Abre o prazo para a 6ª edición da Bolsa Ensaia: 10.000 euros para impulsar o talento novo e independente en Galicia

Xa está en marcha a sexta edición da Bolsa Ensaia, unha iniciativa única destinada a apoiar e consolidar as traxectorias de mozos e mozas que buscan desenvolver un camiño profesional diferente e con impacto directo en Galicia. O prazo de inscrición xa se atopa aberto e pecharase o vindeiro 8 de novembro de 2026.

Gala da bolsa Ensaia en 2025 | Ensaia

A diferenza doutros apoios tradicionais, a Bolsa Ensaia non está promovida por ningunha empresa nin administración pública. Detrás deste proxecto atópase unha comunidade de máis de 250 persoas doantes (coñecidas como “pingas”), que achegan de xeito anónimo e voluntario os seus propios cartos co desexo de fomentar unha cultura de xenerosidade e apoiar de xeito real á seguinte xeración galega.

A bolsa está dirixida a persoas de entre 21 e 35 anos de calquera sector, ámbito ou disciplina (desde a cultura, a olería ou a gastronomía ata a medicina ou a bioloxía). O único requisito fundamental é que o proxecto presentado sexa unha proposta individual e teña un impacto cultural, económico, artístico, social ou medioambiental en Galicia. Podes presentala na seguinte ligazón.

Este ano a convocatoria preséntase co maior número de posibilidades de apoio ata o de agora, sumando novos incentivos e axudas á dotación habitual:

  • Bolsa principal de 10.000 €: Unha dotación económica íntegra (repartida en tres pagos ao longo do ano) destinada a investimentos estratéxicos que faciliten e impulsen a traxectoria da persoa seleccionada.
  • Dúas Bolsas Obra de 1.000 € cada unha: Unha novidade desta edición para dúas finalistas, co obxectivo de axudalas a materializar unha pequena mostra ou versión reducida do seu proxecto.
  • Bolsa Residencia: Unha finalista poderá desfrutar dunha estadía creativa de un mes en Anceu coliving coa estancia completa de balde (valorada en 1.200 €) e unha contribución de 600 € para gastos.
  • Acompañamento e comunidade: O programa inclúe mentoría e seguimento profesional (“A que andas?”), a organización de encontros de colaboración financiados para a comunidade de finalistas (con axudas de 250 €), e divulgación do traballo mediante unha entrevista no podcast e unha reportaxe fotográfica na publicación “As follas novas”.

Desde o seu nacemento, Ensaia xa acompañou a 31 persoas entre receptoras e finalistas. As persoas que resultaron gañadoras da bolsa principal nas edicións anteriores son as seguintes:

  • Edición 2025 (Bolsa de 10.000 €): Hadrián Jamardo (Banda deseñada), integrador social e debuxante que utiliza o cómic como ferramenta para reflexionar sobre cuestións sociais e culturais desde a perspectiva galega.
  • Edición 2024 (Bolsas de 6.000 € cada unha): Adra Pallón (Fotografía), fotógrafo comprometido coa memoria da cultura labrega e as identidades de Galicia; e Ana Díez (Xestión cultural), cofundadora de A Seara, axencia dedicada a transformar o panorama artístico e defender a lingua galega.
  • Edición 2023 (Bolsa de 6.000 €): Adrián M. Pereiro (Lutería), luthier que propuxo a construción dun violonchelo utilizando catro madeiras autóctonas de cada unha das catro provincias galegas.
  • Edición 2022 (Bolsa de 6.000 €): Nuria Vilán (Poesía), autora do poemario “Simún” que desenvolve un proxecto de palabra falada para achegar a poesía á sociedade sen prexuízos.