Actividades para todos os gustos e idades na 7ª edición de The Wild

A primeira fin de semana de setembro, celébrase a sétima edición de The Wild, un dos últimos festivais do verán, no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Ademais do seu forte compromiso coa natureza e o coidado do medioambiente, este festival ofrece unha ampla programación na que destacan concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema ao aire libre, actividades infantís e propostas para desfrutar da contorna.

The Wild Fest | P. Cermeño

The Wild aposta por un modelo de festival accesible, diverso e sostible, cunha proposta que vai máis alá da música. Así como pola noite as actuacións musicais en directo son as protagonistas, durante o día o recinto transfórmase nun gran espazo de lecer aberto ao público. As familias atopan nel un ambiente relaxado e seguro, onde poden descansar, xogar e compartir experiencias na natureza.

Algunhas das actividades máis esperadas son o concerto de Cé Orquestra Pantasma e o espectáculo de Peter Punk Pallaso, ambas dirixidas principalmente á cativada. Cé é un home-orquestra único no seu estilo. Nesta ocasión, ofrece Animalada, un show cheo de música, retranca e participación. Pola súa banda, Peter é un dos pallasos máis queridos polos nenos galegos. No festival, presenta Con lingua propia, un novo espectáculo onde mestura o clown e a música para asegurar as gargalladas.

Cé Orquestra Pantasma | P. Cermeño

O programa infantil complétase con pintacaras, xogos tradicionais, obradoiros e as inéditas Olimpiadas Palladas, unha nova actividade familiar que combina deporte, teatro e xogos co fin de crear un espazo onde participar é máis importante que gañar. Por este motivo, non haberá medallas nin podios. Ademais, Peter Punk será o mestre de cerimonias, o árbitro e, por suposto, o primeiro en facer trampas con estilo.

Peter Punk | P. Cermeño

Porén, non son as únicas propostas da 7ª edición de The Wild para desfrutar en familia. Como a identidade do festival está estreitamente vinculada ao Parque Forestal de San Miguel de Oia, ano tras ano reforza as actividades de contacto coa contorna. Algúns exemplos son a tradicional Andaina, un percorrido guiado por membros da Comunidade de Montes, ou Orientaventura, unha xincana de orientación por equipos (entre dous e cinco persoas).

FAITE AMOVIDALOVER
Orientaventura | P. Cermeño

A maiores, a experiencia complétase cun mercado de artesanía e creación, onde artistas e produtores locais amosan os seus traballos, e cunha zona gastro, formada polos foodtrucks de Paparrúa, Bocatería Lalo, Pizzería Lolo, Cociña Mexicana Mama Fina e Bico de Xeado.

En definitiva, a cousa queda así:

Pódense mercar as entradas xerais para asistir ao festival aquí e as inscricións para Orientaventura aquí.