Actividades extraescolares en Vigo para este novo curso

O curso escolar recén arrancou, e con el as actividades extraescolares que tanto axudan na conciliación e na formación e divertimento dos máis pequenos. Recompilamos catro opcións do máis interesantes.

El Atelier de Expresión, liberdade creativa cunha metodoloxía única

REVENIDAS

A nosa cidade acolle desde novembro de 2024 un espazo de creación único que redefine a aprendizaxe artística e ofrece un ambiente de libre expresión baseado nos descubrimentos do pedagogo francoalemán Arno Stern. En El Atelier de Expresión nenos e adultos pintan sen xuízos nin presións, co fin de fomentar unha profunda conexión co seu eu creativo.

A fundadora deste taller, Cristina González, é unha restauradora de pintura antiga á que, malia non ter formación académica a nivel artístico, sempre lle encantou pintar e debuxar. A súa propia viaxe autodidacta conectou fortemente co traballo de Arno Stern, quen, ao longo de máis de sete décadas, se dedicou a investigar sobre a libre expresión a través da pintura. «Formeime con Stern cando el tiña sobre 98 anos. Tiña unha mente privilexiada e estaba moi convencido de todo o que transmitía. Tiven moita sorte de poder aprender con el», explica a responsable.

Cristina observou como a educación artística tradicional adoita coartar a creatividade infantil arredor dos dez anos, ao impoñer unhas ensinanzas para as que os rapaces non están preparados e que acaban por desmotivalos. Por iso, en novembro do ano pasado, abriu este espazo co obxectivo de que as persoas poidan pintar sen a presión de crear unha «obra de arte» para os demais, senón para o seu propio gozo e evolución.

Rúa de Zamora, 51 | ateliereducacioncreadoravigo.com | 623 18 74 57 | hola@ateliereducacioncreadoravigo.com | @atelier_educacioncreadoravigo

Kidcode: unha década impulsando o talento dixital

A academia viguesa celebra o seu décimo aniversario consolidada como referente na formación tecnolóxica para nenos e adolescentes. O seu obxectivo é apoderar a rapazada para o uso responsable da tecnoloxía e da intelixencia artificial, co fin de preparala para o futuro.

A fundadora de Kidcode, Leticia Costas, comezou a idear o proxecto hai máis dunha década tras detectar a fenda entre a metodoloxía do sistema educativo tradicional e as demandas laborais reais. Tras varias probas, creou a academia á que ela mesma querería ir cando era nena. A resposta da rapazada, como era de esperar, foi moi positiva.

Kidcode é un proxecto comprometido co desenvolvemento dunha cidadanía crítica, innovadora e activa na sociedade. A metodoloxía céntrase no alumnado e axúdao a identificar fortalezas e intereses desde ben novo. Desenvolven habilidades como a lóxica, a resolución de problemas, o traballo en equipo e a resistencia á frustración. O currículo, dinámico e actualizado, emprega ferramentas tecnolóxicas e metodoloxías áxiles de innovación, como o design thinking, e prepara para as profesións do futuro ao tempo que fomenta a toma de decisións informadas.

As actividades cobren un amplo espectro dixital: programación (Python, HTML, JavaScript etc.), robótica educativa, electrónica, realidade aumentada, deseño e impresión 3D, ofimática, deseño de videoxogos e aplicacións, ciberseguridade… As clases están dirixidas a rapaces e rapazas de cinco a dezasete anos, cunha duración de hora e media semanal. Os grupos son reducidos para poder garantir un seguimento personalizado de cada estudante.

Rúa de Zamora, 88 | kidcode.es | 886 14 24 69 | info@kidcode.es | @kidcode_academy

Este centro leva catro décadas esforzándose en fomentar en nenos e adultos a idea de que a arte é a ferramenta que nos converte en humanos, e considera a creatividade unha capacidade especialmente útil e necesaria en todos os ámbitos da vida, a nivel tanto persoal como profesional. No que ás crianzas se refire, educar na creatividade desde a infancia axuda a formar persoas adultas con maior confianza en si mesmas, máis tolerantes, con maior capacidade crítica e máis libres.

Na súa filosofía prima a liberdade de expresión artística, deixando atrás as sesións aburridas e dirixidas que utilizan patróns arcaicos. Non se requiren coñecementos previos, xa que cada participante traballa no seu propio proxecto, ao seu ritmo e adaptando a clase ás súas necesidades. Os obradoiros son personalizados, dinámicos, participativos e divertidos.

Os grupos son reducidos, cun máximo de doce alumnos, e non teñen límite de idade a partir dos seis anos. Neles mesturan distintos niveis e idades, xa que traballar desde a diversidade é enriquecedor para todo o mundo. Estas sesións semanais teñen unha duración mínima de dúas horas. O curso anual desenvólvese de luns a venres polas tardes, desde o 1 de setembro ata o mes de xuño. Ademais, o taller organiza de maneira gratuíta visitas a exposicións, monográficos e diferentes saídas culturais para o seu alumnado. Tamén ofrece cursos especializados e campamentos de verán.

Avenida da Florida, 32, baixo | 986 20 49 48 e 657 65 97 45 (WhatsApp) | tallerdeartemingosteixeira@gmail.com | arteixeira.com/taller | @taller_mingos_teixeira

Ciudad Aventura é unha ludoteca infantil para nenos e nenas de tres a dez anos que naceu en 2024 en Navia, co propósito de facilitar a conciliación familiar e ofrecer un espazo de xogo libre e actividades dirixidas que fomentan a imaxinación, a creatividade e as habilidades sociais.

Desde mediados deste ano contan cun novo local situado na planta baixa do Centro Comercial Camelias, un espazo amplo ideal para o xogo simbólico nas diferentes áreas temáticas: cociña, hospital, tenda, salón de peiteado… Tamén dispoñen dun parque de bólas, unha zona de lectura e debuxo e un campo multideporte. En outubro arrancan as extraescolares regulares: no laboratorio de arte (martes) desenvolven a creatividade explorando técnicas e materiais diversos —incluída a reciclaxe para arte sostible— e aprenden sobre movementos artísticos, mentres que no de cociña (luns e/ou mércores), os pequenos chefs recrean receitas, adquiren coñecementos básicos de nutrición, diferencian alimentos e manexan utensilios de cociña. O horario de ambas as actividades é de 16:30 a 18:30 horas, cunha hora de clase e media de xogo libre.

Ademais, Ciudad Aventura Park organiza e acolle campamentos urbanos, talleres e festas de aniversario. Para estar ao tanto de todas as novidades teñen unha canle de WhatsApp, con ofertas e descontos exclusivos.

Centro Comercial Camelias, planta baixa (Praza de América, 1) | ciudadaventuravigo.es | 604 04 53 92 | ciudadaventuravigo@gmail.com | @ciudadaventuravigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.