Amigas das Árbores, Beiramar da Xente e As Ninguéns, galardoadas nos premios Antiviguesas Distinguidas
Onte celebrouse a primeira gala dos premios Antiviguesas Distinguidas, uns galardóns que se contrapoñen con aos Vigueses Distinguidos que outorga o Concello de Vigo e que recoñecen a colectivos que traballan pola xustiza social, o medio ambiente e un mellor modelo de cidade. A gala, celebrada no Café Uf, tamén serviu para reclamar ao concello maior diálogo cos colectivos sociais.

Onte naceron no Café Uf os premios Antivigueses Distinguidos, galardóns que se contrapoñen aos Vigueses Distinguidos que outorga o Concello de Vigo, con retranca e ton reivindicativo. O nome nace dunha expresión utilizada en máis dunha ocasión por Abel Caballero e quere visibilizar outras voces que, cando discrepan, son acusadas polo alcalde como “antivigo” e non son tidas en conta pola administración municipal. O evento estivo amenizado pola música da artista viguesa Su Garrido Pombo.
Os premios recoñecen o traballo das organizacións que traballan por mellorar a calidade de vida e garantir os dereitos da cidadanía, pero que quedan fóra das homenaxes oficiais por cuestionar abertamente as políticas municipais. Durante a gala, denunciouse a falta de diálogo do Concello con estes colectivos e animouse ao alcalde, Abel Caballero, a retomar o contacto coas organizacións sociais da cidade. “A democracia non comeza e remata o día das eleccións, senón que é un proceso de procesos que se debe exercitar de xeito cotiá polas vías da participación, a información e o diálogo”.
A gala, conducida polo xornalista Javier H. Rodríguez, premiou na categoría de Xustiza Social ao Foro Socioeducativo As Ninguéns, salientando a súa incansable loita contra a pobreza e a exclusión social, facendo unha “impagábel labor de rexeitamento á súa estigmatización e poñendo sobre a mesa da cidade realidades tan incómodas coma cotiás”. a organización tamén salientou o seu compromiso “sen renunciar por iso á reivindicación da”coa protesta como motor de avance social”.

Na categoría Outro Modelo de Cidade recoñeceuse o traballo Beiramar da Xente, un conxunto de colectivos sociais e veciñais unidos pola defensa e preservación do patrimonio industrial da cidade de Vigo. A organización valorou a súa “loita contra a especulación e a prol do dereito a unha vivenda digna e uns servizos sociais de calidade”. Na categoría de Medio Ambiente, a organización distinguida foi Amigas das Árbores, que dende 2024 vén destacando polo seu compromiso na construción dunha cidade que quere ser unha referencia fronte á emerxencia climática, “defendendo con criterio o valioso rol que teñen as árbores, os espazos verdes en xeral e a biodiversidade urbana fronte ao Vigo de humanizacións grises carentes de natureza e de vida”.
Segundo a organización os premios nacen con voación de continuidade. En cada edición serán organizacións ambientalistas, sociais e veciñais quen escollerán, de maneira aberta, aqueles colectivos ou persoas que, polas súas propostas e actuacións, merecen un recoñecemento ao seu labor en defensa da cidadanía. “Porque non existe un só modelo e no gran Vigo, existen moitos pequenos vigos esperando saír”.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- The Wild suspende a edición 2026 e denuncia abandono institucional - 17 Abril, 2026
- Trilitrate, Los Pontiaks e French Riviera actuarán gratis en Play-Doc - 17 Abril, 2026
- Marina Carpente (Abril): “Mariñán permitiunos profesionalizar e pagar dignamente ao equipo” - 15 Abril, 2026
- Vigo homenaxea a Domingo Villar polo Día do Libro - 13 Abril, 2026
- La Luthería, un novo espazo para apreciar de cerca a artesanía musical - 10 Abril, 2026

