Actividades imprescindibles do Festival de Cans
O Festival de Cans celebra unha nova edición do 19 ao 23 de maio coa aldea porriñense convertida en escenario aberto para o cinema, a música e as artes. Ata o sábado veremos desfilar os chimpíns cargados de estrelas da gran pantalla, espazos singulares acollen proxeccións de curtametraxes, encontros con cineastas, actividades familiares e concertos. O extenso programa completo pode consultarse nesta ligazón e as entradas para as proxeccións cómpranse na web do certame.

Sección oficial de curtametraxes
Varios pases de xoves a sábado
A sección oficial de curtametraxes é o corazón do festival. As proxeccións celébranse nos baixos e garaxes das casas da aldea e dívídense en varios bloques (ficción, non ficción e novas camadas) que reúnen o máis destacado da creación galega do último ano. Algunhas recomendacións son a adapatción de O Corpor de Cristo, Premio Nacional de Cómic, de Bea Lema; Cara de Cona, do singular director vigués Guillermo de Oliveira; a recén estreada curta de xénero fantástico de Xaime Miranda, Ante o Avesío; Lucus, do gañador nos Mestre Mateo e nomeado nos Goya David Fidalgo; ou Escala un cincuenta mil, o debut como director do xornalista Ángel Suazes.
Proxección 360 curvas + concerto
Venres ás17.30 h no Baixo de Bugarín
Dobre sesión de cine e música con Adríán Méndez, Manu Lucas e Manuel García, participantes na película e membros da banda De Ninghures. O filme, premido co Mestre Mateo ao Mellor documental colle o nome da distancia en curvas que separa A Fonsagrada de Lugo. O filme, narrado entre un pasado de protestas e o presente non tan afastados, é a historia dunha comunidade rural que se nega a desaparecer Foi premiado co Mestre Mateo ao mellor documental.
Coloquio con Julio Medem
Sábado 23 ás 12:00 no Torreiro de Cans – De balde
Julio Medem será unha das grandes figuras desta edición, protagonizando o coloquio central do Torreiro e deixando a súa estrela no festival. Cunha traxectoria de máis de tres décadas e filmes clave como Vacas, La ardilla roja ou Lucía y el sexo, o cineasta presentará ademais o seu novo traballo, 8, unha viaxe por 90 anos de historia a través de oito planos secuencia que conectan as vidas de dous personaxes co devir do país.
MiniCans
Sábado en diferentes espazos e horarios.
O festival conta con actividades para a cativada de diversa índole. Na Leiriña do Río situarase A caixiña de mistos, unha caravana na que nenas e nenos gozan cada ano dunha selección de curtametraxes de animación. Tamén poderán participar nun obradoiro de cinema con figuras de barro, outro de pintura e un contacontos. A cineasta Coral Piñeiro impartirá A maxia do cine, unha sesión para descubrir como se fai unha película, desde o guión en papel ata a pantalla.
Victor Coyote: retrospectiva e concerto
Retrospectiva – Sábado ás 20:30 no Cuberto de Mucha do Peso
Concerto -Sábado ás 21:00 no Invernadoiro Rei Zentolo
O artista de Tui ofrecerá unha actividade dobre o sábado: unha retrospectiva comentada do seu traballo audiovisual e un concerto. Coyote tamén ten activa unha exposición dos seus traballos no Círculo Cultural do Porriño e será recoñecido co Chimpín de Prata á súa traxectoria, marcada por máis de catro décadas de creación tanto na música como nas artes visuais. Figura clave desde os anos da Movida, primeiro á fronte de Los Coyotes e posteriormente en solitario, foi pioneiro na incorporación de ritmos latinos no rock, o punk e as músicas de raíz.
Festa final con Entrega de premios + concerto de De Ninghures + Señora DJ
Sábado a partir das 23:00h no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río
O sábado é a xornada que máis programa ción acumula, tanto na pantalla como nos escenarios. Ás 19:00h actuará no escenario da Leira do Río a banda Arizona Baby. Xa ás 23:00h, no mesmo espazo comeza a despedida desta edición do festival coa Gala final de entrega de premios seguida do concerto de De Ninghures, ás 24:00, e a picadiscos Senhora DJ.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026
- Amigos de la Ópera presenta ‘Don Giovanni’ e outras dez actividades - 29 Maio, 2026
- ‘Oasis’, ‘Punto Nemo’ e ‘Ágata y Lola’ encabezan a programación do Festival de Series Ría de Vigo - 27 Maio, 2026




