Ailén Kendelman: “‘Unha Señora Orquestra’ é unha viaxe musical polas migracións que compoñen o meu nome”
Actriz, percusionista e agora muller orquestra, Ailén Kendelman é unha artista todoterreo que atopou nas Residencias Mariñán, da Deputación da Coruña, o impulso necesario para materializar un proxecto que levaba anos gardado no baúl. Cun apelido que viaxa desde Rusia ata Vimianzo e un nome mapuche, Kendelman propón en Unha Señora Orquestra, unha viaxe polas súas propias raíces migrantes, mesturando ritmos globais cunha ollada feminista e cargada de humor. Tras o éxito do seu anterior proxecto teatral, A Panadaría, Ailén lánzase en solitario (pero moi ben acompañada) a explorar un formato clásico desde a súa propia perspectiva.
Este sábado 25 de abril, podemos vela en Vigo dentro do Festival Bolleras, Viciosas, Travelas e Marimachas, organizado pola Asociación Nós Mesmas na Morada. Ailén abrirá a xornada ás 12:30h.

Como xurdiu a idea de poñer en marcha este proxecto e por que agora?
A verdade é que era unha idea que levaba anos no baúl. Eu son percusionista de formación, pero non tocaba o acordeón, así que tiven que empezar de cero: ir a clases e aprender a tocalo mentres coordinaba todo o demais. O momento clave foi a convocatoria das Residencias Mariñán; supuxo o impulso que necesitabamos para facer realidade o proxecto e foi o inicio real de todo este camiño da Señora Orquestra.
As residencias Mariñán foron o impulso que necesitabamos para sacar o proxecto do baúl
Por que decidiches empregar precisamente o termo “muller orquestra” e que significado ten para vós hoxe en día?
Para nós era moi importante reivindicar este termo porque, se buscas en Google “muller orquestra”, as imaxes que saen son dantescas: mulleres con mil brazos coidando dun bebé, cociñando, limpando e traballando na oficina. Facer unha Señora Orquestra é dicir que as mulleres tamén podemos ser rebeldes, xogar, probar cousas e ser aventureiras. Queremos que as nenas vexan que poden ser o que queiran ser, fóra da carga doméstica que se nos impón.
Se buscas en Google “muller orquestra”, as imaxes que saen son dantescas: mulleres con mil brazos coidando dun bebé, cociñando, limpando e traballando na oficina.
Á hora de crear a túa música e compoñer o repertorio, cales son as influencias que definen o son de Unha Señora Orquestra?
O proxecto é, en esencia, unha viaxe musical polo meu propio nome: Ailén Kendelman Mouzo. No meu apelido e no meu nome hai unha historia de migracións latentes: Ailén é mapuche de Arxentina, Kendelman é un apelido ruso-xudeu e Mouzo vén de Vimianzo, aquí en Galicia. Quería aproveitar esa viaxe para explorar os ritmos desas partes do mundo: facemos ritmos arxentinos, galegos, rusos ou polacos. De feito, traballamos con polkas de Polonia recollidas pola nosa asesora musical. O feminismo e o humor son tamén influencias transversais; son a miña maneira de ver o mundo e de canalizar as cousas que me preocupan ou me molestan
Esteticamente o proxecto é moi potente. Como describirías o sistema que levas ás costas e que papel xoga o visual no show?
Levo un sistema de roldanas que acciona un bombo, unha caixa e un prato. Visualmente ten un aire que a xente asocia co circense, aínda que eu non faga acrobacias. O trebello, como lle chamamos nós, convértese nun todo comigo mentres toco e canto.

Vés de traballar moito co humor en proxectos teatrais anteriores. Como se integra ese ton nesta nova proposta?
O humor é o medio a través do cal nos comunicamos sempre. Moitas veces axuda a que certas mensaxes entren mellor por outra vía e é a maneira de canalizar as cousas que nos preocupan ou nos molestan. Nas cancións hai de todo: crítica, humor, pero tamén momentos máis íntimos ou festivos; a idea é que caiba todo.
Aínda que en escena te vemos a ti soa, falas do proxecto como un traballo colectivo. Quen forma parte dese equipo ?
Para que eu estea soa en escena, houbo doce persoas detrás. Estaba Greta Debelius na ilustración, Xosé Tunhas construíndo o trebello con coiro e ferro, Elena Ferro no deseño e Areta Bolado que é cocreadora e letrista. Tamén fixen moitas asesorías para non descoidar ningún elemento: canto con Nastasia Zürcher, acordeón con Marcos Padrón, asesoría musical con María Alonso e lingüística con Rosa Moledo. O interesante era diseccionar cada parte fóra para que despois o resultado global fose unha cousa común.
Cal é o público ao que vai dirixido este espectáculo?
O proxecto é para público adulto. Malia que o formato poida recordar a propostas para a infancia, como o gran traballo que fai César coa Orquestra Pantasma, a referencia de home orquestra que todas temos en Galicia, a min apetecíame explorar este formato desde a madurez. Interésame ver como as persoas adultas podemos volver á infancia a través de cantar ou facer palmas, espazos que ás veces nos custa habitar.
Interésame ver como as persoas adultas podemos volver á infancia a través de cantar ou facer palmas, espazos que ás veces nos custa habitar.
En que punto se encontraba o proxecto cando entrastes no Pazo de Mariñán e como evolucionou nesa semana?
Chegamos nun punto moi inicial. Tiña cancións compostas, pero aínda non xuntara todos os elementos: non tocara o acordeón e a percusión mentres cantaba ao mesmo tempo. Foi unha semana de traballo intensísimo onde avanzamos moito grazas á liberdade creativa que che dá a residencia, sen expectativas de ter que mostrar algo pechado ou xustificado nese momento.

Para unha creadora, que vantaxes ten o ecosistema de Mariñán fronte ao ritmo de traballo habitual?
Supón ter un tempo de calidade para crear que fóra moitas veces non podemos permitirnos polo ritmo do cotián ou por presións materiais como pagar o alugueiro. Ter esa pausa axuda a que a proposta artística medre. Ademais, a contorna, o observatorio de aves e o cambio de biorritmo que propón o pazo son fundamentais para entrar nun estado de concentración ideal.
Mariñán deunos un tempo de calidade para crear fóra do ritmo frenético
Como viviches a titorización e a convivencia con outros artistas nese tempo?
Contar coa comisaria, Aitana Cuétara, foi un luxo porque axuda a enfocar o proxecto cara onde máis o necesitas, sempre desde o respecto absoluto á túa visión. E a convivencia co resto de residentes de música, pensamento e literatura xera un ambiente de moita confianza. Compartir as dúbidas e os procesos con persoas que practicamente non coñeces é unha experiencia preciosa.
Coa colaboración de:

Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Actividades imprescindibles do Festival de Cans - 20 Maio, 2026
- Festival Millo Verde: música, cultura e compromiso comunitario na Praia de Cesantes - 15 Maio, 2026
- O violinista escocés Alasdair Fraser encabeza o Encordass Fiddle Fest - 15 Maio, 2026
- Hard GZ, Golpes Bajos e Killer Barbies, no novo festival de Vigo - 13 Maio, 2026
- Editatona para visibilizar as escritoras galegas - 12 Maio, 2026



