Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía»
Despois de varios adiantos moi potentes, a comezos de ano vía a luz Comeza o xogo, o álbum debut de Vimbio, unha banda que recolle o testemuño dos grupos que crearon e popularizaron o nu metal e o rap metal a finais dos noventa e inicios do século XXI. Entre os vindeiros concertos e festivais que teñen programados, poderemos velos actuando en Cedeira o 1 de agosto, dentro do programa Escena ao Vivo da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Xa tiñas en mente lanzar Vimbio mentres estabas en SonDaRúa ou xurdiu despois?
En realidade foi unha idea do meu compañeiro Jacobo, baixista de Vimbio. El levaba anos querendo montar un grupo de metal, pero non atopaba vocalista. Nun inicio propúxenlle facer algunha colaboración con SonDaRúa, pero, cando decidimos parar co grupo, eu estaba un pouco desmotivado e a idea de facer algo distinto tirábame moito. Durante os últimos meses de SonDaRúa xa estabamos compoñendo e ensaiando con Vimbio.
Ti escoitabas moito metal de rapaz, pero como foi ese proceso de xuntar o metal co rap?
Eu antes que rapeiro fun guitarrista, aínda que en Vimbio decidín deixar a guitarra por unha cuestión de loxística e comodidade nos directos. De adolescente era moi freak do metal; en cambio, o rap non me interesou ata os dezasete anos. Vimbio xurdiu como unha forma de xuntar esas dúas facetas: o metal que me gustaba de antes co rap que descubrín despois.
Optar polo nu metal ou o rap metal parece unha aposta arriscada hoxe en día, xa que tivo o seu auxe hai décadas. Por que ese estilo?
Non o fixemos como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía. Cremos que a música funciona por ciclos e, despois de tanto tempo sen guitarras no mainstream, o estilo podería volver. O rap xa está moi consolidado e o metal está empezando a ser valorado de novo sen os prexuízos de hai anos. Aínda que as guitarras eléctricas están no seu peor momento no tocante á música popular, nos festivais e no directo seguen funcionando moi ben.
Sentídesvos parte da escena metal ou máis da escena rap?
É complicado. A etiqueta de nu metal úsase por definir algo, pero o disco evoluciona moito. Encaixamos mellor en festivais alternativos como o Revenidas que nos de metal puro, onde probablemente nos tirarían tomates por levar secuencias e rapear. Somos bastante accesibles porque incluímos moitas melodías e non todo é metal pechado.
O disco é bastante ecléctico. Hai metal, pero tamén punk e outros xéneros. É algo buscado?
Si, son bastante disperso musicalmente e abúrrome se fago o mesmo xénero durante meses. Jacobo e eu somos moi eclécticos. Ás veces facemos cousas que poderían ser de La Oreja de Van Gogh e non nos importa experimentar. O proxecto empezou como metal, pero acabamos metendo de todo.
Como ves o panorama musical en Galicia comparado con hai dez anos, cando empezaches?
Creo que o circuíto se está profesionalizando en canto a produtoras e organización, pero o boom de festivais en cada aldea está baixando. Os festivais pequenos e medianos están sufrindo moito polo encarecemento de custos e permisos. Aínda así, creo que en Galicia imos dous pasos por detrás de Euskadi ou Cataluña, onde se valora e se paga moito mellor aos grupos locais. Falta, quizais, que algunha banda de aquí dea o salto a nivel estatal, como fixeron bandas como Zoo noutras comunidades.
Nas vosas letras hai moita crítica social, pero tamén moita ironía. É a vosa forma de transmitir a mensaxe?
Si, intentamos non ser pedantes nin dar sermóns. A ironía axuda a que a mensaxe chegue mellor. Gústanos facer bromas e que a música sexa divertida, aínda que teña un fondo crítico.
O tema «Eu non quero traballar» tivo moito éxito. Como xurdiu esa versión?
Xurdiu de casualidade nun festival, ao ver como a xente cantaba cancións populares. Decateime de que ninguén fixera unha versión potente desa canción que todo o mundo coñece e canta cando está de festa. Fixen unha versión punk-metal na casa e funcionou moi ben, porque é algo que a xente xa ten interiorizado.
Como está sendo a resposta do público despois duns meses co disco na rúa?
Moi boa. Arrancar un proxecto de cero e ir contra corrente é difícil, pero estamos contentos. Tanto nos directos como nas plataformas de streaming imos medrando. O feito de mesturar o metal co rap e a melodía fainos máis accesibles para xente que non escoita metal habitualmente.
Programación completa en redecultural.gal
Coa colaboración de:

Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026
- Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía» - 2 Xuño, 2026
- O documental sobre o actor vigués que compartiu pantalla con Clint Eastwood ou Kirk Douglas precisa axuda - 26 Maio, 2026
- Once espazos onde escoitar música en directo nos arredores de Vigo - 21 Maio, 2026
- Imaxinatea Lab Creativo propón un campamento no que desenvolver a creatividade - 14 Maio, 2026



