Ana Viéitez: “Unha carballeira pode ser amable e reconfortante para algunhas persoas e para outras, violenta e escura”

Ana Viéitez (Arbo, 1998) é graduada en Criminoloxía e amante das historias, dos crimes e dos grupos de amigos problemáticos dende que abriu o seu primeiro libro de Enid Blyton cando apenas aprendera a ler. É coñecida nas redes sociais pola súa conta de Instagram @toxinho_books. Despois de ler e recomendar tantos libros, deu o paso á escrita e vén de publicar o seu primeiro libro, Pacto de silencio (Xerais, 2026), unha novela adictiva na que analiza os vínculos, o pasado e reivindica a natureza e o territorio.

Texto: Tensi Gesteira

Foros: Pablo Vázquez

É algo co que me estou familiarizando. Dicir que son escritora é algo moi grande que aínda digo pola boca pequena. Non recordo a vida sen ser lectora, sen que un libro me acompañe sempre no bolso. Nos últimos anos tamén ando cun caderno e un boli onde vou anotando ideas ás que logo lle dou forma.

Nace da necesidade e da curiosidade. Pouco a pouco, nos meus longos paseos polo monte foi medrando a idea dunha carballeira que para algunhas persoas pode ser amable e reconfortante e para outras, violenta e escura. A partir de aí, ese monte só é o punto de partida que se entrelaza cunha trama e cuns escenarios máis complexos. En canto ao proceso de creación, bastante caótico. Por un lado tiven medo a escribir e que non me gustase o resultado creo que é unha sensación que quedará comigo toda a vida. É algo común en calquera artista, simplemente aprendes a facer o que che nace a pesar del. Houbo uns meses nos que deixei a novela a medio escribir por ese medo, por sentir que me estaba metendo nun campo que non me pertencía. Entón comecei a estar tremendamente triste e baleira, e só fun capaz de encher ese oco rematando esta novela.

“Comecei a estar tremendamente triste e baleira, e só fun capaz de encher ese oco rematando esta novela.”

Estes espazos son os que eu considero propios. Aínda que vivín na cidade bastantes anos (completamente ao meu pesar), foi a aldea a que me criou e construíu a persoa que son hoxe. É o sitio no que son feliz, no que estou tranquila e polo tanto, o espazo onde nacen as ideas. Aínda non houbo pena que non puidese curar á beira do río nin idea que non se formase alí. Gustaríame explorar moitos escenarios nas miñas novelas, pero sei que o monte sempre vai ser a miña máis profunda inspiración.

“Aínda non houbo pena que non puidese curar á beira do río nin idea que non se formase alí.”

Gústame pensar que son persoas normais e correntes que podería atopar cada un na súa vida. Cos seus brancos, os seus grises e, sobre todo, cos segredos que descoñecemos de cada persoa coa que nos relacionamos. Non hai ninguén completamente culpable nin tampouco inocente, como na vida mesma.

A ficción é o lugar perfecto para falar da realidade libremente pero tamén para xogar con ela e torcela a gusto da autora. A amizade é un dos eixos centrais da trama, e en parte, o motor que move gran parte das decisións das protagonistas. Na vida real, a amizade é algo realmente importante, todas contamos mentiras por amigas, pero un thriller permite que esas mentiras, lonxe de ser algo inocente (ou polo menos algo que non supoña un delito), poidan estar cargadas de sangue.

“A ficción é o lugar perfecto para falar da realidade libremente pero tamén para xogar con ela e torcela a gusto da autora.”

Penso que é necesario que haxa información e non se deixe de tomar consciencia constantemente sobre elas. Na historia vemos como estas marcan a vida non só de quen as consume, senón de todas as persoas que están arredor, e unha vez máis, é un aspecto que non ten nada de ficticio.

É un tema que dá para longo e que non se pode responder con un si ou un non. Na novela intento facer unha pequena reflexión sobre aquelas persoas máis desamparadas que non teñen acceso a todos os recursos necesarios e que se ven abandonadas ante un sistema que pode resultar moi cruel. Tamén se fala da xustiza moral, non só da legal e do que cada un pode percibir como xusto, aínda que o código penal diga o contrario, e viceversa.

