Alberte ‘take away’: a cociña de autor sae do restaurante
Nun contexto no que o take away adoita asociarse a solucións rápidas e pouco memorables, o restaurante Alberte propón unha idea distinta: levar a casa (ou á oficina) un menú preparado por un chef con produto de alta calidade, para que calquera celebración ou xantar cotián gañe en calidade sen complicacións.

Alberte traslada a súa cociña de mercado e de autor a un servizo take away que mantén a esencia do restaurante, pero para entender o servizo para levar cómpre primeiro introducir o restaurante. Detrás do proxecto está Alberte, cociñeiro vigués con formación na escola Hoffman de Barcelona e experiencia en restaurantes como Casa Solla, Martín Berasategui ou Can Fabes. Tras anos traballando fóra, decidiu volver a Vigo para montar algo propio. “Quería apostar por crear algo diferente na miña cidade”, explica. Primeiro foi Hierba Luisa; desde hai tres anos, Alberte, un restaurante recoñecido co selo Slow Food polo seu compromiso real polo produto de temporada.
En Alberte a cociña é radicalmente estacional. A carta cambia todos os días e, en moitos casos, incluso entre servizos. O produto manda: peixes do día preparados á brasa, verduras no seu mellor momento, caza menor cando a tempada o permite. “Buscamos sempre a mellor calidade posible, cada vez mellor”, afirma o cociñeiro. Non hai un receitario fixo nin pratos intocables, pois todo depende do que os proveedores e as lonxas ofrezan.


O restaurante ten pouca capacidade. Unha ducia de comensais por servizo como máximo, mesas separadas, luz cálida, intimidade e unha atención moi personalizada. O desexo de que máis persoas probasen a súa cociña sen alterar a dinámica pausada da sala, deu vida ao servizo para levar. “Mentres que o restaurante é unha experiencia exclusiva, o take away é algo máis popular, do día a día… un recurso para cando te reúnes cos amigos e queres comer ben sen cociñar”, resume o cociñeiro.



A diferenza da sala, onde o mercado e a estacionalidade mandan nunha carta que cambia semanalmente, a proposta para levar é máis estable pero mantén un rigor absoluto na selección da materia prima de temporada. Entre as opcións para comezar, atopamos elaboracións como o micuit de foie de pato con redución de Oporto, as croquetas de boletus edulis e parmesano ou a empanada artesá de chocos da Ría de Aldán na súa tinta. Como pratos principais, Alberte propón opcións individuais, como as faceiras de tenreira galega lacada con parmentier ou as albóndigas de vaca rubia madurada con berenxenas asiáticas; e tamén propostas para compartir, como as fabas de Lourenzá con rape ou o xarrete de tenreira galega, ideal para grupos de ata oito persoas.




As persoas interesadas poden realizar o seu pedido a través do teléfono 986 899 019, do correo electrónico reservas@alberte.es ou mediante mensaxe directa nas súas redes sociais. A recollida realízase no propio establecemento da rúa Rosalía de Castro, 65, en bolsiñas indivisuais seladas ao baleiro. No momento da recollida, o equipo explica o xeito óptico de rexenerar os pratos para que o cliente poida darlle o toque final na casa.
R. de Rosalía de Castro, 65 | @alberte_takeaway | reservas@alberte.es | 986 89 90 19
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O tudense Samuel Diz recupera a música de Gustavo Durán xunto a Jonatan Alvarado - 13 Febreiro, 2026
- Vigo volve á lista do mellor da cultura grazas ao Hematofesti - 6 Febreiro, 2026
- A Asociación Vigo Contra el Cáncer desvincúlase da nova carreira anunciada polo Concello - 4 Febreiro, 2026
- Sorry But, comer sen explicacións - 4 Febreiro, 2026
- Rubén Pozo, San Brais e teatro esta fin de semana en Vigo - 28 Xaneiro, 2026



