Afundación programa medio cento de espectáculos no primeiro semestre do ano
Sés, Zenet, Luz Casal, Pablo Meixe, Pantomima Full, Anabel Alonso e Imanoel Arias son algúns dos artistas que actuarán sobre as táboas do teatro García Barbón entre xaneiro e xuño de 2026.

Vinte e catro obras de teatro e monólogos, vinte e tres concertos de música clásica e popular,danza, ballet, e dous espectáculos para a infancia. Así ata cincuenta e unha propostas que se poderán ver en cincuenta e catro funcións diferentes entre xaneiro e xuño, ou o que é o mesmo: un espectáculo cada 3 días. É a oferta de espectáculos do Teatro Afundación para o primeiro semestre do ano.
MÚSICA
A carteleira musical mantén un equilibrio entre música culta e música popular. A Real Filharmonía de Galicia preséntase en catro ocasións: en xaneiro, febreiro, marzo e abril. A estas citas súmanse as actuacións da Orquestra Vigo 430, con concertos en febreiro e marzo; a da Philharmonische Streichquintett Berlin, que se presenta en febreiro; e a Orquesta Sinfónica de Galicia e o Quinteto Lunfardo, que comparecen en maio. Ademais, a Royal Film Concert Orchestra volverá facer un repaso das grandes composicións sinfónicas para cinema no Teatro Afundación o 21 de febreiro.
No apartado de música popular, inaugura a programación Sés o sábado 17 de xaneiro. En febreiro celebraranse os concertos de Zenet -día 7-, Luz Casal -o 26-, e La Banda Sabinera -0 28-. E será precisamente unha artista que fixo importantes colaboracións con Sabina, Pasión Vega, quen se presente no escenario do Teatro Afundación o 6 de marzo cun espectáculo que homeanaxea a outro creador icónico da cultura española das últimas décadas: Vega fara un repaso polas cancións das películas de Almodóvar o 6 de marzo. Un día despois, o día 7, será Amancio Prada quen se presente para
celebrar o cincuenta aniversario do seu disco en homenaxe a Rosalía de Castro. O público do Teatro Afundación tamén poderá asistir no primeiro semestre a senllos concertos tributo a Michael Jackson, Mecano e Maná e aos directos de El Arrebato e o grupo techno-pop de OBK.
HUMOR
O público que prefire o humor e a comedia poderá asistir a unha ampla oferta de espectáculos. Unha cita clásica en xaneiro é a de Noites de Retranca o día 9. O teatro acollerá en febreiro aos monologuistas Pablo Meixe -venres 6-, Pablo Ibarburu -o sábado 7-, e á obra Aguilera y Meni: Misión: Impro-sible -o 20-. En marzo comparecen no Teatro Afundación Abián Díaz -día 1- e Facu Díaz -o 21-. Pantomima Full e Patricia Espejo chegan en abril, o mesmo que Hovik Keuchkerian, o actor libanés que se fixo popular en España pola súa participación na serie La Casa de Papel e que presenta o monólogo Grito.
TEATRO
A Tempada de Abono de teatro presentará sete espectáculos no primeiro semestre. Tras a inauguración en xaneiro con Los lunes al sol —obra cuxa trama se desenvolve en Vigo—, a programación continuará en febreiro con Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana. En marzo será a quenda de La música, con Ana Duato e Darío Grandinetti, e o monólogo de Anabel Alonso en La mujer rota. O semestre avanzará en abril coa comedia Mejor no decirlo, con Imanol Arias e María Barranco. O xoves 7 de maio o público poderá asistir a Querida Agatha Christie, protagonizada por Carmen Morales. O broche final á tempada porao en xuño a obra Inmaduros, liderada por Carlos Sobera.
As entradas para os eventos xa están dispoñibles en Ataquilla.com