“Todas contamos mentiras por amigas, pero un thriller permite que esas mentiras poidan estar cargadas de sangue.”

Fita é unha especie de lenda da aldea, unha muller solitaria que todos repudian, en parte por non acatar eses mandados sociais que se agardan dela. Na historia, é a veciña de Sofía, unha muller nova que tamén vive soa. Aínda que pode parecer que Fita coida e aconsella a Sofía, é unha relación onde ambas se salvan dalgunha forma a unha á outra. Ademais, Fita é moito máis que “a veciña de”. É unha muller independente que sufriu as consecuencias de selo nunha época onde non podía.

O pasado pode condicionar decisións que se tomen no presente, iso está claro. No libro é algo no que se incide moito, e aínda que creo que na vida real podemos aprender a vivir con el e que non determine a persoa que somos hoxe, nesta historia era moi convinte para min que as personaxes quedaran tremendamente marcadas polo que lles pasou na primeira xuventude e que isto pesase moito para elas.

“Creo que na vida real podemos aprender a vivir co pasado e que non determine a persoa que somos hoxe.”

A día de hoxe, o mundo é en si unha película de terror. Se prestas a suficiente atención pola rúa, no transporte público ou incluso a unha conversa entre amigas, podes escoitar como a xente está realmente cansa, da precariedade, da explotación laboral, do difícil acceso á vivenda… Como dixen antes, as personaxes deste libro son xente normal e corrente que tamén son vítimas disto, só que cunha trama máis escura e interesante, se cabe.

“A día de hoxe, o mundo é en si unha película de terror.”

Na novela hai dúas escenas bastante claves onde se escriben segredos nun papel e se queiman. É unha especie de ritual onde as cousas que dá medo dicir, poden escribirse e entregarllas ao lume.

Axúdanme a ter un punto de partida cando preciso documentarme con algo. Hai moitas cousas que non sei, pero si coñezo onde comezar a buscalas. Ademais disto, ao longo da carreira collín moitas ideas que se poden ver reflectidas nesta novela, como pode ser o podcast de Irene sobre asasinas seriais.

Falar de libros e compartir impresións deles con amigas ou coñecidas é algo do que sempre gocei moito. No contexto da pandemia, isto, xunto con todas as actividades que requerían reunirse, víronse afectadas. En realidade a idea foi da miña mellor amiga, que tamén ten unha conta literaria e que me animou a facer a miña propia. Comecei a compartir reseñas e ata o día de hoxe, tróuxome conversas interesantes e coñecín xente á que hoxe podo chamar amiga.

Eu penso que hai presente e futuro. Creo que estamos nun momento onde se le bastante. Vivimos na época da inmediatez, de correr e do estímulo constante, todas nos estamos a dar conta do nocivo que é isto non só como individuos, senón a nivel social. O rexeitamento a todo este novo modelo de vida pode ser en parte o que nos fai volver a actividades que requiren concentración e certo compromiso, como pode ser a lectura.

“Vivimos na época da inmediatez, de correr e do estímulo constante, todas nos estamos a dar conta do nocivo que é isto non só como individuos, senón a nivel social.”

Ela leuna nunha tablet vella cando aínda só era un PDF. Loxicamente as palabras dunha nai sempre son moito máis grandes do que deberían. Sempre me animou a presentala a unha editorial e está igual de feliz neste proceso ca min.

A acollida está sendo moi boa, a verdade. Estou tremendamente contenta con todas as lectoras que me atopo polo camiño e que teñen algunha palabra bonita que dicirme. Falar sobre libros con outras persoas sempre foi algo que me encantou. Falar con outra xente sobre a miña propia historia, é unha sensación que fai un ano non podería nin describir.

Por suposto, de feito sigo tendo a cabeza e o corazón con estas personaxes. Creo que teñen moito que contar e que evolucionar e estou traballando en novas leas nas que metelos.

Tensi Gesteira
@lecturafilia