están á par o público masculino e o feminino. E tamén hai cada vez máis autoras, hai moitísimas máis.
Pensas que agora se abordan máis temáticas?
Si, por suposto. Antes case todo era acción e terror, pero agora temos cómic histórico, costumista, de denuncia social… Por iso a min me causa estrañeza a xente que me di que non lle gusta a banda deseñada. Se che gusta ler, teñen que gustarche os cómics, o que pasa é que igual non buscaches suficiente ou non deches coa persoa indicada para abrirche as portas deste mundo. Hai moitas persoas que quedaron con aquela idea infantilizada e non coñecen nada máis alá dos cómics de Mortadelo e de superheroes.

Que lle dirías a alguén que nunca leu un cómic para que se anime a darlle unha oportunidade?
Que acuda a esta tenda ou a outras das que hai na cidade, que lle diga os seus gustos á persoa que a atenda e que, segundo os consellos que lle dea, escolla. Como dixen antes, recomendo que lea dúas veces a historia para, nesa segunda lectura, reparar en todos os detalles.
Que cómic lle recomendarías ti?
É moi difícil, porque eu teño os meus gustos. A min atrápame moitísimo o social e costumista. Agora venme á mente, por exemplo, En soledad,de Chabouté,unha historia en branco e negro que, aínda que leva moi pouco texto, consegue mergullarte no que conta. Trata a historia dun fareiro e, ao ler ese cómic, eu sentía o cheiro a salitre e o son das ondas do mar. Outro autor que me gusta moito é o costumista Jirō Taniguchi. As súas historias son tamén abraiantes.
Un lanzamento próximo que esteas agardando?
De momento non. Teño moito pendente por ler porque, cada vez que na tenda vía un libro que me podía interesar, púñao nunha fila, e vou collendo segundo o estado de ánimo que teña. Entón, de momento, non vou buscando nada máis, pero seguro que se despois destes días entro na tenda atopo algo que me atrapa.
Aínda que ti xa non estás tras o mostrador, a tenda continúa.
Eu non quería que a tenda pechase. Tívena pechada na pandemia e foi horrible. Finalmente dei cunhas persoas que penso que son idóneas; están moi metidas neste mundo e traen novas ideas. Vano facer mellor ca min, que xa cumprín o meu ciclo.
Tamara Novoa
Editora
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia» - 25 Febreiro, 2026
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025
- As rondallas resisten no rural - 26 Novembro, 2025

