Abertas as inscricións aos Premios da Cultura Galega 2025
O prazo para presentar candidaturas á nova edición dos Premios da Cultura Galega remata o vindeiro 9 de setembro. Estes galardóns, que distinguen a creación e proxección cultural en Galicia, abranguen oito modalidades nos diversos eidos artísticos. As institucións e entidades culturais ou profesionais interesadas dispoñen dun prazo de dous meses para inscribirse ao certame.

Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección exterior: oito modalidades nas que se ofrece un único premio a unha persoa ou entidade, correspondente a unha peza artística ou un obxecto conmemorativo de autoría galega, ademais dun diploma acreditativo.
Para formalizar a participación no evento, débese cumprimentar un formulario, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Ademais, débense engadir os méritos das candidaturas acompañados dunha xustificación de entre 15 e 20 liñas. Na data da formalización, a persoa participante debe estar viva e, no caso dos colectivos e entidades, deben ter actividade.
A tarefa de escoller os galardoados é dun xurado presidido por José López —Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude— composto por un máximo de dez vogais representantes do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Santiago de Compostela, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, das áreas de Promoción de Igualdade e Cultura da Xunta de Galicia e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido cultural designadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Prémiase a creatividade e a excelencia , recoñecendo o labor creativo e a expansión a novos espazos nos distintos campos artísticos.
Galardoados na pasada edición
Os premiados na edición dos Premios da Cultura Galega 2024 foron: O escritor e creador Manuel Lorenzo, na modalidade de Letras; o deseñador Xosé María Pérez Barro en Artes Visuais; a directora escénica e actriz Marta Pazos Antas, en Artes Escénicas; o xestor cultural Joaquín Martínez Silva, en Música; a produtora Ficción Produccións, en Audiovisual; a xornalista Julia Díaz Sixto, en Lingua; o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, en Patrimonio Cultural, e o Real Club Celta de Vigo, en Proxección Exterior.



