CASTRELOS 25

Ábrese un crowdfunding para documentar a importancia de ‘Habitar o baleiro’

O Museo Pazo Quiñones de León acolle ata o 13 de xullo a exposición de Habitar o baleiro, un proxecto que documenta o despoboamento do rural en Galicia, así como as novas formas de vida que xorden no mesmo. Fotografías, texto, vídeo e a recente posta en marcha dun documental. O equipo lanza un crowdfunding este mércores para producir a peza adiovisual.

Miguel Riaño, Claudia Morán e Brais Lorenzo na exposición | Eva Lago

Unha forma de habitar que desaparece; un renacer que debe ser impulsado. Tras unha década de traballo do fotoxornalista Brais Lorenzo, a xornalista Claudia Morán e outros compañeiros, únese á proposta o produtor Miguel Riaño para condensalo todo nunha peza documental. O mércores 25 de xuño lanzan un crowdfunding para poder materializar a iniciativa. O proxecto nace do que Brais Lorenzo cualifica como “a cuestión máis relevante agora mesmo no noso territorio para documentar”. Testemuña do progresivo esmorecemento da súa propia aldea, Brais interésase por documentar o patrimonio —material e inmaterial— que desaparece, levando consigo un anaco da identidade do pobo galego.

A toponimia, a conexión co primario, o saber das persoas maiores nas aldeas… En definitiva, trátase de concienciar acerca do desvanecemento dunha forma de vida en Galicia. Con todo, é unha realidade máis complexa. Unha parte fundamental de Habitar o baleiro é amosar a tensión entre o que esmorece e o que agroma. “Fronte ao discurso dominante —mesmo institucional— que dá o rural por superado, hai quen segue a acreditalo como unha forma de vida”, explica Claudia Morán.

Imaxe cedida por Brais Lorenzo

O equipo detrás do proxecto busca que a sociedade tome conciencia sobre a necesidade de preservar esta parte tan importante da nosa cultura. “Xerar debate e chegar á xente co poder para dotar de servizos e mellorar a vida das persoas do rural” son algúns dos obxectivos destacados por Brais.

Máis de 50 imaxes, textos xornalísticos, materiais físicos e audiovisuais compoñen a mostra do Museo-Pazo Quiñones de León, aberta ao público desde o pasado 8 de maio. Unha experiencia que mergulla ao espectador nas entrañas do pobo galego, e que xa conta con arredor de 16.000 visitas. O museo situado en Castrelos é a cuarta sede anfitrioa da mostra, seguindo ao Museo do Pobo Galego, o Centro Cultural Marcos Valcárcel e o Museo Provincial de Lugo.

Máis aló das exposicións, trátase dun proxecto multiplataforma 360º formado tamén por reportaxes xornalísticas e un repositorio web que se completa coa produción dun documental, que incorpora o rigor académico e a realidade mundana nunha mesma peza. Miguel Riaño, produtor do documental, pretende plasmar un fenómeno global, como é a morte do rural en Occidente, a través do caso galego. O obxectivo é, a través de entrevistas cun panel de expertos, mostrar as realidades concretas da vida afastada das cidades.

Imaxe cedida por Brais Lorenzo

O equipo atópase nunha fase de pre-entrevistas que permitirán a confección dun guión e un plan de rodaxe sobre o que traballar. Para pasar á acción, o mércores 25 de xuño lanzan unha campaña de financiamento de crowdfunding. Estará activa durante corenta días, coa conseguinte publicación diaria de contido informativo acerca do proxecto, as características do método de financiamento ou o sistema de recompensas empregado. Deste xeito, se a iniciativa conta co apoio necesario, comezarán a fase de reinterpretación do traballo xa feito, regrabando e aglutinando distintas disciplinas para plasmar todas perspectivas posibles. Socioloxía, economía e historia, entre outras, para responder ás preguntas: Que foi, que é, e que será o rural. A peza, tal e como explica Riaño, plasmará tamén as dúbidas do propio equipo durante a tarefa de acotar que se considera rural e o que non.

Imaxe cedida por Brais Lorenzo

Que é o rural?

Á hora de abarcar un eido tan amplo como a vida no rural, intentando crear un proxecto o máis plural posible, a escolla das localizacións vólvese unha tarefa complexa. O equipo explica que a experiencia profesional de Brais Lorenzo foi fundamental á hora de determinar cales son aqueles espazos que mellor representan a situación actual. “Intentamos traballar sobre todo nas zonas de montaña nas provincias de Ourense e Lugo, que son as que perderon sobre o 70% da poboación nos últimos 60 anos”, sinala o fotoxornalista. Claudia nomea algúns dos escenarios protagonistas das historias contadas no proxecto: Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso e A Veiga son os tres concellos ourensáns coñecidos como a Siberia galega. Non polo frío, senón pola súa baixa densidade de poboación”. Non obstante, están a valorar a incorporación da cobertura de zonas costeiras para o documental. Pretenden facer unha proposta o máis coral posible, mostrando a problemática desde múltiples olladas.

Imaxe cedida por Brais Lorenzo

Unha cuestión que nos atinxe a todos e todas

Lorenzo, Riaño e Morán destacan a crucial importancia de poñer o foco na preservación do rural galego. “Habitar o rural é básico para preservar a biodiversidade de Galicia, necesaria para vivir, sexa nunha cidade ou nunha contorna natural”, explica a xornalista, e engade: “se isto non se documenta, son coñecementos primarios e unha parte do patrimonio que se perden”. Doutra banda, Brais incide na necesidade de aprender a vivir dunha forma menos consumista e volver a relacionarse co medio: “Nós pensamos que nas cidades estamos moi evolucionados e, de repente, vén un fallo eléctrico e a nosa vida morre”.

RIO VERBENA
The following two tabs change content below.

Javier Rodríguez