CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Alfonso Franco: «Temos a maior canteira de violinistas folk do Estado grazas á ETRAD»

Alfonso Franco Vázquez (Santiago de Compostela) é un namorado do fiddle, o violín tradicional; a paixón nótaselle no facer e no falar. Leva toda unha vida dedicado a experimentar e coñecer outras culturas que tamén empregan o violín no seu folclore. É mentor de moitos dos artistas que están a agromar neste momento dourado da nosa música tradicional.

Alfonso Franco | P. Vázquez

Aos 18 anos, eu estaba nun grupo folk e o violinista que había deixouno, e aí foi cando decidín que quería aprender a tocar o violín. Todos os membros do grupo marcharon a Lugo para estudar Veterinaria, e eu con eles. Estudei uns anos da carreira, pero a min o que me motivaba era a música e quería tocar o violín.

O meu primeiro atranco cando quixen aprender a tocar o violín é que eu quería facer folk, non música clásica, pero apenas había referentes e tiñamos que formarnos a partir de discos. Tiven a sorte de que a violinista Laura Quintillán,que daquela tocaba en Milladoiro, fose profesora no conservatorio. Foi ela quen me deu as primeiras indicacións, é unha muller marabillosa que te anima a afrontar o instrumento doutra maneira. Ela foi quen me deu a base sobre a que asentei as miñas técnicas. Logo tiven a fortuna de que no ano 1998 quedase libre a praza de mestre de violín na ETRAD, e foi cando vin para este centro formativo. É un luxo, Vigo é o único lugar da Península Ibérica que ofrece educación regulada de violín folk.

«Conseguimos que xente de sesenta anos toque muiñeiras co violín»

O instrumento é o mesmo, pero o violín folk acostuma a estar máis sucio que o clásico, porque con el tocamos ao aire libre e levámolo aos bares. A relación é moito máis natural. É como ir de traxe e zapatos ou ir de pantalóns vaqueiros e tenis. En todos os lugares do mundo nos que se emprega o violín folk, a música está ligada ao baile. É un instrumento para compartir, para desfrutar…

Cando empezamos case non había alumnos para o violín, e agora é o segundo instrumento que máis se toca na ETRAD. Iso débese ao traballo feito nestes 25 anos e grazas ao apoio que forneceu a escola. No ano 2010 creamos a asociación cultural Galicia Fiddle co fin de fomentar o uso do violín na música popular e enseguida promovemos o campamento San Simón Fiddle, que se converteu nunha incubadora de violinistas.

A primeira vez que se viron violinistas folk tocando xuntos foi en SonDeSeu, unha orquestra formada tamén ao abeiro da ETRAD. Isto fixo que nos xuntásemos co sentimento de que era preciso facer algo para que a cousa fose a máis. Os anos 2010 e 2012 estivemos dando un curso en California, onde vimos como funcionaba o violín no eido comunitario; quedamos abraiados e decatámonos de que aquilo era o que precisabamos nós. E o que máis nos chamou a atención daquel curso era que había avós e netos, todos xuntos. Sorprendeunos, porque aquí non tiñamos nin xente maior nin nenos tocando o violín, e foi así como decidimos montar o San Simón Fiddle Camp, para crear unha canteira de rapaces. Ao cuarto ano de facer ese campamento para a cativada, decidimos que había que facer algo tamén para un perfil adulto e foi aí cando creamos Encordass, un curso que facemos na illa de San Simón antes do dos rapaces. É marabilloso ver como hai unha morea de xubilados tocando o violín folk, iso non se dera antes. A min entenréceme ver a xente de sesenta e setenta anos tocando muiñeiras co violín, é unha marabilla.

San Simón é como a colleita de toda esa rapazada que anda polos conservatorios e escolas de música sentindo que non encaixan, que queren outra cousa. Démonos conta desde o primeiro ano de que o ambiente era brutal e non había competencia malsá. Cousa rara, porque o violín clásico é unha carreira de competición na que só van chegar a vivir diso os mellores e os músicos aspiran á perfección; o que tocas ten que soar exactamente como o pensou o compositor, non podes decidir que vas tocar a Mozart como che dea gana. Iso é moi duro e aquí temos outra liberdade.

Alfonso Franco | P. Vázquez

Pódese dicir que construímos un hórreo, porque o nivel de violinistas que hai na nosa comarca é abraiante e todos participaron dalgunha maneira na nosa proposta. Pero isto tamén é porque Vigo ten a única escola que imparte cursos regulados de violín folk en todo o Estado; a cantidade de violinistas que hai aquí non a hai en ningún outro lado. Anxo Pintos conseguiu o mesmo coa zanfona. Todo isto é grazas á ETRAD, por iso insisto en que a xente de Vigo non sabe a xoia que ten aquí, nin tan sequera os políticos que a manteñen son conscientes do nivel que temos.

Despois de crear os campamentos San Simón Fiddle e Encordass, decidimos dar paso ao formato de festival, porque cada ano estabamos traendo mestres e músicos boísimos de todas as partes do mundo e dábanos pena ter tal calidade de talentos sen que puidese chegar a máis xente. O seguinte paso é estender o festival a toda a enseada de San Simón e facer concertos durante toda a semana en diferentes puntos da bisbarra, como as salinas de Ulló, a capela de Santa Ana, a illa de Medal ou a parroquia de Ponte Sampaio. É unha maneira de deixar pegada na poboación local, porque o que se necesita para que un festival teña éxito é que todo o mundo participe. Hai xente que non vai pagar unha entrada para ir escoitar un violinista turco, pero se llo levas á porta da casa, seguro que lle encanta.

A dificultade principal apareceu este ano, porque as novas directrices da illa de San Simón, dependente da Xunta de Galicia, queren limitar o número de persoas que se poden hospedar na illa a 70, o que faría o noso proxecto absolutamente insostible; significaría a desaparición. Sería arrasar un evento que funcionou con éxito durante todo este tempo. San Simón Fiddle leva 14 anos enchendo de felicidade un lugar que conta cun pasado moi triste, gustaríame que se recoñecese iso. Suporía tamén quitarlle a posibilidade aos rapaces e rapazas que acceden a este curso a través dunhas becas que ofertamos desde a asociación en colaboración con proxectos de inclusión como a Orquestra Son das Flores de Teis, Orquestra Geraçao de Lisboa ou o Grupo Sifu.

«As restricións que quere impor a nova directiva de San Simón suporían a nosa desaparición»

Isto naceu xusto cando aínda estabamos vivindo a crise financeira de 2008, e todas as axudas estaban canceladas, polo que a nosa aposta desde o inicio foi facer cultura autoxestionada; saímos adiante grazas ao noso propio esforzo. Todos os que impartiamos clases iamos voluntariamente, só se lle pagaba ao cociñeiro e toda a recadación investíase en loxística para poder traer máis nenos coa intención de chegar ao punto de que fose rendible. Pouco a pouco fómolo conseguindo, e así puidemos empezar a pagarlle á xente que viña de fóra e ao persoal de produción. Durante máis de dez anos os profesores non cobraron nada e, grazas a iso, conseguímolo. Penso que por iso funciona tan ben, porque houbo unha entrega total.

Escollemos culturas que conteñan un violín particular ou unha maneira diferente de tocar este intrumento. Este ano dedicámolo ao estado de Rājasthān, na India, onde se toca a ravanahatha, que básicamente é un pau cunha corda que se toca cun arco que ten cascabeis. Sempre fago unha viaxe previa ao lugar escollido para enchouparme da súa cultura, da súa música, e buscar os mestres acordes. Este ano estiven durante un mes en diferentes poboados indios buscando persoas que tocasen este instrumento.

Poñemos moito esforzo para que a inmersión sexa total: comemos comida típica de alí, bailamos música tradicional, vestímonos e peiteámonos coma eles, usamos decoración propia, facemos xogos tradicionais… Queremos que os nenos marchen sentido que estiveron dalgunha maneira no país homenaxeado.

Si, e polo formato acústico. Os concertos son únicos, porque se crean nese momento coa propia resposta do público; é algo absolutamente especial. Por iso buscamos un formato dinámico, de moitos concertos curtiños, duns vinte minutos; o músico cambia de lugar e os visitantes tamén van movéndose por toda a illa. O concepto é moi bonito e o festival debería estar a rebentar. Ao outro día de saír á venda, as entradas deberían esgotarse, coma no Festival Sinsal, pero nosoutros contamos só coa capacidade de crear, non temos un remanente para a difusión, a promoción, nin a esponsorización suficiente para ser quen de conseguilo.

Alfonso Franco | P. Vázquez
SONRIAS

Tamara Novoa
Editora